Galicia entra na Fase 3 cun só diagnóstico diario de coronavirus e a cifra máis baixa de novos casos en todo o Estado

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Galicia rexistrou nas últimas 24 hora un único novo diagnóstico de coronavirus, segundo os datos que todas as tardes notifica o Ministerio de Sanidade, relativos aos casos positivos detectados por proba PCR ou por test de anticorpos (neste caso, unicamente se a persoa manifesta aínda síntomas da enfermidade). Ademais, a esta cifra non hai que sumar ningún outro positivo anterior detectado por proba rápida (e sen síntomas). E, un día máis, non se produciron falecementos.

Nas últimas dúas semanas diagnosticáronse 27 casos de coronavirus en Galicia. E nos últimos sete días foron unicamente 7 os novos casos detectados

Os indicadores epidemiolóxicos galegos manteñen unha tendencia moi favorable, xusto no día en que Galicia entra na Fase 3 do desconfinamento, a derradeira antes de ingresar na "nova normalidade". Galicia é, de feito, a comunidade autónoma que presenta unha menor incidencia da enfermidade (casos por habitante) na última semana e nos últimos 14 días.

Así, nos últimos 14 días, a incidencia acumulada no noso país foi de tan só 1 caso por cada 100.000 habitantes, fronte aos 11,58 casos da media española e os máis de 20 casos que presentan Madrid, Cataluña, Castela-León e Castela-A Mancha. Nos últimos 7 días as cifras galegas son aínda inferiores: 0,26 casos por cada 100.000 habitantes (4,59 no conxunto do Estado)

Na última semana non se produciu ningún ingreso de pacientes con coronavirus nas UCI dos hospitais galegos e só 3 ingresos en unidades convencionais, segundo os datos facilitados por Sanidade

En total, nas últimas dúas semanas diagnosticáronse 27 casos de coronavirus en Galicia. E nos últimos sete días foron unicamente 7 os novos casos detectados. O Ministerio de Sanidade informa tamén dos novos casos diagnosticados nos que os síntomas empezaron nos últimos 14 días (9) e nos últimos 7 días (unicamente 3).

Ademais, na última semana non se produciu ningún ingreso de pacientes con coronavirus nas UCI dos hospitais galegos e só 3 ingresos en unidades convencionais, segundo os datos facilitados por Sanidade.

O número de 'casos activos' de coronavirus (o indicador de referencia que segue empregando o Sergas) segue en descenso. Este domingo ás 20 horas eran 515, nove menos que o día anterior.

O número de 'casos activos' de coronavirus (o indicador de referencia que segue empregando o Sergas) segue en descenso. Este domingo ás 20 horas eran 515, nove menos que o día anterior. Mentres, o que o Sergas presenta como "curacións" ou "casos resoltos" chega a 10.252 persoas, o que implica un incremento de 10 no último día. O total de persoas que deron positivo nalgún momento chegaría así a 11.385, apenas un máis ca onte, resultado de sumar os casos activos, os resoltos e os falecementos comunicados pola Consellería de Sanidade.

O Sergas indica que xa foron realizadas en Galicia 151.390 probas PCR, ao redor de 900 máis que o día anterior. A Xunta non indica o número de test de anticorpos que leva feitos, aínda que si informa ao respecto ao Ministerio, que actualiza esas cifras periodicamente.

Dos casos activos, 495 están en seguimento nos seus domicilios mentres que desde hai cinco días só unha persoa está en UCI e a hospitalización ordinaria baixou na última xornada de 22 a 19 casos.

O Ministerio de Sanidade continúa a realizar "unha validación individualizada dos casos", a cuxo remate divulgará unha nova serie histórica completa -o Goberno central asegurou prever poder facelo a pasada semana- e aberta, como a que viña actualizando ata o 20 de maio, pero adaptada ao novo protocolo. Cando a publique será posible coñecer a asignación de casos por día tamén para Galicia, xa que a Xunta non contempla divulgar a súa serie.

Fronte ás 618 mortes contabilizadas polo Sergas, o Ministerio de Sanidade sinala en Galicia só 609 decesos, dos cales dous corresponderían á última semana. Esa diferenza débese, como indicou o responsable de Emerxencias Sanitarias do Ministerio, Fernando Simón, a que algúns casos poden estar duplicados ou existir dúbidas sobre se o falecemento se debeu ou non á covid-19.

 

Por área sanitaria

Dos 515 casos activos, 113 son da área da Coruña, 30 da de Lugo, 43 da de Ourense, 16 da de Pontevedra, 193 da área de Vigo, 107 da de Santiago, e 13 da de Ferrol. A área viguesa segue a ser a que mantén un maior número de positivos, con leves variacións nos últimos días, mentres que o rápido descenso dos datos na área coruñesa case a iguala xa coa de Compostela. Vigo é, así mesmo, a área cunha maior incidencia da enfermidade (casos por habitante)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.