A fin de semana axuda a reducir a incidencia da COVID en Galicia, coa cifra máis baixa de novos positivos no último mes

Recollida de mostras para probas PCR en Ourense e mapa de incidencia da COVID en Galicia con datos do 23 de novembro CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Galicia presenta este domingo unha evolución favorable en case todos os indicadores da pandemia de coronavirus, cunha redución no número de novos positivos detectados. O efecto da fin de semana explica en parte esta redución, que chega despois de toda unha semana cos datos estancados. Habitualmente, os luns a cifra de novos casos é unha das máis baixas de toda a semana, pero nesta ocasión o descenso é máis importante que notras ocasións.

Nas últimas 24 horas notificáronse unicamente 323 infeccións de Covid-19 diagnosticadas por PCR, o número máis reducido dende o pasado 14 de outubro

Nas últimas 24 horas notificáronse unicamente 323 infeccións de Covid-19 diagnosticadas por PCR, o número máis reducido dende o pasado 14 de outubro. Por exemplo, o pasado luns engadíronse á conta 496 casos e o luns anterior foran 394. Este dato fai que descendan os indicadores de incidencia acumulada a 7 e 14 días (número de casos detectados nese período por cada 100.000 habitantes) e tamén a media diaria de casos rexistrados, que por primeira vez no último mes baixa dos 500 (490,29).

Haberá que agardar aos datos dos vindeiros días para comprobar se os bos indicadores coñecidos este luns significan un regreso ás tendencias de descenso da incidencia e da positividade ou se unicamente constitúen unha mellora puntual

No resto de indicadores hai tamén boas novas, cunha redución da taxa de positividade (porcentaxe de pobas PCR cun resultado positivo) despois de varios días de ascenso. Así mesmo, aínda que hoxe aumenta o número de camas ocupadas nos hospitais (como adoita suceder nos datos publicados os luns), en relación ao luns da semana pasada hai un descenso, tanto nas unidades de críticos coma no resto de unidades.

Haberá que agardar aos datos dos vindeiros días para comprobar se os bos indicadores coñecidos este luns significan un regreso ás tendencias de descenso da incidencia e da positividade ou se unicamente constitúen unha mellora puntual.

O que segue aumentando é a cifra total de mortes, con 9 novos falecementos, que deixan o número total nos 1.146 dende o inicio da pandemia no mes de marzo. A media diaria de defuncións na última semana rolda esa mesma cifra (8,86). 

Ourense é a área sanitaria que suma un maior número de defuncións dende o inicio da pandemia (285), seguida da Coruña (265) e Vigo (201). No último día a área coruñesa engadiu catro novas defuncións e Santiago outras dúas.

A incidencia acumulada descende en Galicia de 266,26 casos a 263,60. E tamén o fai a IA a 7 días de 135,1 a 128,6 casos

A incidencia acumulada (IA) nos últimos 14 días descende en Galicia de 266,26 casos por cada 100.000 habitantes a 263,60. E tamén o fai a IA a 7 días de 135,1 a 128,6 casos. En ambos os dous casos trátase dos valores máis baixos dende finais de outubro.

A incidencia baixa en case todas as áreas sanitarias, agás Ferrol e Pontevedra. Nestes momentos Vigo e Pontevedra son as dúas únicas que manteñen datos por riba dos 300 casos por cada 100.000 habitantes. Santiago e Ourense, por debaixo dos 200 casos, son as áreas sanitarias cunha menor incidencia.

Nas últimas 24 horas leváronse a cabo 6.143 probas PCR en Galicia, algo por debaixo das 7.056 da semana pasada. A media dos últimos sete días (7.013,8) segue a descender e está xa lonxe das máis de oito mil probas que se realizaban diariamente nas últimas semanas de outubro.

Baixa tamén a taxa de positividade. A media da última semana sitúase no 7,44% (onte era o 7,73%) e rompe a tendencia de ascenso que se iniciara o luns pasado

Baixa tamén a taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo). A media dos últimos 7 días sitúase no 7,44% (onte era o 7,73%) e rompe a tendencia de ascenso que se iniciara o luns da semana pasada.

Por áreas sanitarias, Ferrol (9,7), Pontevedra (9,4) e Lugo (9,1%) son as que presentan datos máis elevados. Ourense (por debaixo do 5%) e Santiago teñen as taxas máis reducidas, pero a área santiaguesa leva días en ascenso.

Nas residencias, o número de casos activos sitúase nos 769 (528 entre os e as usuarias e 241 no persoal), cun descenso de 30 dende as cifras notificadas o domingo polo Sergas (560 entre os e as residentes e 239 entre o persoal)

DoralResidencias (Mos), con 166, é a instalación que acumula un maior número de casos activos nestes momentos, xunto coa residencia Asilo (Vilalba), que suma 136 positivos.

En relación á situación que existía hai sete días, os hospitais galegos melloran os seus datos nas UCI (a ocupación baixa de 110 camas a 100 camas) e tamén no resto de unidades (de 500 a 459)

En canto ás hospitalizacións, o número de camas ocupadas aumenta con respecto aos datos notificados este domingo, pasando de 539 a 559 (100 delas nas UCI, que se manteñen estables). Con todo, este é un ascenso habitual nos datos comunicados os luns. 

En relación á situación que existía hai sete días, os hospitais galegos melloran os seus datos nas UCI (a ocupación baixa de 110 camas a 100 camas) e tamén no resto de unidades (de 500 a 459).

Por áreas sanitarias, A Coruña é a que ten máis camas de UCI ocupadas con 30 (31 hai unha semana), seguida de Vigo con 25 (as mesmas a pasada semana).

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.