Galicia comeza a reducir o número de novos positivos de COVID, pero a ocupación hospitalaria segue a medrar

Cribado de COVID-19 no recinto feiral de Amio, en Santiago, este domingo, e incidencia da COVID-19 nos concellos CC-BY-SA Praza Pública

Galicia superou hai uns días o pico de contaxios e de novos diagnósticos da terceira onda da pandemia. Así o amosaron en primeiro lugar algúns indicadores temperáns, como o sistema de análise de augas residuais da comarca da Coruña, CovidBens, que está a anticipar os cambios de tendencia ata en dúas semanas ou a propia taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo), que acadou o seu máximo a finais da pasada semana.

Está a diminuír, de vagar pero de forma clara, o número de novos diagnósticos, mesmo mantendo unhas elevadas cifras de número de probas de detección realizadas

Agora tamén está a diminuír, de vagar pero de forma clara, o número de novos diagnósticos, mesmo mantendo unhas elevadas cifras de número de probas de detección realizadas. Con todo, as boas novas rematan aí. O número de novos positivos é aínda elevadísimo, con medias aínda moi por riba dos mil casos diarios. E, ademais, o número de camas hospitalarias ocupadas por pacientes COVID continúa a medrar e aínda o fará durante algúns días, como consecuencia dos contaxios producidos hai algunhas semanas. Datos que anticipan unha maior ocupación das UCI, que continúan a bater récords, e novos falecementos como consecuencia da enfermidade.

Este domingo a Consellería de Sanidade notificou 1.331 novos diagnósticos de COVID-19, dos que 767 corresponden a positivos detectados nas últimas 24 horas a través de probas PCR. Son mellores cifras que as notificadas o domingos anterior (1.528) e que amosan unha estabilización e mesmo un descenso no número de novos casos. A media diaria de positivos detectados por PCR (1.252) leva tres días en descenso.

Este domingo a Consellería de Sanidade notificou 1.331 novos diagnósticos de COVID-19, dos que 767 corresponden a positivos detectados nas últimas 24 horas a través de probas PCR

E iso, a pesar de que se segue a realizar un gran número de probas de detección. Este domingo o Sergas notifica 12.580 novas PCR, o que deixa a media semanal nun novo máximo (12.668). Parte deste importante número de probas pertence aos cribados masivos que se están a realizar en distintos puntos de Galicia (algúns con PCR, aínda que outros con test de antíxenos).

Este sábado comezou na Coruña o maior dos cribados realizados ata hoxe, ao que serán convocadas máis de 140.000 persoas residentes na cidade. Na súa primeira xornada, foron citadas 5.286 persoas e acudiron 2.481 (o 47%. Atopáronse 8 casos positivos, un 0,3%.

A taxa de positividade, que acadou un máximo a finais da pasada semana (10,94% o xoves 21), presenta dende entón unha tendencia de lento descenso, situándose este domingo no 9,61%

A taxa de positividade, que acadou un máximo a finais da pasada semana (10,94% o xoves 21), presenta dende entón unha tendencia de lento descenso, situándose este domingo no 9,61% na media dos últimos sete días. A área sanitaria de Pontevedra é a que nestes momentos presenta unha maior porcentaxe de probas positivas, por riba do 12%, cifra á que se achega tamén a de Ferrol. 

A área da Coruña, que ata hai pouco tiña cifras semellantes, leva varios días en descenso e xa se sitúa no 10,5%. Vigo rolda o 10%, Lugo o 9% e Ourense e Santiago son as únicas áreas por debaixo dese 9%.

A incidencia acumulada a 14 días descende este domingo por primeira vez dende o Nadal

A incidencia acumulada a 14 días (número de casos por habitante detectados nas últimas dúas semanas) descende este domingo por primeira vez dende o Nadal, engadíndose á tendencia positiva que dende este xoves vén amosando a incidencia acumulada a 7 días. A mellora, cativa, prodúcese en todas as áreas sanitarias, agás na de Pontevedra-O Salnés, que se mantén estable.

Con todo, a cifra de mortes continúa a incrementarse, con 9 novos falecementos que elevan a 1.761 o número total dende o inicio da pandemia no mes de marzo.

Poio (2.319) é un día máis a vila de máis de 10.000 habitantes cunha peor situación, seguida de Betanzos (1.754), Arteixo (1.714) e Sarria (1.469)

Esta lenta mellora na situación comeza tamén a percibirse na situación dos concellos, aínda que seguen a ser moitos os que presentan elevadas cifras de incidencia. Unicamente 13 localidades están libres de COVID-19, é dicir, non houbo neles ningún novo positivo nas últimas dúas semanas. Ademais, 82 concellos (nos que viven máis de medio millón de persoas) presentan incidencias acumuladas por riba dos 1000 casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas.

Moeche, Vilar de Santos, Quiroga, Leiro, Oímbra e Forcarei son os concellos con maiores cifras de incidencia, por riba de 3.000, aínda que se trata de localidades pouco poboadas. Poio (2.319) é un día máis a vila de máis de 10.000 habitantes cunha peor situación, seguida de Betanzos (1.754), Arteixo (1.714) e Sarria (1.469).

Nas cidades, Ferrol e Pontevedra continúan a incrementar a súa cifra de novos positivos, mentres que o resto de urbes presentan unha situación máis estable e mesmo con descensos no caso de Santiago.

Este domingo acádase un novo récord de camas ocupadas en UCI (232 fronte ás 228 de onte e ás 177 do máximo da primeira onda)

Finalmente, o que máis preocupa nestes momentos é a situación hospitalaria. Os niveis máximos de ocupación que se rexistraran na segunda onda da pandemia foron amplamente superados, aínda que a capacidade do sistema sanitario galego (sobre todo no que atinxe ás UCI) é agora maior que en marzo. Este domingo acádase un novo récord de camas ocupadas en UCI (232 fronte ás 228 de onte e ás 177 do máximo da primeira onda) e tamén no resto de unidades hospitalarias. 

En total, 1.362 camas están ocupadas por pacientes COVID, triplicando os datos de hai tan só tres semanas. Este aumento produciuse en todas as áreas sanitarias, pero Ferrol, A Coruña, Pontevedra, Ourense e Santiago son as áreas que neste momentos presentan unha maior porcentaxe de ocupación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.