Galicia encadea dous días con menos de 200 casos da COVID-19 por primeira vez dende agosto, pero suma cinco mortes

A área de Ourense (na imaxe, persoal sanitario desta área ultimando a campaña da gripe) é a que presenta peor evolución da COVID-19, atendendo aos datos do Sergas CC-BY-SA Foto: CHUO | Montaxe: Praza Pública

A tímida tendencia descendente da segunda vaga da pandemia do coronavirus en Galicia semella selo un pouco máis nos últimos días. Os datos divulgados pola Consellería de Sanidade este 29 de setembro, correspondentes ao luns día 28, permiten calcular que o número de novos casos é de 159. Aínda que coa cautela á que obriga o efecto fin de semana, coa consecuente redución no número de probas PCR, segue a ser significativo que, por primeira vez dende o 19 de agosto, o país encadee dous días seguidos con menos de 200 casos novos.

A media semanal de novos casos diarios descende ata os 219, a cifra máis baixa nun mes

Os datos dos últimos dous días (correspondentes ao domingo e ao luns) baixan a media de casos diarios da última semana ata os 219, o dato máis baixo tamén dende finais de agosto. Faino nunha xornada na que a nota máis negativa é a da notificación de ata cinco falecementos novos, que levan o total de persoas cuxa morte está ligada á COVID-19 en Galicia ata as 736.

Catro das cinco persoas falecidas, que elevan o total a 736, son da área sanitaria da Coruña

Segundo Sanidade, só unha destas cinco persoas vivira nunha residencia de maiores, unha muller de 92 anos falecida no hospital da Coruña procedente do centro Ballesol de Oleiros. Tres das outras catro persoas tamén faleceron na área sanitaria coruñesa: un home de 67 anos e outro paciente de 85, ambos ingresados no CHUAC, e outro home de 78 anos que morreu no hospital privado HM Modelo. O quinto falecemento notificado foi o dun paciente de 78 anos que permanecía ingresado no CHUS de Santiago.

Estes cinco falecementos e, sobre todo, o cómputo de ata 210 altas de persoas que se contaxiaran nas semanas previas, permiten rebaixar o número de "positivos activos", indicador de referencia para a Xunta, ata os 4.297. Son 56 menos que un día antes.

Estes datos corresponden cunha xornada na que foron realizadas 4.339 probas PCR para un total de 474.033, segundo o Sergas. É unha cifra considerable de test, pero menor ás rexistradas a pasada semana, con ata tres días consecutivos con máis de 6.000 probas, limiar que non se acadara dende o comezo da pandemia. Os 159 novos casos equivalen ao 3,66% das probas PCR realizadas, por baixo do límite do 5% sinalado pola Organización Mundial da Saúde para dar a pandemia por controlada nun territorio determinado.

Os datos do Sergas e tamén os do Ministerio de Sanidade apuntan a que Galicia cae por baixo do limiar do 5% de positividade, o fixado pola OMS para dar por controlada a epidemia nun territorio

Ese nivel de positividade tamén se aproximaba ao 5% para Galicia segundo os datos máis recentes do Ministerio de Sanidade, correspondentes ao pasado día 25 -a media estatal sitúase no 10,8%-. O Ministerio realiza este cálculo a partir das cifras de novos casos diarios por data estimada de inicio de síntomas (ou diagnóstico menos seis días) que a Xunta lle transmite, pero non fai públicas. 

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, os datos de casos novos que ofrece o Ministerio sobre Galicia e o número de positivos diarios que é posible calcular a partir dos comunicados do Sergas vai agora máis acompasado en tempo e números que na primeira vaga da pandemia. Isto responde, entre outras razóns, ao protocolo estatal de datos vixente dende o pasado maio. Así, por exemplo, ambas series sitúan o que ata agora foi o pico da segunda vaga entre a última semana de agosto e a primeira de setembro.

Estabilidade no total de persoas hospitalizadas

Os novos casos, entre os que se inclúen os correspondentes a centros educativos -305 positivos, segundo o Sergas-, tenden a diminuír mentres o número de persoas con test positivo da COVID-19 que precisan hospitalización permanece estable. Agora son 240 persoas (dúas menos), 28 delas na UCI (catro menos).

Segundo informaba o Ministerio de Sanidade este luns -a Xunta non ofrece este dato-, nos sete días previos precisaron hospitalización en Galicia a causa do coronavirus un total de 137 persoas. As altas (e en menor medida, os falecementos) continúan a compensar os novos ingresos, polo que a carga hospitalaria total permanece relativamente estable.

Os casos "activos" só aumentan na área de Ourense

Por áreas sanitarias -único nivel territorial sobre o que informa a Xunta, que polo momento continúa negándose a ofrecer información do número de novos casos por concellos ou comarcas- o Sergas continúa ofrecendo nos seus partes xerais unicamente a cifra de "positivos activos", indicador que desta volta só aumenta na área sanitaria de Ourense (+13), única na que o número de altas non é maior ao de novos casos detectados.

A área de Pontevedra-O Salnés, que experimentou fortes incrementos nas últimas semanas, comeza a notar o efecto das altas de persoas contaxiadas anteriormente e diminúe o número de "positivos activos" en 18, ata os 793. Ata o pasado luns, este indicador ascendera na área pontevedresa cada día do último mes. Así e todo, a incidencia de casos activos (número por cada 100.000 habitantes) de Pontevedra segue sendo a maior de Galicia (270).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.