Greenpeace advirte "acoso" de Coren ao labrego da Limia ao que demanda 1 millón de euros

Manuel García, labrego demandado por Coren © Greenpeace

O pasado 3 de febreiro Manuel García, labrego e integrante do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) recibiu un burofax que o informaba de que a empresa Coren iniciara os trámites legais para interpoñer unha demanda de 1 millón de euros contra el, acusándoo de "intromisión no dereito ao honor" do grupo por realizar "imputacións falsas" nunhas declaracións efectuadas no mes de setembro do pasado ano no programa España Directo de TVE

Coren interpuxo unha demanda o labrego Manuel García de 1 millón de euros por unhas declaracións nas que denunciaba a contaminación dos acuíferos na Limia

A denuncia foi admitida a trámite polo xulgado de Xinzo de Limia contra un labrego e militante ecoloxista que está sendo asesorado para a súa defensa pola plataforma contra a gandaría intensiva 'Stop Ganadería Industrial' e que recibe axudas de asociacións como Greenpeace, que acaba de publicar un completo informe sobre o caso de Manuel, que denuncia "as prácticas ás que o xigante cárnico recorre para silenciar as persoas críticas co seu modelo de negocio e coa gandaría industrial, principal causante da grave e histórica contaminación que sofren os acuíferos da comarca da Limia, en Ourense". Arredor de medio cento de colectivos ecoloxistas apoiaron xa o labrego

Instalacións do Grupo Coren na Limia © Greenpeace

Na intervención pola que foi denunciado, Manuel García advertía de que o purín que as granxas de Coren deitan en terreos da comarca inclúen "antibióticos e produtos de desinfección e limpeza das granxas" e que "cando chove unha parte penetra no subsolo, contaminando as augas subterráneas e o excedente é arrastrado chegando aos ríos e encoros". "É unha bomba tóxica, centos de toneladas, que se está botando na contorna da comarca da Limia", concluía.

Greenpeace publica un nforme sobre o caso e o uso por parte de Coren da 'slapp', demanda millonaria que é "unha forma de intimidación legal e acoso xudicial"

Agora, e tal e como resalta Greenpeace, Coren leva a cabo por estas declaracións un tipo de demanda millonaria (SLAPP, polas súas siglas en inglés) que "son unha forma de intimidación legal e acoso xudicial cada vez máis habitual en todo o mundo, a través das cales as grandes corporacións tratan de silenciar a xornalistas ou activistas, especialmente en asuntos relacionados coa corrupción e malas prácticas empresariais, como a contaminación ambiental". A asociación ecoloxista traballa para regular o uso deste tipo de demandas na UE, pola "ameaza que supoñen para o labor das organizacións e activistas ".

“Estamos diante dunhas empresas todopoderosas, que manexan moitos cartos e implican a moitas familias e resulta difícil denunciar as súas malas prácticas”, declarou Manuel García, agricultor ecolóxico e membro do Movemento Ecoloxista da Limia. “Mais era necesario, porque estabamos a chegar a un punto de colapso total dos recursos hídricos da Limia”, engadiu. 

Greenpeace destaca que o Grupo Coren é o décimo no sector das carnes no conxunto da UE e que está entre as 35 empresas produtoras de carne e lácteos máis grandes do mundo por volume de produción. Pechou 2019 cun beneficio de 4,4 millóns de euros tras disparar as súas vendas no exterior.

"O crecemento exponencial da conta de resultados do Grupo Coren está asociado á súa aposta pola gandería industrial e é parello coa degradación ambiental que padece a comarca da Limia onde, principalmente, desenvolve a súa actividade", denuncia Greenpeace, que repara en varios estudos científicos e os resultados oficiais do seguimento da calidade das augas na zona que "amosan que a contaminación das augas por nitratos, fósforo e outros compostos débese principalmente á inxente cantidade de residuos que orixina a gandería industrial e a absoluta falta de control da súa vertedura nos campos galegos".

Galicia é a única autonomía que non designou ningunha Zona Vulnerábel aos NItratos, como esixe a UE

Porque Galicia é a única comunidade autónoma que até a data non designou ningunha Zona Vulnerábel aos Nitratos, tal como esixe a Directiva de Nitratos. "O incumprimento reiterado desta directiva por parte de España fixo que a Comisión Europea enviase un ditame motivado o pasado 2 de xullo", lembra Greenpeace. A contaminación histórica da auga, o incumprimento de varias normativas, o modelo agroindustrial imperante na Limia e a mala xestión dos refugallos gandeiros é algo que vén sendo denunciado desde hai anos por colectivos como a Sociedade Galega de Historia Natural, o Movemento Ecoloxista dá Limia (MEL), ao que pertence Manuel García, e a plataforma veciñal Auga Limpa Xa!

Greenpeace analizando as afectacións nas augas na Limia © Greenpeace

“O crecemento desorbitado da gandería industrial na Limia está a provocar un aumento continuo das concentracións de nitratos nas augas superficiais e subterráneas, deixando mesmo a poboacións sen auga potábel”, di Serafín González, doutor en bioloxía, investigador científico do CSIC, experto en nitratos e presidente da SGHN.

"A situación na Limia é xa insostíbel e esixe actuacións inmediatas por parte das autoridades e unha transformación do modelo de produción do Grupo Coren"

"A situación na comarca da Limia é xa insostíbel e esixe actuacións inmediatas por parte das autoridades competentes e unha transformación do modelo de produción do Grupo Coren", reclama Greenpeace, que cre que o grupo empresarial "compórtase como unha empresa con moito poder e poucos escrúpulos, disposta a silenciar a quen se cruza no seu camiño".

O informe sobre a situación de Manuel García inclúese na campaña #falaRural de Greenpeace, lanzada este luns, coa que busca "dar voz ás persoas que traballan por un mundo rural vivo así como garantir un fortalecemento da España rural abandonada, clave para mitigar a emerxencia climática e a crise de biodiversidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.