Galicia supera as 800 mortes ligadas á pandemia e a hospitalización chega a outro máximo da segunda vaga

Material para a toma de mostras de probas PCR no hospital de Ourense © Sergas

O Servizo Galego de Saúde sumou 247 novos casos do coronavirus nas últimas vinte e catro horas (233 mediante PCR), segundo os datos divulgados este xoves, 15 de outubro, e pechados ás seis da tarde do mércores, día 14. Trátase dunha cifra superior á dos tres días previos, pero inferior ás da pasada semana, marcadas polos fortes brotes en varias residencias de maiores na provincia de Ourense.

O Sergas engade 247 novos casos do coronavirus e Ourense segue sendo a área que suma máis novos positivos, pero cunha tendencia á moderación mentres aumentan os rexistros de Vigo e da Coruña

Pero tamén é un indicador de que o que a finais de setembro semellaba un descenso na segunda vaga da epidemia non era máis ca un pequeno val. Todo, mentres as cifras da incidencia acumulada seguen debuxando curvas lixeiramente á alza e cando o rexistro de falecementos ligados á pandemia xa supera as 800 persoas mentres o empeoramento relativo xa se traduce en máis presión hospitalaria.

Nese balance de vinte e catro horas (das seis da tarde do martes á mesma hora do mércores, día 14) a área de Ourense segue sendo a que máis positivos suma (63), pero o incremento é menor que na xornada previa. Ademais, como amosa a táboa baixo estas liñas, na área ourensá a porcentaxe de probas PCR que dan positivo tende á baixa nos últimos días.

O número de probas PCR volve aumentar tras diminuír durante a ponte festiva

Mentres, por outra banda, as dúas áreas sanitarias máis poboadas, as de Vigo e A Coruña, amosan nas últimas xornadas unha tendencia diferente. Son, tras Ourense, as que máis casos engaden ao cómputo xeral na última xornada e ademais, a súa taxa de positividade tende a aumentar (cómpre ter en conta que os datos do último día están pechados ás seis da tarde, polo que fican fóra probas PCR realizadas durante o mércores, día 14, e cuxos resultados serán coñecidos o venres). 

Así e todo, no conxunto de Galicia a taxa de positividade tende a moderarse levemente. Faino, ademais, nunha xornada na que o número de probas volve aumentar tras o descenso da ponte festiva. Tras catro días por baixo, nas últimas vinte e catro horas volveuse superar o limiar das cinco mil PCR procesadas, ata chegar ás 5.174, cun total de 566.061.

803 falecementos ligados á pandemia

O empeoramento das últimas semanas, especialmente na provincia de Ourense pero tamén noutras contornas, provocou que Galicia volvese rexistrar cifras máximas de falecementos nun só día da segunda vaga. Este xoves entran no cómputo oficial seis mortes das que daba conta o Sergas no serán do mércores, das que catro viviran en centros de maiores ou persoas con discapacidade.

Catro dos seis novos falecementos rexistrados son de persoas que vivían en residencias de maiores ou discapacidade

Unha delas, unha muller de 88 anos, faleceu na propia residencia, o centro Val de Monterrei. Ademais, morreu no hospital de Ourense un home de 94 anos que vivía na residencia Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar, e outro home de 78 anos finou no hospital da Coruña, procedente da residencia Ballesol e Oleiros. Sanidade informou tamén do falecemento dunha muller de 53 anos no hospital coruñés, ao que chegou procedente do centro de persoas con discapacidade Pai Menni, de Betanzos.

Os outros dous falecementos, que elevan a cifra total polo momento ata os 803, rexistráronse en Santiago e Vigo. Trátase dunha muller de 87 anos que estaba ingresada no Clínico compostelán e outra muller de 79, que faleceu na súa casa.

No que atinxe ao total de casos activos, indicador de referencia para a Xunta, o dato descende en 32 casos con relación ás seis da tarde do día previo e é tamén inferior ao dato de casos activos pechado ás doce da noite do mércores, ata quedar en 4.569. A razón é que as 273 altas rexistradas (case 70 delas, da área de Pontevedra) son máis que os 247 novos casos rexistrados.

Por áreas sanitarias, a cifra de casos activos só diminúe en dúas, a de Pontevedra (-50) e a de Lugo (-10). Nas restantes rexístranse incrementos encabezados por Vigo (+38), seguida de Ourense (+29) e A Coruña (+25).

Máximo de hospitalización na segunda vaga

Aínda que con niveis moito máis baixos que os indicados durante as peores semanas da primeira vaga da epidemia e cunha porcentaxe de camas ocupadas moi inferior á da media estatal, nos últimos días o número de pacientes con test positivo da COVID-19 que precisan atención hospitalaria en Galicia aumenta con claridade. Agora son 265 (seis máis), o que supón un novo máximo nesta segunda vaga. Delas, 42 están en unidades de coidados intensivos (unha máis) e as 223 restantes (cinco máis), en unidades de hospitalización ordinaria.

O hospital con máis persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 segue sendo o de Ourense, con 83 (once delas na UCI). Sitúase a continuación o CHUAC coruñés, con 45 pacientes ingresados (3 na UCI).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.