Galicia volve superar os 400 positivos da COVID-19 nun día coa peor evolución de toda a segunda vaga

Unha traballadora do Sergas manexa materiais para a realización de probas PCR na área sanitaria de Vigo CC-BY-SA Sergas

Os datos de finais de setembro, lonxe de seren un descenso, foron un rebote en toda regra. No inicio da segunda quincena do mes de outubro, o coronavirus volve acelerar en Galicia e, na segunda xornada consecutiva con máis de 400 casos en vinte e catro horas, todos os principais indicadores epidemiolóxicos sitúan o país en niveis máximos do que foi dado en coñecer como segunda vaga da COVID-19.

O Sergas suma 425 novos positivos en vinte e catro horas, 417 detectados mediante PCR, e suma catro mortes das que tres eran residentes do mesmo centro de maiores

A información achegada polo Sergas apunta a que entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo, Galicia sumou 425 novos positivos, 417 deles detectados mediante probas PCR. Sanidade rexistra así máis de 5.000 casos de coronavirus activos por primeira vez dende o 13 de abril -cando aínda estaban vixentes as medidas de confinamento xeral e eran realizadas moitas menos probas-. Faino nun día en que confirma catro mortes máis, para un total de 822 falecementos. [A segunda vaga da pandemia deixa 200 mortes en dous meses en Galicia e sitúa Ourense como a zona con peores datos]

Tres das catro persoas falecidas viviran na mesma residencia de maiores, o centro Os Gozos, da Fundación San Rosendo no Pereiro de Aguiar. Trátase dunha muller de 70 anos que faleceu no hospital de Ourense e doutras dúas mulleres, ambas de 86 anos, que morreron na propia residencia, segundo Sanidade. O cuarto falecemento produciuse no Clínico de Santiago, un home de 75 anos.

Rozando os 500 positivos nun só dia

Unha ollada en perspectiva aos datos globais de Galicia nas últimas semana serve para acreditar o empeoramento xeral da situación. O último día cos datos pechados, o pasado sábado, quedou a apenas dous positivos confirmados mediante PCR por baixo do limiar dos 500, un novo máximo da segunda vaga que mantén a media semanal de casos diarios por riba dos 300. 

Todas as áreas sanitarias rexistran máis do 5% de PCR positivas nun contexto no que destaca o empeoramento en Vigo

Estes datos rexístranse nunha xornada na que o número de probas PCR segue sendo elevado, con máis de 6.000 en vinte e catro horas que sitúan a taxa de positividade (porcentaxe de test PCR que dan positivo) para o conxunto de Galicia no 6,58%, por riba do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar a epidemia por controlada nun territorio determinado.

Ningunha área sanitaria está xa por baixo desa cifra nun contexto no que chama a atención o empeoramento da máis poboada, a de Vigo, na que a porcentaxe de PCR positivas xa se sitúa por riba do 7%. Na área viguesa, ademais, a aceleración de todos os indicadores é significativa en relativamente poucos días, pasando de apenas 500 casos activos a finais de setembro aos actuais 708.

Incidencia á alza en todas as áreas agás Ourense, que segue por riba dos 400

Este empeoramento xeral da situación reflíctese con claridade na incidencia acumulada a dúas semanas (novos casos por cada 100.000 habitantes nos últimos catorce días) de todas as áreas sanitarias agás a de Ourense. Na área ourensá, tras os fortes brotes en residencias de maiores e despois de case dúas semanas de confinamento perimetral da capital da provincia e Barbadás, este indicador semella estabilizarse e mesmo apunta a un lixeiro descenso, pero aínda moi por riba dos 400 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos catorce días.

A incidencia acumulada rolda xa os 160 casos por cada 100.000 habitantes en Galicia

A incidencia acumulada a 14 días para toda Galicia e no resto de áreas sanitarias é moito máis baixa, pero ascendente. O dato xeral galego rolda agora os 160 casos por cada 100.000 habitantes, pero a curva tende claramente a subir igual que o fan por separado nas restantes seis áreas sanitarias. Tamén neste punto poden derivar en escenarios preocupantes as cifras de Vigo, pola súa rápida aceleración, e mais as da área sanitaria de Santiago-Barbanza, que supera os 160 casos por cada 100.000 habitantes, cifra que segundo o Concello de Santiago se duplica dentro do termo municipal da capital galega.

A maior carga hospitalaria da segunda vaga

Este empeoramento ten tamén o seu reflexo nos hospitais. Galicia ten por primeira vez dende finais de marzo -cando o cómputo se realizaba de maneira diferente, en virtude dos protocolos estatais vixentes daquela- máis de 300 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19. Son, concretamente, 312 das que 46 están en unidades de coidados intensivos, o que tamén supón outro máximo de ingresos en UCI nesta segunda vaga.

En termos absolutos, seguen destacando as cifras de hospitalización da provincia de Ourense, con 104 das 266 persoas ingresadas en unidades de hospitalización convencional e 14 das 46 que precisan atención en coidados intensivos. Na última semana, a carga hospitalaria tanto en unidades convencionais como en UCI aumenta en todas as áreas sanitarias agás na de Lugo, onde tras os incrementos ligados ao brote da residencia DomusVi Outeiro de Rei, se relaxan un chisco as cifras. Precisamente nesa residencia Sanidade confirma este luns que ata 66 residentes lograron superar a doenza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.