Unha concentración en Ferrol denunciou o "crime de guerra" cometido contra o xornalista, que "foi asasinado polas tropas estadounidenses" e criticou a posición do "actual Goberno progresista", que está "defraudando a unha familia que leva 20 anos de coherencia e loita"
O 8 de abril de 2003, hai vinte ano, o camarógrafo ferrolán José Couso foi asasinado polo exército estadounidense en Bagdad. Na mañá dese día, no marco da invasión de Iraq que se completaría nos días seguintes a IIIª División de Infantería Acoirazada lanzou un ataque no que foron alcanzadas as sedes de Al Jazeera, de Abhu Dabi TV e tamén o Hotel Palestina, onde se aloxaba a maior parte dos xornalistas independentes que cubrían o conflito. As bombas acabaron coa vida de Couso e tamén coas dos tamén reporteiros Tareq Ayoub e Taras Proysiuck, ademais de provocar feridas a unha vintena de informadores máis.
Este sábado, no vixésimo aniversario do ataque, Ferrol acolleu unha nova homenaxe ao xornalista, organizada por Esquerda Unida na Praza da Paz José Couso, coa asistencia de ducias de persoas e tamén de familiares do propio Couso. Na homenaxe volveuse reclamar unha investigación oficial sobre o sucedido e que os culpables sexan xulgados en España.
Na convocatoria, Esquerda Unida denunciou que Couso "foi asasinado polas tropas estadounidenses nunha guerra pactada nos despachos para a destrución de todo un pobo en favor de intereses estratéxicos" e sinalou que se tratou dun "crime de guerra", pois os informadores que morreron "non se atopaban no medio dun combate, senón que foron vítimas dun proxectil lanzado contra o hotel, onde só había xornalistas contando unha verdade incómoda".
Esquerda Unida lembrou, en referencia á actual guerra de Ucraína, que neste momento "estamos vendo imaxes que nos volven lembrar aquela guerra" o que "representa o máximo expoñente do fracaso do ser humano, da solidariedade dos pobos e da liberdade"
"Nese momento comezou outra guerra, a da familia de Couso, esixindo investigación e xustiza polo seu asasinato", sinala a formación nun comunicado crítico coa actuación de todos os Executivos españois dos últimos anos, tamén o "actual Goberno progresista" que está "defraudando a unha familia que leva 20 anos de coherencia e loita". "Non nos cansaremos de pedir xustiza. Goberne quen goberne", sinalou Ferrol en Común no acto.
Esquerda Unida lembrou, en referencia á actual guerra de Ucraína, que neste momento "estamos vendo imaxes que nos volven lembrar aquela guerra" o que "representa o máximo expoñente do fracaso do ser humano, da solidariedade dos pobos e da liberdade".
No acto tamén houbo un recordo para Pablo González, o xornalista vasco que leva máis dun ano (dende o 28 de febreiro de 2022) encarcerado en Polonia, acusado de "espiar" para Rusia
No acto tamén houbo un recordo para Pablo González, o xornalista vasco especializado na información da órbita ex soviética que leva máis dun ano (dende o 28 de febreiro de 2022) encarcerado en Polonia, acusado de "espiar" para Rusia mentres cubría informativamente a chegada de refuxiados procedentes de Ucraína. González permaneceu moito tempo incomunicado, sen poder ter contacto coa súa familia ou co seu avogado. O xornalista enfróntase a unha posible pena de dez anos de cadea.
O pasado ano, na entrega do propio Premio José Couso que recibiu Erika Reija -expulsada de Rusia-, o Colexio de Xornalistas e o Club de Prensa de Ferrol fixeron unha mención especial á situación de Pablo González e solicitaron ás autoridades españolas "que realicen todas as xestións oportunas para que o xornalista poida recuperar a súa liberdade o antes posible".