Folgas en Renfe, Ryanair e Iberia e restricións nas estradas condicionan a operación retorno de agosto

Aeroporto de Santiago, o máis afectado polas folgas nos próximos días ao ser o que máis enlaces ten © Concello de Santiago

Este xoves, como xa sucedeu en días pasados, a A-8 volveu ser cortada ao tráfico por néboa no alto do Fiouco e as previsións de vento para os próximos días ameazan con repetir a situación

Última fin de semana de agosto e entrada en setembro. Para moitos veraneantes é a data do final das súas vacacións. Para os que atrasan máis o seu descanso, o inicio. Pola contra, para centos de traballadores do transporte supón unha cita estratéxica para visibilizar e achegarse ás súas reclamacións laborais, o que concentra varias folgas no sector aéreo e ferroviario nos días 30 e 31 de agosto, así como o domingo 1 de setembro. E aos paros nos transportes públicos hai que engadir diversas restricións de tráfico nas estradas que contribuirán a facer máis difíciles os desprazamentos esta próxima fin de semana.

Folga de CGT en Renfe

En Galicia este venres os paros de CGT en Renfe afectarán a 20 trens de media distancia e 8 de longa distancia

Os días 30 de agosto (venres) e 1 de setembro (domingo) están convocadas a terceira e cuarta xornada de paros do sindicato CGT en Renfe para reclamar, entre outras cousas, un aumento na taxa de reposición do persoal. Con estas dúas datas ponse fin aos paros organizados polo sindicato neste verán, que comezaron cunha primeira xornada o 31 de xullo e unha segunda convocatoria o 14 de agosto. Os paros afectarán a dúas franxas horarias: entre as 12.00 e as 16.00 horas e entre as 20.00 e as 24.00 horas. En Galicia este venres os paros afectarán a 20 trens de media distancia e 8 de longa distancia (outros dous trens de media distancia tamén se verán afectados o sábado 30 como repercusión dos movementos que non se farán o venres).

Trens que non circularán este venres pola folga de CGT en Renfe © CGT

Folgas en Ryanair e Iberia

Este 1 de setembro, domingo, terá lugar a primeira xornada de folga –dun total de dez días de paros ao longo de setembro– á que están chamados os tripulantes de cabina de Ryanair nas 13 bases que a compañía irlandesa ten en España e que acabarán afectando tamén aos voos que opera en Lavacolla. Os paros seguirán producíndose todas as fins de semana do mes de setembro, os días 1, 2, 6, 8, 13, 15, 20, 22, 27 e 29 de setembro. 

A protección de catro desas bases (Gran Canaria, Tenerife, Lanzarote e Xirona), que a multinacional pretende pechar, é un dos principais obxectivos da mobilización, así como loitar contra o despedimento colectivo sen precedentes que a compañía anunciou ao persoal. O Ministerio de Fomento decretou este mércores os servizos mínimos para estas dez xornada de folga, co 100% para os voos domésticos non peninsulares, entre outros. Isto é, quedarían garantidos os voos ás illas, que son boa parte dos existentes desde Galicia, pero o sindicato USO cualificou os servizos mínimos de "abusivos" e anunciou concentracións de protesta. Tamén contra os peches e o ERE previstos por Ryanair, os seus pilotos ameazan con ir á folga por primeira vez en España, como anunciou este xoves o sindicato de pilotos Sepla. As súas datas de paros previstas son cinco días de setembro: 19, 20, 22, 27 e 29 de setembro.

No transporte aéreo tamén está convocada folga do persoal de terra de Iberia nos aeroportos de Madrid e Barcelona, o primeiro dos cales concentra boa parte dos voos da compañía con Galicia así como transbordos a outros destinos. Os paros serán o venres 30 e o sábado 31 de agosto. Entre as reclamacións do persoal destaca a redución do persoal con contratos temporais a través de conversións en fixos, así como novas contratacións para aliviar a carga de traballo e "reverter os recortes laborais que levaron a cabo no pasado".

Ademais, no aeroporto de Barcelona, tamén con conexións con Galicia, fundamentalmente con Vueling, permanece activa desde o pasado 9 de agosto, aínda que con pouca incidencia, unha folga indefinida do persoal da empresa encargada da vixilancia nos controis de viaxeiros. Os servizos mínimos decretados fixáronse no 90%. 

Estradas con obras ou néboa

Nas estradas, a Dirección General de Tráfico (DGT) activará un dispositivo especial desde as 15 horas deste venres ata as 24 horas do domingo. No caso do transporte rodado, ao mapa de puntos conflitivos neste verán da DGT, que adoita centrarse nas estradas de titularidade estatal e que pode consultarse aquí, hai que engadir as obras en marcha doutras administracións que condicionan tamén a circulación, especialmente na contorna de Vigo.

Puntos conflitivos previstos pola DGT no noroeste © DGT

De momento, este xoves, como xa sucedeu en días pasados, a A-8 volveu ser cortada a partir do mediodía por néboa no alto do Fiouco, ao seu paso por Mondoñedo, e o tráfico desviado pola estrada nacional. A climatoloxía prevista para os próximos días, con vento do nordés procedente do Cantábrico, fai prever que se poida volver repetir a situación, máis habitual nestes meses centrais do ano. 

Corte da A-8 por néboa este xoves, como en días anteriores © DGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.