Galicia rematou a Semana Santa con máis de 200 persoas coa COVID no hospital e os novos casos aínda estancados

Cribado da COVID-19 en Sanxenxo © Concello de Sanxenxo

A Xunta aborda este martes co seu comité clínico a revisión do mapa de restricións pola COVID-19. Faino cando os datos epidemiolóxicos aínda non reflicten os posibles contaxios do coronavirus que se producisen durante a Semana Santa -iso sucederá dentro dunha semana, aproximadamente-, pero manexando xa os indicadores de incidencia que reflicten os casos da ponte de San Xosé e os días posteriores e tamén a situación hospitalaria coa que finalizaron as xornadas festivas.

O Sergas suma 140 novos casos do coronavirus nuns datos epidemiolóxicos que aínda non reflicten os posibles contaxios que se producisen nas recentes xornadas festivas

Segundo a actualización de datos deste martes, ás seis da tarde do luns había 209 persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo do coronavirus, dez menos que un día antes e dúas máis que o mesmo día da semana anteriores. Mentres os centros hospitalarios normalizan a súa dinámica tras o dobre efecto fin de semana (en festivos e domingos adoitan tramitarse menos altas), o certo é que a hospitalización ligada á pandemia volve superar as duascentas persoas e continúa en niveis semellantes aos de comezos do pasado outono.

O outro indicador asistencial de referencia sobre a pandemia, o dos casos positivos considerados activos, continúa, con lixeiras oscilacións entre xornadas, na contorna dos 2.200. Na última actualización, das seis da tarde do luns, son 2.211, 37 máis que vinte e catro horas antes. Son, non obstante, menos que na media noite do sábado ao domingo, cando quedaran en 2.239.

Casos novos e incidencias estancadas

A relativa estabilidade das cifras de casos activos é reflexo do que, polo momento, segue sendo un estancamento nas tendencias de novos casos rexistrados. Tras uns días festivos con menos PCR procesadas do que é habitual (unhas 4.200 ao día na última semana), o cal propiciou unha lixeira suba das taxas de positividade (na contorna do 2,6% na media diaria da última semana para toda Galicia), o Sergas suma este martes 140 novos casos, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. Deles, 116 son diagnósticos mediante probas PCR.

Deste xeito, a media a sete días de diagnósticos por PCR segue trazando unha liña moi estable, un chisco por riba dos 110 ao día. Cómpre agardar uns días, non obstante, para constatar se o previsible incremento de test tras as xornadas festivas trae ou non consigo un aumento de casos detectados. 

Máis de 140 concellos sen casos en dúas semanas

Mentres isto sucede, tamén continúan estables as taxas de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) da COVID-19 tanto a sete como a 14 días. Segundo os últimos datos dispoñibles, sitúanse en torno aos 67 casos a 14 días e arredor dos 33, a 7. O feito de que a incidencia a sete días aínda sexa un chisco inferior á metade do indicador a catorce días constata esa estabilidade sen que, polo momento, se albisque unha repunta significativa nos datos globais de Galicia.

Galicia rexistra 67 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e algo menos da metade a sete días

Esa mesma estabilidade mantense no número de concellos que non rexistraron casos novos entre a súa veciñanza na última semana. Son 142, os mesmos que o día previo. A cifra de municipios sen casos en sete días é tamén practicamente idéntica á da xornada anterior, con 189 (+1). Este é o mapa que este martes o comité clínico ten sobre a mesa e nel seguen destacando empeoramentos significativos nas últimas xornadas en concellos como A Pobra do Caramiñal (máis dunha trintena de casos en menos de sete días) ou O Grove, entre outros.

No que atinxe ás sete principais cidades, a tónica xeral segue sendo a estabilidade, se ben seguen rexistrándose algúns cambios significativos nas tendencias. Así, Vigo vólvese achegar á Coruña na súa incidencia acumulada a 14 días. Ambas superan os cen casos novos por cada cen mil habitantes, pero a tendencia coruñesa é levemente descendente e a viguesa volve trazar unha lixeira curva á alza. Pola banda contraria, Lugo e Ourense seguen coas incidencias acumuladas máis moderadas, aínda que trazan tamén lixeiras alzas na incidencia dos últimos días, o mesmo que sucede en Pontevedra.

Tamén se foron moderando nos últimos días os indicadores de falecementos. Pero, ao contrario do que sucedeu o pasado verán, Galicia segue sen encadear máis dun día completo sen mortes de persoas que contraeran a COVID-19 (o pasado 1 de abril sucedeu por primeira vez dende o 3 de outubro). Nos últimos sete días con datos completos, Galicia rexistrou unha media duns 3 falecementos de persoas contaxiadas e o total chega a 2.357. As mellores novas neste sentido continúan chegando das residencias de maiores, que no mes de marzo supuxeron un 6% dos falecementos ligados á COVID-19 (antes da vacinación chegaron a superar o 40% do total) e seguen sen residentes contaxiados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.