Galicia reduce o número de novos positivos detectados nun dos días con menos PCR no último mes

Recollida de mostra para unha proba PCR CC-BY-SA Foto: Goberno de Navarra | Montaxe: Praza Pública

O número de novas infeccións de Covid-19 segue caendo en Galicia. Nas últimas 24 horas diagnosticáronse 327 novos casos por proba PCR

O número de novas infeccións de Covid-19 segue caendo en Galicia. Nas últimas 24 horas diagnosticáronse 327 novos casos por proba PCR, o que leva a seguir reducindo a incidencia da enfermidade, que se sitúa nos 266,22 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días.

Esta redución non se produce por unha mellora na taxa de positividade (a porcentaxe de probas que teñen un resultado positivo), senón que diminúe tamén o número de probas PCR realizadas, 4.468 no último día, a cifra máis baixa dende o pasado 9 de novembro, e unha das máis baixas deste outono.

Catro novos falecementos este luns elevan a 1.161 a cifra total dende o pasado mes de marzo

Segue incrementándose, ademais, o número de mortes provocadas polo contaxio da Covid-19. Catro novos falecementos este luns elevan a 1.161 a cifra total dende o pasado mes de marzo.

As boas novas chegan dende os hospitais, nos que dende hai días se está a producir un descenso no número de camas ocupadas, especialmente nas unidades convencionais, aínda que tamén (a un ritmo máis lento), nas UCI.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días, que se reduce de forma lenta en Galicia, baixa tamén en case todas as áreas sanitarias, pero máis rapidamente en Ourense, A Coruña e, ata hai uns días, en Santiago

A media diaria de falecementos mantense estable dende hai semanas, movéndose entre as 9 e as 11 defuncións por día no que levamos de mes de novembro. Dende o 1 de novembro producíronse en Galicia 227 falecementos de persoas que resultaran infectadas polo coronavirus. Os picos diarios de mortes están moi lonxe dos que se chegaron a rexistrar en abril, con varias xornadas por riba das 25 defuncións, pero o número total de falecementos na segunda onda achégase xa ás cifras da primeira onda da pandemia.

A incidencia acumulada nos últimos 14 días, que se reduce de forma lenta en Galicia, baixa tamén en case todas as áreas sanitarias, pero máis rapidamente en Ourense, A Coruña e, ata hai uns días en Santiago. Vigo, que estaba a presentar as cifras máis elevadas de casos por habitante, está a experimentar unha importante redución nos últimos días. Lugo mantense estable e, en cambio, Ferrol e Pontevedra amosan unha tendencia ascendente.

Nas últimas 24 horas realizáronse 4.468 probas PCR en Galicia, a cifra máis baixa dende o 9 de novembro

Nas últimas 24 horas realizáronse 4.468 probas PCR en Galicia. Trátase da cifra máis baixa dende o 9 de novembro (4.343) e unha das máis reducidas no que levamos de outono. A media diaria na última semana (6.666) leva días en descenso e atópase no nivel máis reducido do último mes.

A taxa de positividade mantense algo por debaixo do 8%, cunha lixeira tendencia de ascenso

Non se reduce a taxa de positividade (a porcentaxe de probas PCR que teñen un resultado positivo), que se mantén próxima ao 8% (7,83%), cunha pequena tendencia ascendente na última semana. Este indicador, que chegou a superar o 8% na última semana de outubro e pimeira de novembro é importante para determinar a expansión da enfermidade, independentemente do número de test de detección que se realicen.

Nos últimos días, a taxa de positividade está a medrar en Santiago e Pontevedra, ao tempo que se reduce en Vgo e A Coruña e mantense estable no resto de áreas sanitarias. 

Nas residencias, o número de casos activos sitúase nos 732 (266 entre os e as usuarias e 226 no persoal), cun importante descenso entre os e as residentes e un aumento entre as traballadoras dende as cifras notificadas o luns polo Sergas (528 nos usuarios e usuarias e 241 entre o persoal). No último día destaca a incorporación de 19 usuarios e 7 traballadores da residencia Pontevedra de Vilaboa como novos casos postivos.

A residencia Asilo (Vilalba), con 136 positivos, é a instalación que acumula un maior número de casos activos nestes momentos, xunto con DoralResidencias (Mos) con 112.

O número de camas ocupadas nos hospitais redúcese con respecto ao martes da pasada semana, baixando de 503 a 456 nas unidades convencionais e de 106 a 96 en UCI

O número de camas ocupadas por pacientes Covid nos hospitais redúcese en Galicia con respecto ao martes da pasada semana, baixando de 503 a 456 nas unidades convencionais e de 106 a 96 en UCI.

As áreas sanitarias da Coruña (31 camas ocupadas en UCI) e Vigo (23) son as que teñen un maior número de camas ocupadas nas unidades de críticos, mantendo exactamente o mesmo nivel que hai sete días. En cambio, a situación mellorou notablemente nas áreas de Ferrol, Santiago, Ourense e Pontevedra.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.