Tres mapas e varias folgas a ter en conta na operación saída (ou regreso) do 15 de agosto (e no que queda de verán)

Puntos conflitivos para os desprazamentos no que queda de verán CC-BY-SA Praza Pública

Ás tradicionais conxestións de tráfico súmase o desabastecemento de combustibles en Portugal e paros en Renfe e aeroportos

Ás 15 horas deste mércores 14 de agosto a Dirección Xeral de Tráfico dá comezo á operación especial da ponte de agosto na que, xa sexa con saídas, chegadas ou desprazamentos curtos, calcula que no noroeste se producirán ata a noite do domingo 18 máis de 900.000 movementos por estrada. Uns desprazamentos que, ademais de coas tradicionais conxestións de tráfico, especialmente nas zonas costeiras, deberán enfrontarse desta volta aos problemas derivados do desabastecemento de combustibles en Portugal pola folga de transportistas e por diversos paros en trens e aeroportos xa programados para estes días ou anunciados para o que queda de verán. 

Os puntos conflitivos da DGT

Ao mapa de puntos conflitivos neste verán da DGT, que adoita centrarse nas estradas de titularidade estatal e que pode consultarse aquí, hai que engadir as obras en marcha doutras administracións que condicionan tamén a circulación, especialmente na contorna de Vigo. 

Puntos conflitivos previstos pola DGT no noroeste © DGT

Folga de combustibles en Portugal 

Ademais das estacións de servizo xa sen combustible en Portugal hai que ter en conta as demoras nas gasolineiras galegas próximas á fronteira polo aumento de usuarios

A folga dos transportistas de materias perigosas que comezou o pasado luns en Portugal está xa a deixar desabastecidas numerosas estacións de servizo por todo o país que poden consultarse neste mapa en constante actualización. Unha realidade que non reflicte o mapa é o gran aumento de usuarios que están a experimentar as gasolineiras galegas máis próximas á fronteira, con demoras a ter en conta á hora de planificar as viaxes.

Situación do abastecemento das estacións de servizo en Portugal na mañá deste mercores 14 de agosto © https://janaodaparaabastecer.vost.pt

Bloqueos da A-8 na fronteira de Irún polo G-7

Entre o 23 e o 26 de agosto a DGT desaconsella empregar a A-8 para viaxar a Francia pola celebración en Biarritz dunha reunión do G-7

Se para os desprazamentos a Portugal hai que ter en conta a folga de combustibles, para as viaxes a Francia ou ao resto do continente xa non só hai que ter en conta os posibles cortes da A-8 por néboa ao seu paso por Mondoñedo, máis habituais nesta época do ano, senón que durante a fin de semana próxima, entre o venres 23 e o luns 26, a DGT desaconsella empregar o paso fronteirizo desa autovía por Irún. Eses días a localidade francesa de Biarritz acollerá unha reunión do G-7 e tanto polo incremento dos controis de seguridade como polos posibles bloqueos por protestas as autoridades aconsellan aos condutores que se empreguen outros pasos fronteirizos por Aragón ou Cataluña.

Itinerarios recomendados pola DGT para as viaxes a Francia entre o 23 e o 26 e agosto pola reunión do G-7 en Biarritz © DGT

Folgas varias

Este mércores e os días 30 de agosto e 1 de setembro CGT mantén paros parciais en Renfe entre as 12 e as 16 horas e entre as 20 e as 24 horas

Ademais da folga indefinida de combustibles iniciada o pasado luns en Portugal, os galegos que nos próximos días se teñan que desprazar poderían verse afectados por diversos paros de todo tipo. Os primeiros, este mesmo mércores, os paros parciais convocados por CGT en Renfe entre as 12 e as 16 horas e entre as 20 e as 24 horas, que afectarán a 32 trens en Galicia (aquí ofrece Renfe información dos servizos mínimos). Os paros repetiranse o venres 30 de agosto e o domingo 1 de setembro, coincidindo coa operación retorno de finais de mes.

Persoal de Ryanair prepara varios días de folga para comezos de setembro polo posible peche de varias bases e rutas

Pero tamén están convocadas diversas folgas en aeroportos que poderían afectar aos galegos que se despracen por eles sexa como destinos ou como puntos de transbordo. Aínda que ningún deles está a supoñer de momento grandes problemas para os pasaxeiros, no de Barcelona hai paros en marcha tanto dos vixiantes dos controis de seguridade como de persoal de Iberia, ao igual que ocorre con estes últimos en Bilbao. E para setembro quen prepara folga é o persoal de Ryanair en toda España en protesta polo posible peche de varias bases e rutas, paros que xa están convocados no persoal de cabina desa mesma compañía en Portugal entre os días 21 e 25 de agosto.

Avións de Ryanair © Ryanair

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.