É posible que nos últimos meses escoitases falar ou leses algunhas cousas sobre a expansión do sector eólico en Galicia. Mesmo cousas contraditorias: invasión eólica ou parálise total do sector, espallamento sen límites ou lexislación ambiental contraria ao progreso das enerxías renovables.
Resumimos e poñemos contexto ás autorizacións ambientais de parques eólicos da Xunta e do Estado das que tanto se leva falado nas últimas semanas
O certo é que nos últimos anos houbo moito, moito ruído ao respecto no noso país e moitas menos concrecións ao respecto. Os prazos fixados polo Goberno de España propiciaron que, nos últimos días do pasado xaneiro, a Xunta acelerase para autorizar ambientalmente en prazo un bo número de parques eólicos. Concretamente, setenta e sete validados por ela mesma e outros sete polo Goberno de España co seu aval ambiental.
Neste novo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, tentamos baixarlle un pouco o volume ao ruído para irmos ao concreto e resumir que é o que efectivamente se autorizou, que significa exactamente que a Xunta e o Estado autorizasen eses parques eólicos e o que pode suceder con todo isto nun futuro próximo.
Comezamos o episodio lembrando como, hai algo máis dunha década, o sector eólico estivo en primeiro plano do tirapuxa político en Galicia polo concurso que lanzara o Goberno do PSdeG e do BNG, concretamente a Consellería de Industria, que dependía do Bloque, con algo máis de 2.000 en xogo. Aquel concurso chegou a adxudicarse pero chegou o Goberno do PP de Feijóo e anulouno. Segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e tamén segundo o Tribunal Supremo, aquela anulación foi ilegal.
Con David Reinero repasamos como daquel daquela en Galicia había uns 4.000 aeroxeradores en Galicia, que sumaban, en cifras redondas, uns tres mil trescentos megavatios e máis dunha década despois, a potencia instalada apenas aumentou, as máis das veces por repotenciacións de parques antigos.
En todos estes anos a Xunta mudou diversas regulamentacións no sector. Tamén o fixo o Goberno de España, que en 2020, dentro dos plans para acelerar as enerxías renovables, fixou varias datas límite para que as empresas promotoras de parques eólicos que xa teñan permiso de conexión á rede eléctrica obtivesen o resto de permisos.
A semana pasada, o 25 de xaneiro, remataba o prazo para que conseguisen os permisos ambientais. De aí os aceleróns de última hora. Houbo autorizacións da Xunta, á que lle corresponde ditaminar sobre os parques de ata 50 megavatios e tamén do Estado en Galicia, por riba dese limiar. Dos 120 competencia da Xunta que chegaron a este punto da tramitación saíron autorizados os devanditos 77. O Estado, pola súa banda, autorizou 7 da súa competencia.
Unha deliciosa viaxe con VINTE
Neste episodio do Fálase tamén abrimos o espazo de VINTE e comezamos coñecendo Vinte en Ruta, unha serie de reportaxes que combinan a crónica de viaxes e o roteiro gastronómico sen saírmos da provincia da Coruña Nela imos descubrir lugares que non están moi lonxe pero que se cadra nos pasan desapercibidos porque, por exemplo, se imos da Coruña a Ferrol pola AP-9, nin os vemos… Son roteiros para gastar pouco combustible, poucos cartos, pero con moito que ver e saborear.
VINTE trae máis novidades, como o nacemento do #TerceiroTempo, un tempo e un espazo para a conversa, acción poética, o brillo e o baile no Café Universal da Coruña… A primeira cita foi hai poucos días co poeta Ismael Ramos. Quen non estivese vai poder ver e escoitar proximamente en VINTE o que alí sucedeu... E tamén saber cales serán as próximas citas.
A conversa co actor Diego Anido no Café Derby 21, a música de Flora Ghost ou unha visita de VINTE ao alumnado de Deseño Editorial da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso son algunhas outras das descubertas que neste episodio, nos achega María Yáñez, directora de VINTE.
Todos os episodios do Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.