"Galicia non é a tradición nin o pasado, Galicia é o que fagamos todos no futuro"

Antón Baamonde © Cedida

Antón Baamonde vén de publicar Agora non é antes. Ideas para unha revolución tranquila (Galaxia), un ensaio que busca "combater os clixés" aínda existentes sobre Galicia, "transformar o modo en que nos imaxinamos" e "abandonar as retóricas da pasividade"

"Desde cando a derrota é unha compoñente 'por defecto' da identidade galega contemporánea?", preguntouse Manuel Gago na súa conta de X hai uns tres anos, abrindo un fío no que sinalaba de "esa compoñente de derrota impregna como unha graxa saturada todo relato da Galicia contemporánea" e engadindo que "nas redes funciona como unha deliciosa gasolina que nos fai sentir románticos violinistas do Titanic". Unha ideoloxía da derrota, o feito de asumir a derrota (ou o atraso) como parte da identidade galega que leva á pasividade.

"Debemos detectar as trampas que están agachadas nos nosos propios ollos. Porque xa sabemos onde levan", concluía Gago, que en contraposición engadía: "Pero tamén sei o que pasa cando cambias o discurso. Que é como se lle deras auga a unha planta que estivo en seca. É incrible como reverdece, a ilusión que estaba agardando por saír".

Antón Baamonde vén de publicar Agora non é antes. Ideas para unha revolución tranquila (Galaxia), un ensaio que busca "combater os clixés" aínda existentes sobre Galicia, "transformar o modo en que nos imaxinamos" e "abandonar as retóricas da pasividade".

Cuberta de 'Agora non é antes' © Editorial Galaxia

A Galicia de agora non é a de antes. De feito, hai décadas que non é un país atrasado e hai tamén moito tempo que non é un país primordialmente rural. Baamonde lembra que hai tempo que Galicia é un país como calquera outro da nosa contorna

A Galicia de agora non é a de antes. De feito, hai décadas que non é un país atrasado e hai tamén moito tempo que non é un país primordialmente rural ou no que o sector agrogandeiro é maioritario. De feito, hai décadas que Galicia é un país como calquera outro da nosa contorna: maioritariamente urbano, cunha economía de servizos, na que o peso da industria (unha industria puxante e moi internacionalizada) é moi importante, moi aberta ao exterior e na que mesmo o sector agrario está moi capitalizado e ten moi pouco que ver con esa visión pasada de explotacións pequenas, de subsistencia.

Este novo ensaio conforma unha tetraloxía con tres obras anteriores de Antón Baamonde: A derrota de Galicia (Xerais, 2012), que “intentaba dar conta do cambio sociolóxico operado nas últimas décadas”; Unha Nova Olanda (Galaxia, 2021), “que poñía sobre a mesa o carácter urbano do país e a imperiosa necesidade de poñer o foco sobre as diversas identidades urbanas”; e Galicia, distrito industrial (Galaxia 2024), en colaboración con Daniel Hermosilla, que “mostraba, tamén contra o clixé, o nervio industrial do país, e o admirable abano de empresas de alto valor tecnolóxico e internacionalizadas”. “Eses libros, xuntos, conforman un intento de ler Galicia doutra maneira, intentan transformar o imaxinario herdado” e “propoñen ideas para unha Revolución Tranquila que transforme o rostro do país”, destaca.

O autor destaca que este relato do país atrasado ou dun imaxinario rural que hai tempo que quedou atrás é “unha forma de ver Galicia compartida en todas as cores do espectro social e político, a todo o mundo semella irlle ben con ela”

Baamonde escribe que Galicia é, xa, un país "máis ou menos random" no contexto europeo occidental, unha idea xa expresada polo autor en obras anteriores. "Isto non está ben nin está mal. Hai que velo con ánimo ecuánime, nin pensar que é unha marabilla nin deostalo", di, apuntando que "nas condicións de vida e nos estándares vitais Galicia aseméllase a todos os países da nosa contorna. As clases populares viven como as clases populares doutros países. E as clases medias e altas, o mesmo", di. Unha idea, a de que vivimos nun país como calquera outro na nosa contorna, equiparable a estes e cun nivel de vida e problemáticas semellantes, que se enfronta a visións que afirman (ás veces, paradoxalmente, ao mesmo tempo) que Galicia é, singularmente, o mellor país do mundo ou que Galicia é o peor país do mundo, o máis aldraxado e oprimido.

Baamonde subliña a necesidade de “escapar das retóricas da pasividade” como as que criticaba Gago e destaca que este relato do país atrasado ou dun imaxinario rural que hai tempo que quedou atrás é “unha forma de ver Galicia compartida en todas as cores do espectro social e político, a todo o mundo semella irlle ben con ela”. “É o tipo de consenso implícito, ou de mentira colectiva para ser máis directo, que xera autoindulxencia e un completo desvío do obxectivo”, destaca Baamonde.

Antón Baamonde © Cedida

"Moita xente vive como unha ferida a desaparición dese mundo rural, dun mundo que só viviron de pequenos ou que mesmo non viviron e só coñecen a través do que contan pais e avós. Unha ferida que provoca ao mesmo tempo atracción e nostalxia pero tamén rexeitamento", di

No fondo, salienta Baamonde, estamos ante unha "ferida narcisista". "Moita xente vive como unha ferida a desaparición dese mundo rural, dun mundo que só viviron de pequenos ou que mesmo non viviron e só coñecen a través do que contan pais e avós. Unha ferida que provoca ao mesmo tempo atracción e nostalxia pero tamén rexeitamento", di.

Este derrotismo implícito parte dunha visión errada e desfasada do país (un país rural, atrasado...) e leva a asumir que Galicia non ten capacidade endóxena de desenvolvemento. Ao tempo, semella deleitarse na derrota, neste suposto atraso e nesta criticada opresión, no canto de celebrar as vitorias e na evidente transformación que o país viviu nas últimas décadas, un proceso en marcha que pode elevarse a cotas máis altas.

"O caso de Altri é un caso clarísimo desa visión de que Galicia non dá máis de si e que por iso ten que vir alguén de fóra cunha proposta industrial que ademais xera moi poucos postos de traballo", explica. "Ignorando que xa hai unha estrutura empresarial moi activa en moitas comarcas", comezando pola Ulloa, pero tamén en moitas outras, urbanas ou rurais, con sectores moi punteiros en biotecnoloxía, industria naval, de automoción, informática...

Este derrotismo implícito parte dunha visión errada e desfasada do país (un país rural, atrasado...) e leva a asumir que Galicia non ten capacidade endóxena de desenvolvemento. "O caso de Altri é un caso clarísimo desa visión de que Galicia non dá máis de si e que por iso ten que vir alguén de fóra cunha proposta industrial que ademais xera moi poucos postos de traballo", di

Esta análise errada parte dunha visión deformada do pasado de Galicia, no que se esquece e despreza "historicamente o pasado urbano de Galicia, comezando polo da Coruña". "Hai unha riqueza da vida social, burguesa ou popular, que con moita frecuencia se ten elidido. Con iso non só constrúes unha imaxe de Galicia que non é real, senón que lles estás regalando estas identidades urbanas a calquera outro que se queira erixir no seu representante", apunta. Tamén se esquece, nesta análise deformada do país, o fundamental peso dos barrios urbanos, "que sempre foron moi distintos dos centros das súas cidades: non é o mesmo Monte Alto que o Parrote, non é o mesmo Teis que a Praza de Compostela en Vigo".

E a disociación chega ata o presente, ignorando a multiplicidade de indicadores estatísticos que amosan dende hai décadas un país en profunda transformación e crecemento. Pero, apunta Baamonde, "ese país real é evidente nas estatísticas pero tamén nas rúa, a pouco que fales cos seus habitantes, que camiñes pola rúa". Ignorar os avances que experimentou Galicia implica tamén regalarlle este triunfo en exclusiva ao PP e ao Goberno da Xunta.

A Galicia que se transformou radicalmente e os galegos e galegas que habitan o país actual son moi conscientes da realidade na que viven, pero en boa medida seguen mantendo unha visión colectiva moi diferente á súa experiencia persoal e cotiá, dunha maneira case que esquizofrénica: "Eu cambiei, pero o país non. A miña vida é A, pero Galicia é B". Deste xeito, nestas visións Galicia non é “modernidade, progreso e futuro, un horizonte que desexar, senón algo que observar polo retrovisor” e do que laiarse, algo do que sentir nostalxia pero ao mesmo tempo algo que rexeitar. 

Antón Baamonde, no seu despacho © Cedida

"A síndrome do espello retrovisor, avisan os psicólogos, aboca a un sentimento de impotencia perante a propia historia", escribe Baamonde. A nostalxia é reaccionaria, máis aínda neste momento no que cómpre unha visión esperanzada que olle ao futuro e que poida atraer a unha maioría social.

No libro tamén dedica un apartado a "impugnar e transformar" o imaxinario social que comparte "o nacionalismo nacido da influencia dos ideoloxemas do anticolonialismo dos anos sesenta, pero tamén a visión preexistente do agrarismo galeguista”. Un imaxinario que compartía a "tese do atraso", de Galicia "como un país de foros, frades e fidalgos" que derivaba na idea dun país "inmóbil", unhas visións que antes e máis aínda nas últimas décadas contribuían a ignorar e a pechar os ollos ante a realidade dun país que se transformou radicalmente. En contraposición, Baamonde propón "unha conciencia nacional non baseada na aldraxe e si na potencia do país, como Cataluña e Euskadi".

"A síndrome do espello retrovisor, avisan os psicólogos, aboca a un sentimento de impotencia perante a propia historia", escribe Baamonde. A nostalxia é reaccionaria, máis aínda neste momento no que cómpre unha visión esperanzada que olle ao futuro e que poida atraer a unha maioría social. Resulta difícil facer unha proposta de futuro se partes dunha análise errada, se partes dun país e dun presente que non existe. E, sobre todo, é complicado ilusionar unha maioría social se non hai un proxecto atractivo, un horizonte desexable e realista.

Fai un chamamento a "deconstruír un imaxinario que ten efectos que non favorecen ese obxectivo e que non é construtivo" e a "salientar que esta transformación de Galicia é real e é posible ir máis aló"

Baamonde advirte de que "a retórica política e social en Galicia abusa de estar virada ao pasado", unha dificultade para abandonar o pasado que é "patolóxica" e conclúe: "Galicia non é a tradición nin o pasado, Galicia é o que fagamos todos no futuro, un futuro que ten que ser debuxado, imaxinado". "Parece que a certo tipo, moi usual, de galego, se lle dá mellor falar do pasado que intentar entender o presente e pensar e imaxinar o futuro", escribe no libro. "Mellor sería facer algo positivo, coa esperanza de que as novas xeracións de galegos, curadas de prexuízos, saiban crear unha nova mirada sobre si mesmos e afirmarse nos propios valores, elaborando a súa propia síntese de universalidade", engade.

Por iso fai un chamamento a "deconstruír un imaxinario que ten efectos que non favorecen ese obxectivo e que non é construtivo" e a "salientar que esta transformación de Galicia é real e é posible ir máis aló", propoñendo políticas (económicas, industriais, ferroviarias...) que vaian neste obxectivo e lembrando que "é moito o que se pode facer xa dende concellos, deputacións e Xunta". Unha revolución tranquila que manteña e afonde na transformación e no avance experimentado por Galicia nas últimas décadas.

A derrota de Galicia (2012), Unha Nova Olanda (2021) e Galicia, distrito industrial (2024 ©

"Tes que presentar un proxecto político atractivo para os grandes segmentos sociais do país. Tes que expresar en positivo que país queres", di Baamonde

No libro, Baamonde achega algunhas propostas de acción xa apuntadas en obras anteriores. "Tes que presentar un proxecto político atractivo para os grandes segmentos sociais do país", di Baamonde. "Tes que expresar en positivo que país queres. Con todas esas propostas a nivel interno: articulación en rede das cidades, política industrial, tren de proximidade... E, a nivel externo, incidindo no achegamento á gran aglomeración de Porto e o Norte de Portugal, coa capacidade de exercer un contrapeso a Madrid e ao eixo mediterráneo", engade, lamentando que "isto non está suficientemente tematizado en Galicia, non é un elemento de debate de primeiro nivel. En España non é un tema de debate en absoluto e en Galicia tampouco ocupa un lugar central".

Baamonde incide “no que podería ser” dende a óptica liberal (que non neoliberal) “unha reformulación política de España que dese abrigo ao seu carácter plurinacional”, destacando o “horizonte federal” no que tanto insistiu Castelao. Tamén na defensa do europeísmo, lembrando que "o que lle pase a Europa e o que lle pase a España ha de pasarlle a Galicia". Baamonde subliña que “a entrada de España na UE foille ben a Galicia. Tamén a súa inserción na economía global". E todo malia unha política dirixida dende Madrid que privilexiou os intereses do eixo mediterráneo, apunta.

O agora non é antes enunciado por Baamonde tamén se refire a un tempo completamente no novo no plano internacional. Fronte a esa situación faise aínda máis necesario propoñer ese "horizonte" desexable, esa "revolución tranquila" que nos encamiñe a un futuro mellor.

O agora non é antes enunciado por Baamonde tamén se refire a un tempo completamente no novo no plano internacional, un proceso moi acelerado de transformación económica e política. Cunha Europa estancada e con ameazas crecentes a nivel político procedentes dunha dereita que promove unha contrarrevolución (unha contra-ilustración ou "ilustración escura") que busca acabar co Estado de Benestar. “Todo indica que estamos entrando nunha Idade Escura. A paisaxe aseméllase cada vez máis á que deu a luz ao fascismo. Non sabemos como e cando cristalizará a tormenta, mais sabemos que estamos ás portas de algo, e que será malo e terrible”, alerta. Fronte a esa situación faise aínda máis necesario propoñer ese "horizonte" desexable, esa "revolución tranquila" que nos encamiñe a un futuro mellor.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.