Fálase | Cautelarísimas antes do Nadal

Sede do Tribunal Constitucional (Madrid) e unha rúa de Vigo decorada para este Nadal 2022 © TC | CC BY-SA Ana G. Liste | Imaxe Fálase: © Isabel Vila

Imos falar do do Constitucional. Un tema, é certo, calquera cousa menos lixeiro para estas datas nas que andamos. Ás portas do Nadal pospandémico, o Tribunal Constitucional prohibiu ao Senado, como pedira o PP, votar dúas emendas propostas polo PSOE e Unidas Podemos e xa aprobadas no Congreso coas que pretendían desbloquear a renovación do propio Tribunal Constitucional

Neste novo neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, tentamos contextualizar estes feitos, explicalos e explorar por onde poden ir as cousas nas vindeiras semanas. Comezamos por aclarar de que falamos cando falamos do bloqueo do Tribunal Constitucional, un órgano de doce membros que se renovan por terzos: en 2017 o Senado renovou o seu terzo e no 2021, o Congreso fixo o mesmo co seu. 

No novo episodio do Fálase poñemos contexto ao veto do Tribunal Constitucional fronte á reforma para renovalo

En xuño deste ano tocaba renovar o terzo que falta, que é o que corresponde a partes iguais ao Consello Xeral do Poder Xudicial e ao Goberno de España, dous postos para cada un… Pero o Consello do Poder Xudicial ten o mandato caducado dende decembro de 2018, cando expirou a composición resultante dunhas Cortes nas que o PP de Mariano Rajoy tiña maioría absoluta e que, polo tanto, reproduce esa maioría

En 2018, xustamente, o Goberno de España cambiou de signo e Pedro Sánchez chegou á presidencia. Para nomear os membros do Poder Xudicial é imprescindible un acordo PSOE-PP, porque legamente cómpre unha maioría reforzada de tres quintos, e os populares, tanto con Pablo Casado como con Alberto Núñez Feijóo, néganse dende aquela a pechar o pacto. 

Carlos Amoedo analiza no Fálase o impacto das medidas cautelarísimas impostas polo Tribunal Constitucional contra as emendas coas que PSOE e UP pretendían desbloquear o propio TC

Todo este contexto é importante para entender en que consisten exactamente as emendas que o Constitucional vén de prohibir votar. PSOE e Unidas Podemos decidiron aproveitar a reforma do Código Penal para modificar o procedemento de elección dos membros do Constitucional que elixe o Poder Xudicial e eliminar o requisito de que os nomeados polo Poder Xudicial e os nomeados polo Goberno vaian ao mesmo tempo. Así, o Goberno cumpriría coa súa parte e o xogo de maiorías do Constitucional pasaría de 6 membros considerados conservadores e 5 progresistas a xusto ao revés, 6 do bloque progresista e 5, do conservador.

Con Carlos Amoedo sabemos máis da importancia política e xurídica do veto e da súa posible evolución

Para entender ese veto por parte do propio Constitucional á súa propia renovación, o seu significado e a importancia política e xurídica que ten recibimos neste episodio do Fálase a Carlos Amoedo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña e tamén presidente da Fundación Praza Pública. Ao seu xuízo, o TC quebranta a separación de poderes ao impedir ás Cortes que debatan e voten as emendas, con independencia de que despois as analizasen a posteriori. 

Do seu punto de vista, o máis axeitado é que PSOE e Unidas Podemos retomen o cambio pola vía do proxecto ou proposición de lei e cheguen a culminalo. Todo nun  contexto, advirte, que non se comprende sen antecedentes como os movementos xudiciais en torno ao rei emérito ou as accións contra o proceso soberanista catalán.

Alumeado de Nadal en Vigo neste 2022 CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

Olladas ao Nadal de Vigo

Alén do Constitucional, non esquecemos que este trixésimo segundo episodio do Fálase é o último antes das festas do Nadal. E por iso achegámonos a Vigo con Ana G. Liste, que hai poucos días reflectiu nunha reportaxe algo do que se move en torno ao alumeado festivo da cidade. O texto, citando o sociólogo Zygmunt Bauman principiaba preguntándose cando se fai excesivo o exceso. 

O Nadal de Vigo e as súas luces son exceso e aglomeracións e certa controversia, pero tamén camiñar por lugares habitualmente reservados aos coches ou familias e amizades gozando do reencontro

Volvemos sobre esa pregunta e sobre as múltiples facianas da celebración; con milleiros de visitantes e de leds, aglomeracións, consumismo, protagonismo do alcalde, Abel Caballero, e certa controversia. Pero tamén con moitas persoas celebrando e camiñando por espazos habitualmente reservados aos coches e familias enteiras ou grupos de amizades gozando de estaren xuntos.

Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.