Nos anos do No-Do, as pezas de propaganda da ditadura que se proxectaban obrigatoriamente nas salas de cinema antes das películas, era habitual ver a Francisco Franco no pazo de Meirás. Imaxes coma esas, pero a cores, seguíronse repetindo durante décadas despois de que morrera Franco. Os herdeiros do ditador quedaron co Pazo de Meirás como se fose seu e alí celebraron diversos eventos sociais ou pasaron períodos de vacacións. Mesmo amosaban nas revistas do corazón o ben que alí o pasaban.
Isto foi así ata a sentenza xudicial que, en 2020, deu a razón ao Estado e acreditou que Meirás é un patrimonio público. Pero naquela demanda non ía incluído o contido, o que hai dentro de Meirás. Esa reclamación formal vén de chegar agora, nunha nova demanda na que se inclúe a reivindicación de moita documentación. Neste vixésimo terceiro episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, imos saber algo máis do que agochan os papeis de Meirás.
Con Miguel Pardo, que examinou a demanda con detalle centrándose especialmente neses documentos, coñecemos que por primeira vez temos unha listaxe dos papeis de Meirás e da relevancia de moitos deles. Desde a axenda persoal de Franco de 1955 ata informes reservados sobre un movemento para instaurar a República ou un decreto que o Vaticano enviou ao ditador sobre a denominación de El Ferrol del Caudillo.
Neste episodio escoitamos, ademais, as voces de dous dos historiadores que levan anos traballando na recuperación de Meirás para o patrimonio público. Dende a cautela que require un proceso xudicial en marcha, Emilio Grandío explica que a importancia da documentación de Meirás reside, en boa medida, en que nos amosa como pensaban o ditador e o seu réxime. Tamén en que acredita que o pazo non era só un lugar de vacacións, senón tamén de poder.
Neste aspecto tamén se fixa outro dos historiadores que máis sabe de Meirás, Manuel Pérez Lourenzo, coautor do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio e tamén moi implicado en avaliar o que alí quedou. Explica ata que punto é preocupante que o Estado permitise, durante décadas, que documentos oficiais estivesen nas mans dos Franco
Incerteza na gran factoría galega do automóbil
No novo episodio do Fálase achegámonos tamén a outro asunto ben distinto e importante para moita xente, para moitos traballadores e traballadoras na contorna de Vigo e que fala de incerteza. De incerteza na fábrica de Stellantis na Zona Franca, o que para moita xente segue sendo a Citroën.
Ana G. Liste publicou hai poucos días unha reportaxe que comezaba cunha desas frases que dá para seguir tirando do fío: "O dobre de coches coa metade de xente". Pronunciouna un traballador da factoría para resumir que alí hai moito traballo, pero con menos mans e nun contexto moi inestable por factores coma os ERTE ou as paradas a causa da falta de semicondutores. Para entender mellor o que sucede repasamos estes testemuños e escoitamos tamén a representantes sindicais do persoal.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.