- NOTA | Esta información foi corrixida engadindo 10 casos máis na área sanitaria de Ourense que o Sergas non divulgara inicialmente por un "erro de transmisión dos datos"
Os positivos activos aumentan un 1,58% e chegan aos 6.647 e as persoas falecidas a causa da pandemia en Galicia son xa 492, segundo o Sergas
Múltiples voces expertas advirten de que a da pandemia do coronavirus é unha carreira de fondo e que mesmo en tempos de tendencia á baixa no número de novos casos detectados, podería haber momentos de lixeiras alzas para despois, seguir baixando. Este é un dos puntos nos que semella atoparse Galicia, cun lixeiro repunte de novos casos que non provoca, así e todo, que se dispare o total de positivos activos, situado este 23 de abril en 6.647, un 1,73% máis segundo os datos do Sergas. Son 10 positivos activos máis dos que inicialmente indicara o Sergas por mor dun "erro de transmisión" de datos, indica Sanidade.
Este incremento é superior ao de varios días da pasada semana, cando o ritmo era inferior ao 1%, pero está moi lonxe dos peores días da pandemia, cando chegou a superar o 30%. [Podes consultar aquí polo miúdo a diferenza entre novos casos e positivos activos]
O ritmo de incremento dos novos positivos activos é, así e todo, un día máis inferior ao das altas. Xa son 1.676 as persoas que foran infectadas pola covid-19 e recibiron a alta, un 3,14%. O seu incremento si é inferior ao dos falecementos, que tras sumar 17 persoas máis experimentan unha suba do 3,58% e chegan a un total de 492.
Deses 17 falecementos, ata 16 persoas viviran en residencias de maiores e dependentes. O total de persoas procedentes destes centros que morreron pola pandemia son xa 226. Desas 16 persoas máis cuxos falecementos foron rexistrados nas últimas vinte e catro horas, ata 9 morreron nas propias residencias: catro na Claudina-Somoza da Coruña e unha na residencia El Portazgo, tamén na Coruña; tamén rexistraron un falecemento por esta causa, segundo a Xunta, as residencias José Otero (Santiago), Nuestra Señora de La Esperanza (Ourense), San José (Ourense) e San Pedro (Crecente).
Nas residencias, non obstante, redúcese o número de positivos activos tanto entre persoas usuarias como entre o persoal. Segundo o Sergas, rexístranse 910 positivos entre usuarios e 360 nos cadros de persoal. Inicialmente, Sanidade reportara 900 positivos de persoas usuarias, polo que as 10 de diferenza corresponden a residencias da provincia ourensá. Política Social reportou, ademais, curacións de 45 persoas usuarias e 24 traballadoras.
A media de novos casos detectados ascende dende hai catro días e rolda os 170
O devandito repunte é produto dunha xornada na que, atendendo aos datos coñecidos a través da Consellería de Sanidade, cabe concluír que nas últimas vinte e catro horas foron detectados 181 novos casos positivos da covid-19 en Galicia. Isto supón tamén unha revisión á alza dos datos medios de casos novos, que pasan de roldar o cento diario a superar os 170.
Estes datos son produto dún día no que o Sergas incorporou os resultados de 3.271 novas probas PCR, ata un total de 76.129. Mentres que durante a pasada semana o número de casos positivos novos equivalía a menos do 3% das novas PCR, neste 23 de abril ese valor sobe ata o 5,23%.
A menor hospitalización dende finais de marzo
Fronte ao máximo de 1.072 persoas hospitalizadas a finais de marzo, o novo descenso deixa as hospitalizacións en 660, 92 delas na UCI
Este relativo empeoramento na tendencia á baixa da pandemia non se traduce, así e todo, nunha maior presión nos hospitais. Este 23 de abril rexístranse 660 hospitalizacións en Galicia a causa do coronavirus, un novo descenso diario superior ao 3% que deixa o total das hospitalizacións por esta causa no seu menor nivel dende o pasado 26 de marzo. O máximo ata agora chegaron a ser 1.072 persoas hospitalizadas ao mesmo tempo a causa da doenza.
A baixa máis pronunciada segue nas unidades de coidados intensivos. Tras descender do limiar do cento de persoas ingresadas segundo os datos do pasado día 22, este 23 de abril as persoas na UCI polo coronavirus quedan en 92, catro menos. Nas unidades de hospitalización ordinaria -en planta- as ingresadas son agora 568, un 2,91% menos.
Dado o descenso das hospitalizacións, o número de persoas que deron positivo e están illadas no seu lugar de residencia, xa sexa na casa ou en centros de maiores, chega xa ao 90% do total. Son, tras a devandita corrección por parte da Xunta, 5.987 persoas nesta situación, un 2,12% máis que o día anterior.
Novo forte aumento na área da Coruña
Case dous terzos dos 103 novos positivos activos que se rexistran este 23 de abril en Galicia proceden da área sanitaria da Coruña, a que acumula máis casos e na que se suman nesta xornada 65 máis, ata chegar a 1.550, un novo máximo. A área sanitaria que segue padecendo -con diferenza- a maior incidencia na pandemia -429 casos por 100.000 habitantes fronte aos 281 da Coruña-, a de Ourense, suma nesta ocasión 10 positivos activos máis.
As outras tres áreas nas que se rexistran máis positivos activos son Pontevedra e Ferrol, con 15 máis cada unha, e Lugo suma 13. Mentres nas áreas de Santiago e Vigo caen lixeiramente, con 3 e 2 positivos activos menos, respectivamente.