Galicia suma máis de 500 positivos de coronavirus nun día por primeira vez dende marzo

Mensaxes sobre o coronavirus no hospital Clínico de Santiago, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA CIG

A curva epidémica da segunda do coronavirus en Galicia certifica a súa forte tendencia ascendente, case trazando o que sería unha terceira vaga. Os datos facilitados pola Consellería de Sanidade este 23 de outubro, pechados ás seis da tarde do día 22, apuntan a que nas vinte e catro horas previas o Sergas sumou ata 532 novos casos da COVID-19 (514, confirmacións mediante PCR), o que supón a detección, por primeira vez dende finais de marzo, en pleno confinamento, de máis de 500 casos nun só día.

A área sanitaria de Santiago acumula 131 dos 532 novos casos rexistrados polo Sergas en vinte e catro horas

As cifras do primeiro día co novo paquete de restricións en vigor amosa como a área sanitaria de Santiago-Barbanza, acumula ata 131 deses novos casos seguida da área da Coruña-Cee, con 93, e da área de Vigo, con 71, case os mesmos que Ourense (70). Foron os positivos detectados nun período de vinte e catro horas con 6.781 probas PCR realizadas das que o 7,6% deron positivo. No anterior e ata agora único día con máis de 500 casos en vinte e catro horas, o 29 de marzo (datos do día 30), foran procesadas pouco máis de 1.600 probas PCR.

O cómputo oficial rexistra nove mortes máis, tres delas de persoas que vivían en residencias e outra, dunha paciente oncolóxica afectada polo brote no hospital provincial de Pontevedra

O empeoramento progresivo da situación segue tendo a súa tradución en falecementos. O cómputo oficial do Sergas recolle este venres a morte doutras nove persoas, ata un total de 856. Tres delas viviran en residencias de maiores: un home de 92 anos e outro de 76, que estaban hospitalizados, procedían da residencia Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar, e outro home de 80 anos vivira na residencia Virxe Branca de Ourense. [A residencia do Pereiro de Aguiar, intervida pola Xunta, suma 20 mortes relacionadas co coronavirus este mes]

Ademais, morreron dous homes de 95 e 71 anos no Clínico de Santiago, outros dous homes de 92 e 81 anos e unha muller de 87, no hospital de Ourense. Ademais, o Sergas confirmou o falecemento dunha muller de 60 anos no hospital de Pontevedra; trátase dunha paciente afectada polo brote da COVID-19 no servizo de Oncoloxía do hospital provincial pontevedrés.

A incidencia baixa aos poucos en Ourense e sobe en todas as demais

A pandemia recrúa e así o acreditan os datos de incidencia acumulada a 14 días, isto é, os novos casos por cada 100.000 habitantes detectados nese período. Cos datos pechados a 21 de outubro (último día con información para as vinte e catro horas), o dato galego séguese achegando aos 200 casos e continúa a destacar a aceleración da área de Santiago-Barbanza, que xa cruzou o limiar dos 200. Non obstante, na capital galega, esa incidencia xa está na contorna dos 400 casos por cada 100.000 habitantes -segundo o Concello-, dato que a Xunta non facilita ao negarse a dar detalles a nivel municipal. [Un concello en vermello pola COVID non sempre significa o mesmo: guía para non perderse nas cores da Xunta].

O número de casos activos toca teito e xa son máis que no pico da primeira vaga, aínda que daquelas eran procesadas moitas menos probas PCR que na actualidade

Mentres, na que segue sendo a área sanitaria máis afectada e con máis concellos con restricións reforzadas, a de Ourense, a incidencia acumulada volve dar sinais de remisión, pero moi aos poucos. Cos datos pechados do día 21, segue superando os 450 casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas. Na capital da provincia, tamén neste caso segundo o Concello, o número de positivos activos acumula once días consecutivos de descenso, e sitúase en 371, case douscentos menos que hai pouco máis dunha semana.

No conxunto de Galicia, a cifra de casos activos tamén toca teito: son 5.880, informa o Sergas, o que implica superar xa o máximo da primeira vaga, atendendo á serie historia corrixida que agora a Xunta si amosa. Este indicador, non obstante, tamén está fondamente condicionado pola capacidade de diagnóstico: no máximo de casos activos da primeira vaga (5.469, o 9 de abril) procesábanse pouco máis de 2.000 probas ao día e agora, máis de 6.000.

Dúas semanas coa hospitalización en niveis máximos

Ao contrario que durante os pasados meses de agosto e setembro, cando o empeoramento nunha área sanitaria adoitaba vir acompañado pola mellora noutra, o incremento xeral de positivos en varias áreas ao mesmo tempo repercute tamén na hospitalización de modo xeral. As 373 persoas ingresadas supoñen marcar outro máximo da segunda vaga tras case dúas semanas de incrementos sostidos (o pasado día 11 os ingresos eran apenas 170). Delas, 325 están en unidades de hospitalización ordinaria (8 máis) e 48, na UCI unha máis.

En Ourense foron suspendidas operacións cirúrxicas programadas polo incremento da presión na UCI a causa da pandemia

Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a área sanitaria con maior presión hospitalaria por mor da COVID-19 continúa a ser a de Ourense. Froito deste incremento, o pasado xoves a área sanitaria ourensá admitía a suspensión de operacións cirúrxicas programadas. A razón, sinalan, é a alta ocupación das UCI. 

Segundo datos do Ministerio de Sanidade, a porcentaxe de camas hospitalarias ocupadas en Galicia por pacientes co coronavirus é do 4,94% (a media estatal sitúase no 11%) e nas unidades de coidados intensivos, ascende ata o 7,42% (o dato estatal rolda o 21%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.