Galicia volve reducir a incidencia da COVID ás portas das celebracións de Nadal e ante o medo a unha repunta

Espazo para a realización de probas PCR no centro de saúde do Ventorrillo, na Coruña © Concello da Coruña

Os indicadores que refliten a propagación da Covid-19 e os seus efectos volven amosar unha tendencia de mellora en Galicia, despois de varios días de estancamento, que seguira a un lixeiro empeoramento hai unhas xornadas. Estes datos máis positivos chegan cando estamos a só un día das celebracións de Noiteboa e Nadal, inicio de dúas semanas nas que se espera un incremento das reunións sociais e da mobilidade entre concellos e comunidades autónomas. As autoridades sanitarias levan moito tempo alertando sobre os riscos asociados a estas dúas semanas de Nadal, que poden provocar un novo incremento na incidencia da enfermidade, o número de hospitalizacións e de mortes.

Nas últimas 24 horas detectáronse 299 casos, lonxe dos 393 notificados o mércores da semana pasada

Con todo, os datos que o Sergas fixo públicos na mañá deste mércores son en xeral favorables, cun descenso no número de positivos diagnosticados nas últimas 24 horas (299, lonxe dos 393 notificados o mércores da semana pasada). Isto leva a que a incidendia acumulada nos últimos 14 días volva descender, situándose ao redor dos 160 casos por cada 100.000 habitantes. A incidencia acumulada nos últimos sete días leva catro días á baixa e sitúase por debaixo dos 80 casos.

A incidencia acumulada baixa dos 160 casos por cada 100.000 habitantes

Baixa tamén a taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo) e, igualmente, o número de persoas hospitalizadas despois de ter sido infectadas pola COVID-19. Indicadores favorables que xa recollen os posibles efectos derivados da ponte da Constitución de hai algo máis de dúas semanas.

A taxa de positividade mantense en niveis baixos en toda Galicia, cunha porcentaxe de probas positivas de 4,03% nos últimos sete días 

A taxa de positividade mantense en niveis baixos en toda Galicia, cunha porcentaxe de probas positivas de 4,03% nos últimos sete días e suma xa dúas semanas por debaixo do 5%. A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés é a única que se sitúa por riba dese nivel, cunha media do 6,06% na última semana. Vigo e Lugo son as áreas sanitarias cunha taxa de positividade máis reducida.

Estes datos son produto dunha cifra de probas PCR que se mantén en niveis elevados, froito en parte dos cribados masivos que se están levando a cabo en moitos concellos. Aínda que nas últimas 24 horas o número total foi máis reducido (6.027, o máis baixo dende o 7 de decembro), a media na última semana mantense por riba das sete mil probas diarias.

O número de persoas que dende marzo morreron en Galicia despois de ter sido contaxiadas de Covid-19 é de 1.350

A mellora da situación da pandemia non oculta a terrible pegada que a enfermidade deixou en moitas familias. O número de persoas que dende marzo morreron en Galicia despois de ter sido contaxiadas de Covid-19 é de 1.350. O número de falecementos na última semana é máis reducido que nas semanas anteriores, cun total de 21 vítimas mortais.

Nas residencias de maiores e de atención á discapacidade hai un total de 221 casos activos de Covid-19 (99 entre os usuarios e usuarias e 122 entre o persoal). A cifra mantén a tendencia descendente das últimas semanas, dende os 228 casos que se rexistraban onte. Na actualidade non hai ningunha residencia por riba dos 30 casos totais. A Residencia La Saleta (San Cristovo de Cea), a Residencia Soremay (Pontevedra), a Residencia Pontevedra (Vilaboa) e o CRAPD Vigo II superan a decena de casos entre os usuarios e usuarias.

Aínda que a situación se mantén estabilizada un cunha tendencia de mellora en boa parte de Galicia, hai varios concellos que presentan un número de casos moi elevados, con incidencias acumuladas que en moitos casos superan os 1.000 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. 

Sarreaus segue a ser o concello cunha maior incidencia (3.098). A Illa de Arousa, Fisterra, Mazaricos e Rodeiro tamén se sitúan por riba dos mil casos

Sarreaus segue a ser o concello cunha maior incidencia (3.098, froito dos 36 casos activos que aínda se rexistran no concello). A Illa de Arousa, Fisterra, Mazaricos e Rodeiro tamén se sitúan por riba dos mil casos por cada 100.000 habitantes.

Entre os concellos de máis de 10.000 habitantes, seguen a ser Boiro (993), As Pontes (986), Bueu (608) e O Grove (554) as localidades que presentan unha maior incidencia acumulada.

No outro extremo, hai 86 concellos nos que non se detectou caso ningún de coronavirus nos últimos 14 días.

Santiago (206) segue ser a urbe cunha maior incidencia acumulada, seguida de Pontevedra (183) e Vigo (177). Compostela é a única cidade que empeora os seus datos

Mentres, no que atinxe ás cidades, Santiago (206) segue ser a urbe cunha maior incidencia acumulada, seguida de Pontevedra (183) e Vigo (177). Ourense e Ferrol (147) teñen tamén incidencias por debaixo da media galega, mentres que A Coruña (118) e Lugo (99) son as cidades que presentan unha mellor situación.

Nos últimos días Compostela é a única cidade que está a empeorar os seus datos, mentres que Lugo, Pontevedra e Vigo melloran os seus. O resto mantéñense estables.

Nos hospitais a situación mellora lentamente, aínda que lonxe do "reseteo" (redución dos datos ao mínimo) que a Xunta buscaba acadar antes do Nadal

Nos hospitais a situación mellora lentamente, aínda que lonxe do "reseteo" (redución dos datos ao mínimo) que a Xunta buscaba acadar antes do Nadal. O número de pacientes COVID-19 nas UCI e no resto de unidades hospitalarias descende este mércores con respecto ao martes e tamén en relación ao mércores da pasada semana. En concreto, nestes momentos hai 48 camas ocupadas nas UCI (eran 51 onte) e 293 (306 onte) no resto de unidades.

A mellora é clara nas áreas sanitarias da Coruña, Lugo e Ourense. Pola contra, as áreas de Santiago e Vigo teñen hoxe máis camas ocupadas que hai unha semana. Mentres, Ferrol e Pontevedra están estabilizadas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.