Galicia suma 184 novos positivos de COVID mentres A Coruña se destaca como a cidade con máis incidencia

Cribado da COVID en Muxía o 12 de febreiro de 2021 © Concello de Muxía

Galicia continúa diminuíndo a incidencia da COVID-19, nunha xornada na que sumou 184 novos casos positivos, 149 diagnosticados por proba PCR nas últimas 24 horas. A taxa de positividade, a redor do 2%, segue á baixa e a media diaria de casos rexistrados na última semana, ao redor de 148, descende ata niveis que non se rexistraban dende agosto. 

Sumáronse 184 novos casos positivos, 149 diagnosticados por proba PCR nas últimas 24 horas

Porén, seguen a producirse mortes pola enfermidade e o nivel de ocupación nos hospitais segue a ser alto, cun número de camas ocupadas por pacientes COVID-19 nas UCI e no resto de unidades que aínda é superior ao que se rexistraba no mes de decembro, no momento en que se iniciou a desescalada que levou á terceira vaga da pandemia.

Ademais, as cifras de casos rexistrados continúan a ser elevadas en moitos concellos, entre eles a cidade da Coruña, que se destaca como a urbe con maior incidencia, cun estancamento dos seus datos nos últimos días.

O número de camas ocupadas por pacientes COVID-19 nas UCI e no resto de unidades que aínda é superior ao que se rexistraba no mes de decembro, no momento en que se iniciou a desescalada que levou á terceira vaga da pandemia

Aínda non hai signos dun cambio de tendencia nin do inicio dunha cuarta onda que, segundo advirten as autoridades sanitarias, podería chegar nalgún momento como consecuencia da relaxación das restricións que se está a levar a cabo. Porén, indicadores temperáns, como a análise das aúgas residuais na Coruña, xa amosan un incremento da carga viral nos últimos días, que se podería traducir en breve nun aumento no número de diagnóstivos da enfermidades.

Este sábado notificáronse dous novos falecementos, que elevan a 2.264 o número de mortes ligadas á Covid-19 en Galicia dende o inicio da pandemia.

A taxa de positividade (porcentaxe de probas positivas sobre o total de PCR realizadas) continúa a ser moi baixa, roldando o 2% nos últimos sete días e con todas as áreas sanitarias por debaixo do 3%. A Coruña, Pontevedra e Ourense rexistran os datos moi elevados.

Nas últimas 24 horas leváronse a cabo 6.926 probas PCR, unha cifra por debaixo do nivel de detección do mes de xaneiro e comezos de febreiro, pero aínda elevada, sobre todo en relación ao número de casos rexistrados nas últimas xornadas.

Nas residencias hai 36 casos activos (30 entre os usuarios e 6 entre o persoal), mantendo o descenso das últimas semanas. A residencia Santa Mariña (Xinzo de Limia), que hai uns días rexistrou un gromo, suma 10 casos e este sábado engadiu tres máis.

Hai 25 concellos con IA a 14 días por riba dos 250 casos por cada 100.000 habitantes

A incidencia descende no conxunto de Galicia, con só tres concellos cunha IA a 14 días por riba dos 500 casos por cada 100.000 habtiantes: A Mezquita, A Pobra do Brollón e Boborás. Outras 22 localidades sitúanse entre os 250 e os 500, destacando Arteixo como o termo municipal de maior tamaño neste grupo, xunto con Vilanova de Arousa e Soutomaior.

Hai 113 concellos que non rexistraron ningún caso nos últimos 14 días e 176 (máis da metade) que non tiveron ningún positivos nos últimos sete días.

176 concellos non tiveron positivos na última semana

En canto ás sete cidades, hai un descenso xeral en todas elas, agás A Coruña, que se converte na urbe con peores datos, case duplicando a Incidencia Acumulada da segunda, Ferrol. A capital herculina leva dous días con cifras de incidencia estancadas..

Hai 82 camas de UCI ocupadas por pacientes con Covid-19 e 310 noutras unidades de hospitalización

Os datos de hospitalizacións amosan aínda os efectos da terceira onda, que aínda non rematou de descender. Neste momento hai 82 camas de UCI ocupadas por pacientes con Covid-19 e 310 noutras unidades de hospitalización. As cifras están moi por debaixo das acadadas a comezos de febreiro, no peor momento da pandemia, pero seguen por riba das de decembro.

Aínda non se chegou, polo tanto, ao nivel que existía no momento en que se levou a cabo a relaxación das medidas que levou á terceira vaga da pandemia.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.