A poboación galega aumentou en seis mil persoas nos últimos doce meses e en máis de dez mil nos últimos dous anos, dende o mínimo acadado pouco despois de comezar a pandemia de COVID
2,7 millóns. A calquera persoa que se lle pregunte cal é a poboación de Galicia responderá con esta cifra aproximada. En efecto, o número de habitantes do país leva medio século movéndose ao redor desta cantidade, aínda que a comezos da década dos 80 do pasado século chegou a superar brevemente os 2,8 millóns. Nese momento comezou un descenso que no ano 2001 deixou a cifra por debaixo dos 2,7 millóns para de novo ascender -froito da descendencia das persoas da xeración do baby boom e da maior inmigración- ata o ano 2011 no que golpeou a crise da Gran Recesión. Dende ese 2011 a poboación caeu dos 2.773.415 ata roldar os 2,7 millóns nos últimos cinco anos, un pouco por riba ou un pouco por debaixo.
O 1 de xaneiro de 2020 a poboación galega era de 2.702.605 habitantes. Dous meses máis tarde comezamos a sufrir a pandemia de COVID, que contribuíu a reducir a poboación -debido á redución da inmigración- ata os 2.691.532 habitantes ano e medio despois.
O INE publicou este martes as cifras provisionais de poboación correspondentes ao primeiro semestre de 2023, que amosan que Galicia volve recuperar o nivel dos 2,7 millóns de habitantes, chegando aos 2.701.631, cun incremento de case seis mil persoas nos últimos doce meses e de máis de dez mil habitantes nos dous últimos anos.
Fronte a unha natalidade á baixa e cun saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e mortes) claramente negativo, é a inmigración a que está evitando un despoboamento maior en Galicia
A explicación ao incremento poboacional dos dous últimos anos non está nun aumento do número de nacementos, que segue en mínimos históricos. Os nacementos volveron caer en 2022 e quedaron en 14.556, a cifra máis baixa da serie histórica e un 1,56% menos que o ano anterior.
Fronte a unha natalidade á baixa e cun saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e mortes) claramente negativo, é a inmigración a que está evitando un despoboamento maior en Galicia.
O saldo migratorio exterior vén sendo positivo dende ano 2015. O saldo migratorio interior (co resto do Estado), que foi negativo para Galicia entre 2014 e 2019, leva sendo positivo dende o 2020
O saldo migratorio exterior vén sendo positivo dende ano 2015 e acadou o seu máximo no ano 2019 (+16.918), descendendo posteriormente nos ano 2020 e 2021. No primeiro semestre do ano 2022 (últimos datos oficiais) o saldo volveu ser extraordinariamente positivo (+12.106)
O saldo migratorio interior (co resto do Estado), que foi negativo para Galicia entre 2014 e 2019, leva sendo positivo dende o 2020, aínda que con saldos inferiores ao exterior, de +6.208 no 2020 e de +3.661 no 2021. No primeiro semestre do ano 2022, o saldo seguiu a ser positivo, pero con cifras cativas (+622).