Galicia segue con máis dun cento de novos casos de coronavirus ao día e o 45% das mortes son de residencias

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O Servizo Galego de Saúde incorporou aos seus datos de impacto do coronavirus o resultado de 2.693 novas probas PCR, as máis precisas, ata un total de 78.822. O incremento no número de probas foi dun 3,54%, arredor dun punto menos do que aumentara un día antes. E para esta xornada, 24 de abril, o aumento de novos positivos activos tamén é arredor dun punto menos que o día previo: avanzan un 0,86%, o menor aumento na última semana, e quedan en 6.704; 57 máis que no día anterior.

O número de novas probas PCR diminúe nun punto e o avance de positivos activos modérase nunha proporción semellante; son agora 6.704 e os novos casos detectados, 117

Así e todo, o número de novos casos detectados en Galicia segue a ser, malia a redución no número de probas, de máis dun cento por xornada. Nesta ocasión abrollan 117 novos [podes consultar aquí polo miúdo a diferenza entre o incremento de positivos activos e novos casos detectados] e a media dos últimos tres días rolda os 150. Todo, nunha xornada na que Sanidade rexistra seis falecementos máis -na xornada previa foran 17-, tres deles de persoas que viviran en residencias de maiores, centros dos que procedían o 45% das persoas falecidas pola covid-19, segundo os rexistros oficiais do Sergas.

Estes datos danse nun contexto no que o número de altas hospitalarias segue lonxe de dispararse, pero avanza un día máis con maior ritmo que os novos positivos activos, contribuíndo a descargar o sistema hospitalario da presión pola pandemia. Son xa 1.730 as persoas que ingresaran por esta causa e recibiron a alta, un 3,22% máis.

O total de falecementos chega a 498, seis máis e tres deles, de persoas que viviran en residencias

O incremento das altas é maior que o avance dos positivos activos e tamén que o incremento de falecementos, que se incrementan nun 1,22%. As persoas que morreron en Galicia co coronavirus, sempre segundo Sanidade, son un total de 498 e delas, 229 viviran en residencias de maiores ou dependentes. Isto supón acadar o devandito 45% sobre o total de persoas falecidas e delas, máis da metade (116) morreron nos propios centros residenciais.

Ao tempo, Sanidade e Política Social indican que este 24 de abril "se volve reducir o número neto de positivos en centros residenciais, posto que se rexistraron máis curacións que novos contaxios". A estatística de Sanidade reflicte 897 persoas usuarias con positivos activos da covid-19 e 347 membros do seu cadro de persoal na mesma situación. En ambos casos, os números indican que son 13 positivos activos menos en cada colectivo.

Maior baixada da hospitalización en máis dunha semana

O número de persoas hospitalizadas a causa da covid-19 en Galicia é o menor dende o 26 de marzo e as persoas illadas a domicilio son por primeira vez máis de 6.000

A tendencia que varía menos é, dende hai xa practicamente dúas semanas, a da hospitalización. A covid-19 continúa a diminuír a súa presión nos hospitais galegos e moi especialmente nas UCI, tras dúas semanas e media de caída do número de pacientes que precisan asistencia de coidados intensivos por mor da doenza. Agora son 87, o que implica baixar das 90 por primeira vez dende o 26 de marzo tras experimentar un retroceso do 5,43%. 

Desta volta diminúe en maior proporción a hospitalización ordinaria polo coronavirus, que queda en 531 persoas, un 6,51% menos. É tamén a menor cifra dende o 26 de marzo e deixa o total de persoas hospitalizadas a causa da pandemia en 618.

Mentres a hospitalización segue a baixar, o número de persoas con positivos en covid-19 que están illadas nos seus lugares de residencia -incluíndo maiores e persoas con discapacidade en residencias- aumentan un 1,65% e son por primeira vez máis de 6.000. Chegan, concretamente, ás 6.086 e cruzan xa o limiar do 90% do total de positivos activos.

O maior incremento segue na Coruña e a maior incidencia, en Ourense malia ao descenso

O incremento na Coruña é menor que en días previos; a menor incidencia segue en Pontevedra

No que atinxe á distribución de positivos activos por áreas sanitarias, un día máis o maior incremento en termos absolutos é na área da Coruña-Cee, aínda que en menor medida que en días previos. Esta área suma 34 positivos activos e chega aos 1.584. A maior incidencia, non obstante, segue na área de Ourense, con 426 casos por cada 100.000 habitantes. Este indicador redúcese un chisco, non obstante -eran 429 un día antes- porque a área ourensá rexistra nove casos positivos activos menos e queda en 1.302.

No resto de áreas, a evolución vai dende os 20 novos casos da de Lugo aos 13 menos de Santiago. A incidencia, non obstante, está en todas elas lonxe da de Ourense. A segunda maior é a da Coruña -287 casos por cada 100.000 habitantes- e a menor é a de Pontevedra, con 187 casos por cada 100.000 habitantes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.