A Xunta varía lixeiramente os baremos do proceso de admisión en centros educativos públicos e concertados para adaptalos á nova lei de educación estatal
O Consello da Xunta deste xoves aprobou o decreto que adapta o proceso de admisión de alumnado nos centros educativos públicos e concertados de Galicia ás disposicións da nova lei de educación estatal. Os cambios, con lixeiras variacións nos baremos xa existentes para puntuar máis a proximidade do centro ao domicilio familiar, o parto múltiple ou a violencia de xénero, entrarán en vigor de xeito inmediato e serán xa de aplicación nas matrículas do próximo curso 2022-23, cuxo prazo de solicitude de praza estará aberto do 1 ao 22 de marzo. Tras publicarse as listas do alumnado admitido antes do 16 de maio, as matrículas formalizaranse entre o 20 e o 30 de xuño.
No caso do emprazamento do domicilio familiar dentro da área de influencia do centro educativo para o que se solicita praza, ese feito que ata agora era valorado con 6 puntos pasa agora a recibir 8 puntos. E se o domicilio está nunha zona limítrofe á área de influencia do centro a puntuación será de 6, fronte aos 4 puntos anteriores. Canto ao criterio alternativo do emprazamento do lugar de traballo dos proxenitores ou titores, se ata agora recibía 4 puntos cando coincidía coa ára de influencia do centro e 2 puntos nunha zona limítrofe, agora auméntase a 6 e 3 puntos respectivamente. En todo caso estes dous criterios do emprazamento do domicilio ou do lugar de traballo seguen sendo excluíntes, de xeito que unha familia só pode elixir que se lle aplique un ou outro.
A proximidade do domicilio ao centro educativo podía recibir ata 6 puntos e agora pasa a 8, mentres que se incorpora un novo criterio para dar 2 puntos a vítimas de violencia de xénero
Entre as novidades destaca a incorporación de dous novos criterios para primar a vítimas de terrorismo ou de violencia de xénero, que nos dous casos recibirán 2 puntos.
Tamén recibirá puntuación especial o alumnado froito de parto múltiple, que ata agora estaba incluído no criterio xeral de contar con outro irmán no mesmo centro educativo. Agora no caso de dous irmáns froito de parto múltiple recibiranse 8 puntos, e serán 10 puntos no caso de que sexan máis de dous irmáns.
No que atinxe á preferencia de escolarización extraordinaria por traslado da familia, agora introdúcese a discapacidade sobrevida de calquera membro da familia como unha nova causa que se suma ás xa existentes por mobilidade forzosa ou violencia de xénero.
En caso de empate entre aspirantes a unha praza nun centro escolar, a forma de desempatar será a maior puntuación en cada un dos criterios segundo a orde establecida, que sitúa en primeiro lugar a existencia doutro irmán no centro, no segundo a proximidade ao domicilio ou lugar de traballo e no terceiro a renda per cápita da familia. En caso de persistir o empate, ao igual que ata o de agora o desempate farase por sorteo público.