Galicia suma en dúas semanas de marzo tantos casos da COVID como os rexistrados en xaneiro cada dous días

Cribado da COVID-19 na Coruña e evolución dos casos activos por áreas sanitarias a 16 de marzo de 2021 CC-BY-NC-SA Foto: Concello da Coruña | Montaxe: Praza Pública

Nos primeiros catorce días do mes de marzo, o Sergas rexistrou 2.247 novos casos da COVID-19. Hai apenas dous meses, nas semanas que seguiron ás festas do Nadal, Aninovo e Reis, Galicia precisaba apenas dous días para sumar unha cantidade semellante. Non en van, xaneiro finalizou cunha media de case 1.200 casos novos ao día.

O pasado xaneiro, Galicia rexistrou unha media de case 1.200 casos novos ao día; nos primeiros 14 días de marzo sumou pouco máis de 2.200

Dende comezos do mes en curso, o país semella estar a deixar atrás a terceira vaga da pandemia, a máis virulenta, e transita por unha senda de estabilidade ou de estancamento na súa evolución, cos niveis de casos novos detectados máis baixos dende agosto de 2020. Este martes, 16 de marzo, Sanidade engade ao seu cómputo 123 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns, dos que 105 son diagnósticos mediante PCR.

A media diaria de diagnósticos por PCR estáncase arredor dos 130 

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a media a sete días dos diagnósticos por PCR está a debuxar unha liña practicamente horizontal na contorna dos 130 ao día, con escasas oscilacións. Isto sucede cando os datos xa comezan a reflectir contaxios que se produciron cando a terceira desescalada de restricións xa estaba en marcha. Ao contrario que na anterior relaxación de medidas -a previa ao Nadal, máis brusca-, nesta ocasión todo parece indicar que desta volta o seu efecto inmediato non é un regreso á liña ascendente de novos casos, senón un estancamento en niveis baixos.

Ese estancamento reflíctese tamén nos datos de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes). Para o conxunto de Galicia, o indicador a sete días apenas experimenta cambios dende principios de mes e rolda os 40 casos novos. A incidencia acumulada a 14 días continuou descendendo durante uns días máis pero semella que tamén toca xa o seu chan, arredor dos 83 casos novos por cada cen mil habitantes. Ambos niveis son semellantes aos de finais de agosto, cando a capacidade diagnóstica do Sergas, non obstante, era inferior á actual.

130 concellos non rexistraron casos novos nas últimas dúas semanas

Como amosa o mapa baixo estas liñas, en máis da metade dos concellos do país non se rexistraron casos novos na última semana (son un total de 168, dous menos que un día antes) e 130 municipios acumulan 14 días sen casos novos. A maior parte destes concellos libres da COVID-19 seguen situándose en zonas pouco poboadas das provincias de Lugo e Ourense mentres, na banda contraria, boa parte dos municipios con incidencias acumuladas máis elevadas se sitúan na contorna da área sanitaria da Coruña-Cee.

O estancamento xeral tamén se reflicte nas sete principais cidades do país, aínda que non en todas en niveis baixos. Como vén sucedendo nas últimas semanas, neste indicador tamén destaca A Coruña, que tras descender momentaneamente dos 200 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días, cos últimos datos dispoñibles volve superar ese limiar. Nas outras seis, a estabilidade tamén se impón, con Lugo coa incidencia acumulada máis baixa a 14 días (uns 31 casos por cada cen mil habitantes). As sete cidades dan tamén sinais de estabilidade na súa incidencia acumulada a sete días.

Carreira de fondo nos hospitais

O estancamento dos principais indicadores epidemiolóxicos non chegou, cando menos de momento, ao conxunto das cifras de hospitalización de persoas con test positivo da COVID-19, aínda que si o veu experimentando durante días nun dos seus aspectos máis relevantes, o número de pacientes na UCI. Os datos feitos públicos este martes, no entanto, si reflicten unha diminución máis significativa no número de persoas en coidados intensivos con test positivo do coronavirus, que pasan de 74 a 65.

Malia aos leves descensos, o total de persoas ingresadas con test positivo segue por riba dos 300

Mentres, as persoas en unidades de hospitalización ordinaria tamén descenden, pero moito máis levemente, e queda en 248 (-3). Así, o total de pacientes con test positivo da COVID-19 nos centros hospitalarios galegos segue, polo momento, por riba dos trescentos. Son, concretamente, 313, unha cifra moi parecida á de comezos do pasado outono cando, non obstante, as persoas na UCI eran menos que na actualidade. Continúa ratificándose, deste xeito, que a virulencia da terceira vaga da pandemia segue a provocar que o alivio hospitalario sexa moito máis lento.

Positividade media das PCR arredor do 2%

Neste contexto, e á espera de que a Consellería de Sanidade defina -tras a reunión do comité clínico fixada para este mesmo martes- se prevé relaxar ou non máis restricións para as vindeiras datas festivas, as taxas de positividade das probas PCR (porcentaxe das que dan positivo) seguen convidando a pensar que a situación de estabilidade continuará no curto prazo. 

Cunha media diaria de algo menos de 6.000 PCR na última semana, a positividade media a sete días para o conxunto de Galicia segue arredor do 2%. Isto supón continuar en menos da metade do nivel que a Organización Mundial da Saúde considera como limiar para dar por controlada a pandemia nun territorio, o 5%.

Malia á lixeira suba da positividade media a sete días nas últimas xornadas -motivada por focos puntuais, como o dunha residencia en Silleda ou o dun colexio en Ferrol-, o Sergas segue rexistrando positividades moi baixas en varias áreas sanitarias. Así, por exemplo, no último día completo con datos dispoñibles (o domingo, día 14), todas as áreas agás a Coruña-Cee e Ferrol rexistraron positividades inferiores ao 2% e unha delas, a de Santiago-Cee, caeu por baixo do 1%.

Número de casos activos tendente ao estancamento

Tras o pronunciado descenso de febreiro, as cifras de casos activos tenden a estabilizarse arredor dos 2.700 nos últimos días

Con todas estas cifras sobre a mesa, o que segue sendo un dos indicadores de referencia -cando menos, nos seus comunicados diarios- para o Goberno galego, o dos casos positivos considerados "activos", vai tendendo tamén aos poucos a un certo estancamento. Ese indicador situábase ás seis da tarde do luns en 2.685 positivos activos e finalizara o domingo en 2.714. Ás seis da tarde do domingo eran 2.682 e á mesma hora do luns, os devanditos 2.685.

Esa tendencia ao estancamento prodúcese despois de chegar a superar o limiar dos 22.000 positivos activos no pico da terceira vaga. O nivel actual é tamén semellante ao do pasado agosto e neste indicador tamén sobresae a área sanitaria da Coruña, a única que aínda supera os mil casos activos.

Mentres todo isto sucede, as cifras de falecementos de persoas que contraeran a enfermidade seguen aumentando, aínda que a menor ritmo. Na última semana, Galicia rexistra unhas tres mortes diarias e o total chega a 2.303.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.