Cando Alberto Núñez Feijóo volveu ao Goberno galego, alá polo 2003 como conselleiro de Política Territorial, un dos aspectos que máis se destacou no seu currículo é que tiña unha ampla experiencia na xestión sanitaria. Fora o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde na propia Xunta de Fraga, ás ordes de José Manuel Romay Beccaría, e tamén da man de Romay, o seu mentor político, presidira o antigo Insalud no Goberno de Aznar.
Non só xornalistas, compañeiros ou rivais políticos destacaban esta faceta de Feijóo. Tamén el mesmo, en moitísimas ocasións, se orgulla desa experiencia e, xa como presidente, o sanitario foi un dos eidos nos que máis directamente se implicou. Se cadra todo isto tamén inflúe en que nestes días, os que parece que son da despedida de Feijóo como presidente da Xunta, a sanidade sexa un dos temas máis sinalados nos balances sobre a súa xestión. Por iso, tamén porque a sanidade é a principal competencia do Goberno galego e a área que máis orzamento manexa cada ano, uns 4.000 millóns de euros.
En Praza.gal gústanos buscar espazos para a pausa e o contexto e nestes días quixemos facer xusto isto cos últimos 13 anos da sanidade pública galega, tamén no novo episodio do podcast informativo de Praza.gal. Con Miguel Pardo repasamos uns cantos datos e feitos para achegármonos á sanidade pública da era Feijóo e tamén ás voces de profesionais que se mobilizaron fronte ás súas políticas: Aurora Magán, do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, e Manuel Martín, voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, que impulsou algunhas das mobilizacións máis multitudinarias dos últimos anos en Galicia.
No segundo treito do programa volvémonos achegar ao que se fala en VINTE da man da súa directora, María Yáñez. Nestes días tamén se fala de guerra, un concepto que volve estar moi presente pola guerra na Ucraína, pero en VINTE está dun xeito ben diferente, cun conto que se titula Bombas de chocolate.
Ademais, nas páxinas de VINTE tamén puidemos achegarnos ao traballo de dúas artistas para redescubrir o cotián, Lara Pintos e Mar Ramón Soriano. E, aínda coa resaca dos Mestre Mateo, en VINTE hai tamén cinema cun actor ao que podemos ver nunha das estreas máis recentes, Xúlio Abonjo, ao que temos nas salas de cinema do país con Malencolía.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.