Interior quere reducir de 0,5 a 0,2 a taxa de alcol en sangue ao volante 25 anos despois da anterior rebaixa

Un control da Garda Civil nunha estrada galega © Delegación do Goberno en Galicia

Ata 1999 estaba en 0,8 e agora o ministro, Fernando Grande-Marlaska, cre que "a sociedade está madura" para esta nova redución

Ata 1999 en España era posible conducir con ata 0,8 gramos de alcol por litro de sangue, ou 0,4 miligramos por litro en aire. Aquel ano, para adecuarse á situación no resto de Europa, aquelas cifras foron reducidas e agora, 25 anos máis tarde, o Ministerio de Interior propón volver rebaixalas a menos da metade. Segundo o ministro, Fernando Grande-Marlaska, "a sociedade está madura" para a nova restrición, que defende ademais como "un compromiso do Goberno, clave para reducir a sinistralidade".

Fernando Grande-Marlaska, ministro de Interior, no acto no que anunciou a rebaixa da taxa de alcol ao volante © Ministerio de Interior

Actualmente o límite para conducir en xeral é de 0,5 gramos de alcol por litro de sangue, ou de 0,25 miligramos por litro de aire. Para condutores noveles e profesionais o límite é inferior, de 0,3 gramos por litro de sangue. Coa proposta na que agora traballa Interior o novo límite será para calquera tipo de condutor de 0,2 gramos de alcol por litro de sangue ou 0,1 miligramos por litro de aire.

"En máis da metade dos sinistros aparece o elemento do alcol e outras drogas como determinante", salienta o ministro

Grande-Marlaska anunciou a medida nun almorzo informativo no que dixo que lle fora solicitada polo Consello Nacional de Seguridade Vial a proposta das asociacións de vítimas e de seguridade viaria. Unha medida que parte da realidade de que "en máis da metade dos sinistros aparece o elemento do alcol e outras drogas como determinante".

Un control da garda civil nunha estrada galega CC-BY-SA M. González

Ademais de rebaixar a taxa de alcol, o ministerio vén reforzando as campañas de vixilancia. Hai un mes realizou unha específica en Galicia tras detectar nunha soa semana do mes de agosto do pasado ano un total de 538 positivos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.