Galiñas ceibas por fin. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación decidiu levantar desde este xoves 16 de abril o confinamento obrigatorio das aves de curral, en Galicia e en todo o Estado, logo de comprobar a evolución favorable da gripe aviaria nas últimas semanas.
O Ministerio levanta todas as restricións e en todos os concellos, logo de que o pasado 1 de abril fosen 'liberadas' xa as galiñas en todos os concellos galegos agás 40 de especial risco
A medida, que vén de ser publicada no BOE, acaba coas limitacións que obrigaban a manter os animais pechados aínda nos municipios de especial risco e vixilancia —40 mantiñan a medida en Galicia desde o pasado 1 de abril—, así como as que suspendían as concentracións avícolas.
Tras a flexibilización das medidas aplicadas o pasado 1 de abril, cando a maioría dos concellos galegos quedaron liberados das restricións, agora chega o fin total do confinamento, cinco meses despois de que fose aplicado, a mediados do pasado mes de novembro.
A retirada das medidas chega pola "mellora do escenario epidemiolóxico e pola eficacia das actuacións preventivas"
Segundo explica o Ministerio, a retirada destas medidas chega pola "mellora do escenario epidemiolóxico e pola eficacia das actuacións preventivas". Desde a entrada en vigor do confinamento unicamente se detectaron dous gromos en granxas comerciais no Estado: os dous en Lleida en decembro de 2025 e xaneiro de 2026, malia que houbo numerosos casos en aves silvestres.
Sen restricións pero cautela
Con todo, a cautela manda. 40 concellos mantiveron o confinamento ata este xoves e a Xunta aínda detectou un novo foco de gripe aviaria o pasado 7 de abril en aves silvestres no Concello de Vigo, que corresponde a un exemplar de gaivota patiamarela que foi trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo Cotobade. Con todo, no país, como destacou a Consellería do Medio Rural, "non hai ningún caso desta doenza en aves de curral".
Así, o Ministerio recomenda "manter e reforzar as medidas de bioseguridade en todas as granxas de aves, así como comunicar aos servizos veterinarios oficiais calquera sospeita de enfermidade". Tamén lembra que o virus da gripe aviaria non pode ser transmitido ao ser humano a través de carne de ave cociñada, ovos ou produto procesados derivados deles. Con todo, recomenda minimizar o contacto innecesario coas aves que amosen síntomas clínicos ou se atopen mortos no campo.