Máis do 9% do profesorado do ensino público en Galicia é interino. Así o reflicten os datos dun estudo feito público por CIG-Ensino a partir de datos facilitados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sobre os docentes do ensino non universitario.
O 9,2% do profesorado no ensino público galego é interino segundo un estudo da CIG-Ensino
Así, o informe advirte que 2.768 profesores e profesoras do total de 30.127 (o 9,2%) son persoal interino con contrato durante todo este curso académico a xornada completa, con data a 1 de outubro deste ano. Non se computan aquí as medias xornadas nin as substitucións que teñen como data de finalización o 30 de xuño, así como as de menor duración. Tampouco o profesorado de Relixión, que supón un total de 723 docentes.
CIG-Ensino asegura que estas cifras oficiais desvelan a "rotunda falsidade" da información proporcionada polo conselleiro, Román Rodríguez, que en setembro cifrou "en máis de 31.000 docentes" o total do profesorado na educación pública galega cando, ademais e segundo o sindicato nacionalista, naquela altura "aínda faltaban por contratar algúns centos de docentes interinos" que xa se computan no informe.
CIG-Ensino asegura que os datos confirman que "a taxa de interinidade total está lonxe do 5% que aseguraba ter acadado a Consellaría"
A central asegura tamén que os datos confirman que "a taxa de interinidade total está lonxe do 5% que aseguraba ter acadado a Consellaría, chegando a falar o conselleiro dun 2%, para limitar a temporalidade na contratación do seu persoal" e malia os procedementos extraordinarios de estabilización celebrados en 2023.
Así, CIG-Ensino advirte de que "fará valer" os resultados do estudo á hora de negociar as prazas que deberán saír a concurso-oposición o vindeiro ano e que reclamará á Consellería na Mesa Sectorial que oferte as necesarias para "reducir a taxa de interinidade total por baixo do 5% e que teña en conta a particularidade das especialidades que teñen menor mobilidade".
O estudo mostra como as porcentaxes de profesorado interino difiren moito segundo o corpo e a especialidade, situándose só por debaixo do límite do 5% no caso das mestras e mestres e nunha porcentaxe próxima no de Música e Artes Escénicas.
A CIG lembra que as prazas que se poden convocar nas ofertas de emprego están condicionadas polos criterios fixados pola Consellería para determinar cales son estruturais —as que se deben ofertar nunhas oposicións cando quedan vacantes— e as non estruturais, aquelas que estando ocupadas provisionalmente non se poden ofertar por pertencer a unha persoa con destino nela ou por outros dos criterios regulados pola Administración-
"Para determinar que prazas son estruturais e cales non o son hai que partir das máis de 7.000 prazas adxudicadas con destino provisional neste curso 2023-24", di o sindicato, que aclara que "é sobre estas prazas sobre as que debe informar a Consellaría, con independencia de que estean ocupadas por persoal interino ou funcionario de carreira, xa que o sistema de adxudicación de destinos provisional galego non diferenza nin pola natureza das prazas nin pola situación administrativa do profesorado".
Ademais, indica que aínda que Educación se comprometera a identificar as prazas estruturais e non estruturais, "este traballo está sen facer". "Esa información é absolutamente necesaria para determinar se a administración educativa cumpre ou non coa súa obriga de ofertar todas as prazas que a propia lei marca, evitando que se produzan novas situacións como as vividas en anos anteriores, nas que a aplicación de taxas de reposición e a retención de prazas nas OPE provocaron que se incrementase a porcentaxe de persoal temporal por riba do mínimo imprescindíbel, incorrendo nun abuso de temporalidade", di CIG-Ensino, que lembra que "cando Feijóo chegou á Xunta atopouse co pouco máis do 4% de profesorado interino e chegou a superar o cuádruplo desa cifra".
O sindicato maioritario no ensino público anuncia que tamén pedirá que "se teña en consideración a realidade do profesorado interino que traballa nas especialidades que teñen unha menor posibilidade de renovación, é dicir, onde se prevé un menor número de xubilacións nos vindeiros cursos".
A proporción de prazas interinas difire moito segundo o corpo e a especialidade, sendo moi baixa en Infantil e Primaria pero superando o 10% en moitas especialidades de Secundaria
Tal e como se pode comprobar no informe e nos gráficos adxuntos, a proporción de prazas interinas é moi diferente segundo o corpo. Así, nas etapas de Infantil e Primaria a porcentaxe é moi baixa (menos do 2%) pero en Audición e Linguaxe e Francés supera o 10%.
En canto a Secundaria e FP, a disparidade é aínda maior. As especialidades propias da Formación Profesional chegan a superar o 20% en moitas delas, mentres que son menores nas especialidades máis maioritarias que teñen atribución docente en Secundaria e Bacharelato.
Por orde de maior proporción de persoal interino sobre o conxunto do profesorado o estudo elaborado pola CIG-Ensino arroxa as seguintes cifras: Economía o 16,6%, Tecnoloxía o 13,3%, Educación Física o 12,9%, Lingua e literatura galega o 12,7%, Inglés o 12,1%, Filosofía o 10,5%, Orientación educativa o 9,9% ou Latín o 9,4%.
Nas ensinanzas de réxime especial, hai unha "disparada porcentaxe" de interinidade, como destaca o informe, por riba do 45%, e froito dun proceso de promoción interna de 2018 que derivou nun conflito xudicial pola contradición entre ditames do TSXG e do Tribunal Constitucional.