Lixeiro descenso de novos casos de coronavirus en Galicia tras o segundo pico dende a fin do estado de alarma

Malia aos brotes das últimas semanas, a evolución da pandemia neste mes de xullo está en valores inferiores aos da primavera CC-BY-SA Foto: Anshu A on Unsplash | Montaxe: Praza Pública

O comunicado diario da Consellería de Sanidade sobre a evolución da pandemia do coronavirus en Galicia indica 242 "positivos activos" para este 28 de xullo, dez máis que o día previo no que é o quinto día consecutivo de incremento desta cifra a respecto do día anterior. O que é o indicador de referencia para a Xunta sobre a COVID-19 pode resultar enganoso, toda vez que non depende só do número de casos novos de cada día, senón tamén do número de altas -persoas que superan a infección- e mesmo do número de falecementos -Galicia non rexistra ningún dende o 4 de xuño-.

O que podería semellar unha repunta da pandemia nos últimos cinco días non é tal en sentido estrito. Cando menos, non ao observar o número de novos positivos que é posible calcular a partir dos datos do Sergas, toda vez que a Xunta non ofrece directamente esta cifra. Este 28 de xullo os novos positivos detectados serían 18, cinco menos que o día anterior e 22 menos que os dous días previos. Menos da metade que o día da pasada semana con máis positivos novos, 39. Aquel aumento de positivos novos é o que agora impide que os "activos" baixen con facilidade durante uns días, mentres non son dados de alta.

Os "positivos activos", valor de referencia para a Xunta, levan subindo cinco días. Mentres, o número de novos casos da COVID-19 detectados baixa por terceiro día consecutivo e queda en 18 neste 28 de xullo

Ao afastarmos un chisco o foco do dato diario para observarmos unha media de novos positivos diarios, a perspectiva é a dun lixeiro descenso tras o que sería o segundo pico relevante tras a fin do estado de alarma en Galicia. O primeiro estivo marcado especialmente polo brote da Mariña e o segundo, por brotes locais que se foron coñecendo nos últimos días en localidades como Vigo, Betanzos, O Saviñao ou O Porriño, ademais do brote importado á Coruña polo plantel do club de fútbol Fuenlabrada.

Se observamos eses valores medios a partir dos novos casos calculados cos partes do Sergas, vemos que a media de novos positivos nos últimos tres días tende a baixar dende o día 25, cando se acadou un valor medio de 32 novos positivos nesa media móbil de tres días. Mentres, o valor medio dos últimos sete días sitúase este 28 de xullo en 26,29 novos positivos ao día, no que semella ser ese segundo pico.

A serie histórica do Ministerio por data estimada de inicio de síntomas, única pública para Galicia, chega polo momento ao 19 de xullo e tamén tivo dous picos neste mes

Resta saber, non obstante, como se comportará outro indicador que tarda un chisco máis: a serie por data estimada de inicio de síntomas que elabora o Ministerio de Sanidade. Esa serie histórica ten especial importancia no caso galego por ser a única pública, xa que o Sergas non divulga a súa malia dispoñer dela -non en van, a estatal está construída con datos autonómicos-.

A media de novos casos calculados a partir da serie estatal, que polo momento chega ata o 19 de xullo, tamén tivo dous picos claros polo momento arredor da primeira semana de xullo, con 25 positivos novos diarios na media móbil de tres días. Na media de sete días, o pico estaría en torno ao 8 de xullo, con 22 novos casos. A parte final da serie estatal sempre tende, non obstante, a descender ata que incorpora todos os casos revisados. Este 28 de xullo, por exemplo, indica 13 novos diagnósticos nas últimas vinte e catro horas en Galicia.

O brote da Mariña volve dar sinais de remisión e contribúe a que volvan descender os "activos" na área de Lugo mentres aumentan nas da Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra

Co indicador de "positivos activos" condicionado polos incrementos no número diario de casos detectados durante a pasada semana, a limitada información do Sergas apunta a que eses "positivos activos" aumentan sobre todo na área sanitaria da Coruña, con 5 máis. Tamén soben nas de Santiago e Vigo (+4 e +3) e na de Pontevedra (+2). 

Mentres, os "positivos activos" redúcense na área sanitaria de Lugo, onde o brote da Mariña volve dar sinais de remisión tras os incrementos da pasada semana. Sempre segundo a información divulgada pola Xunta, tras os 8 novos casos ligados a este brote do pasado sábado, día 24, nos seguintes catro días só agromou un novo positivo e os partes correspondentes ao domingo e ao luns -os coñecidos este luns e martes- non sinalan positivos novos.

Así, no brote mariñao os "positivos activos" serían agora 47 -catro menos- e as persoas de alta, 206 -catro máis-, cantidades calculadas a partir dos comunicados da Xunta e das aclaracións verbais do pasado 10 de xullo. O total acumulado de persoas afectadas polo brote sería xa de 259.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.