Galicia rolda os 800 casos da COVID nun día e a porcentaxe probas positivas dispárase na área de Ferrol

Realización dun 'test rápido' do coronavirus do Sergas CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Días de récords nas grandes cifras do coronavirus en Galicia, pero tamén de números que é imprescindible ler conxuntamente para obter un retrato o máis preciso posible da situación. Nas vinte e catro horas transcorridas entre as seis da tarde do venres 30 e a mesma hora do sábado, 31 de outubro, o Sergas sumou ata 791 novos casos do coronavirus, 775 deles diagnósticos mediante PCR. 

O Sergas suma 791 novos casos do coronavirus, outro máximo en días de récord no número de probas PCR realizadas, e outras catro mortes

Nestas vinte e catro horas, todas as áreas agás dúas (Santiago e Ourense) rexistran máis dun cento de novos casos, encabezadas pola de Vigo (168) e Ferrol (136). Destaca positivamente o dato ourensán, que suma apenas 27 novos casos.

O país bate, deste xeito, o seu máximo de casos en vinte e catro horas por segundo día consecutivo. Pero faino nun contexto no que o número de probas PCR realizadas marca tamén cifras récord dende o inicio da pandemia. Durante a xornada do venres foron procesadas 10.621 (por primeira vez, máis de dez mil nun día), e nas vinte e catro horas transcorridas ata as seis da tarde do sábado foron 9.974, a segunda cifra máis alta dende o inicio.

Este evidente incremento da capacidade de diagnóstico sitúa a media diaria de casos novos na última semana por riba dos 700, pero  non fai que se dispare a porcentaxe de probas PCR que fai positivo no global de Galicia, mais si nalgunhas áreas. Moi especialmente, na área sanitaria de Ferrol.

Son datos dun día no que o número de casos positivos activos, tamén intimamente relacionado coa cifra de probas, cruza por primeira vez o limiar dos nove mil (son 9.119 mentres a cifra de persoas "curadas" chega ás 27.330). Na súa última actualización, Sanidade suma catro novos falecementos, para un total de 914.

En canto ás residencias de maiores, supéranse os 400 casos de usuarios con coronavirus este domingo, no que se notificou a existencia dun brote no centro Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume con 24 residentes afectados e un incremento dos casos na DomusVi de Ribadumia, onde 34 novos positivos entre usuarios elevan o total de contaxiados a 58.  

Así  o aclara a Xunta nos datos facilitados este domingo pola Consellería de Política Social, que cifra en 420 os usuarios de residencias contaxiados, 51 máis que no balance do pasado sábado.

Positividade do 8% no global galego, pero con diferenzas por áreas

O gran número de probas realizadas fai máis preciso ca nunca ollar as cifras absolutas ao carón das porcentaxes de positividade. Na última semana (do 25 ao 31 de outubro, con datos ata as seis da tarde deste último día) foron procesadas en Galicia máis de 55.000 probas PCR (o total xa se achega ás 700.000) e a media diaria das que dan positivo rolda o 8%. Isto é, máis de 3 puntos por riba do 5% que a Organización Mundial da Saúde fixa como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio determinado.

Sanidade procesou máis de 55.000 PCR nunha semana; a alta positividade en áreas como Ferrol ou Vigo contrasta cos mellores resultados de Ourense nos últimos días

A evolución da positividade é dispar entre áreas sanitarias e, como amosa o cadro sobre estas liñas, isto dá lugar a notables diferenzas na positividade media da última semana. A peor evolución é, con diferenza, a da área sanitaria de Ferrol, con máis dun 14% de positividade media na última semana e unha evolución preocupante (ata as seis da tarde do sábado, máis do 20% das probas PCR feitas na área ferrolá deu positivo).

Tamén vai claramente á alza a positividade nas áreas sanitarias de Lugo e Pontevedra, aínda que os seus datos medios semanais son máis contidos. Mentres, tenden a baixar levemente os datos de Santiago e especialmente o de Ourense, que o sábado e o domingo estivo por baixo dese 5%. Cómpre ter en conta, non obstante, que estes datos abranguen o conxunto das áreas sanitarias, que inclúen tanto as cidades como as contornas rurais, e non é posible acceder á información por concellos porque a Xunta non a publica.

Incidencia á alza en todas as áreas agás Ourense e disparada en Ferrol

A incidencia acumulada a 14 días supera por primeira vez os 300 novos casos por cada cen mil habitantes no global galego

O gran número de probas inflúe directamente nos datos da incidencia acumulada (casos novos por cada 100.000 habitantes) nas últimas dúas semanas. O venres día 30 (última xornada con datos para as vinte e catro horas) Galicia superou por primeira vez os 300 novos casos por cada cen mil habitantes en 14 días e, por áreas sanitarias, a liña é claramente ascendente en todas agás na de Ourense, sobre a que pesan medidas restritivas dende hai máis tempo e na que -influída en parte, por mor de brotes en residencias de maiores- a incidencia comeza a baixar, aínda que cun ritmo pausado. [A Xunta estende o confinamento perimetral e o veto ás reunións de non convivintes a toda a Galicia urbana]

Entre todas as curvas de incidencia destaca especialmente a da área de Ferrol tanto pola intensidade da suba como pola súa rapidez, pasando de pouco menos de 40 casos novos por cada 100.000 habitantes nos primeiros días de outubro a máis de 450 na actualidade. Tamén foi especialmente rápido o empeoramento na área de Vigo, que segue á alza e xa supera o dato galego. As incidencias acumuladas máis baixas, aínda que con liñas igualmente ascendentes, están agora nas áreas sanitarias de Lugo e da Coruña-Cee.

A maior presión nas UCI, en Ourense

As 74 persoas diagnosticadas do coronavirus ingresadas en UCI supoñen outro máximo da segunda vaga en Galicia

O empeoramento xeral da situación nas últimas semanas segue tendo reflexo nos casos de persoas diagnosticadas da COVID-19 que precisan atención hospitalaria. Aínda que o seu incremento se moderou nos últimos días, o total segue en máximo. Agora son 482 e as 74 ingresadas en unidades de coidados intensivos supoñen outro máximo da segunda vaga. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o incremento nas hospitalizacións foi especialmente acelerado na segunda quincena de outubro. [A maioría de indicadores sitúan Galicia no nivel alto de alerta por COVID, que evita pola menor ocupación hospitalaria]

Por áreas sanitarias, aínda que o maior número de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 segue sendo o da área da Coruña-Cee, a área con maior presión (como admite o propio Sergas) é a de Ourense. Sobre todo nas unidades de coidados intensivos, con 17 persoas ingresadas con test positivo (15 no CHUO, dúas en centros privados). Esta presión xa deu lugar, segundo admitiu o Sergas, a traslados puntuais de pacientes á área de Lugo, que é agora, con 37, a que rexistra un menor número de pacientes ingresados coa COVID-19.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.