Mar de Mares homenaxea a histórica singradura do Xurelo contra as verteduras nucleares catro décadas despois

Encontro de tripulantes no Xurelo na Coruña o pasado agosto, nun acto previo ao festival Mar de Mares © Mar de Mares

Hai agora 41 anos, en setembro de 1981, viña de comezar a histórica singradura do Xurelo, un palangreiro de Ribeira que, con mariñeiros, xornalistas e membros de Esquerda Galega a bordo, foi o artífice e impulsor dunha loita que acabou coas verteduras de residuos nucleares no océano Atlántico, algo habitual fronte ás costas europeas dende 1949.

Tras aquela primeira e arriscada misión, chegou a segunda en 1982, da que este ano se conmemora o cuadraxésimo aniversario. Á segunda viaxe o Xurelo xa non foi só. Acompañárono o Pleamar e o Arosa I e mais o Sirius de Greenpeace, emerxente entidade ecoloxista que tamén colaborara na primeira incursión, pero que por unha avaría non puidera participar nela directamente.

Tripulantes do 'Xurelo' estudando o itinerario a seguir para atopar os barcos holandeses que guindaban residuos nucleares ao mar © Xosé Castro

"Debería figurar no calendario de vitorias de Galicia e da humanidade", evocaba o pasado 2021 en declaracións para Praza.gal o escritor Manuel Rivas, enrolado no Xurelo en 1981 como mozo xornalista. Todos aqueles feitos foron lembrados nestes días no marco do Festival Mar de Mares, que cada ano concentra na Coruña actividades lúdicas, culturais e científicas centradas na defensa do mar e da súa sostibilidade ambiental.

Corenta anos despois das travesía sdo Xurelo e en vésperas dos aniversarios das catástrofes do Mar Exeo e do Prestige, o festival centrado na defensa do medio mariño homenaxea o traballo daqueles activistas, que a xuízo de Manuel Rivas "debería figurar no calendario de vitorias de Galicia e da humanidade"

Neste 2022, Mar de Mares quixo "poñer o foco no papel decisivo da sociedade civil para minorar as consecuencias medioambientais" das catástrofes marítimas como xeito de "chamar a atención sobre os perigos que ameazan" o medio mariño. Fíxoo cadrando coas catro décadas do periplo do Xurelo, mais tamén ás portas do trixésimo aniversario do desastre do Mar Exeo na Coruña e do vixésimo do afundimento do Prestige.

Por todo isto o festival quixo reunir a algúns daqueles activistas do Xurelo que, "sen pretendelo, converteron a Galicia en pioneira e referente a nivel mundial na defensa" do mar. Na homenaxe participaron Gonzalo Vázquez Pozo, naquela altura tenente de alcalde da Coruña por Esquerda Galega, o fotoxornalista Xosé Castro e mais o biólogo Carlos Vales, director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), activista de Adega naqueles anos. O "efecto Xurelo", lembraron con agarimo, foi o xermolo dun cambio global, a fin das verteduras nucleares ao océano.

Gonzalo Vázquez Pozo, Roxelio Pérez Moreira, Xosé Castro e Carlos Vales lembraron a súa experiencia a bordo do Xurelo no Festival Mar de Mares, este 16 de setembro de 2022 na Coruña © Mar de Mares

Xa o pasado agosto, durante os actos de presentación do festival, Mar de Mares xuntara varios tripulantes do Xurelo. "O extraordinario foi que non se volveu botar alí un bidón de basura nuclear e tamén o feito de que catorce homes metidos nunha chalana fixemos un traballo do que sentirse moi orgullosos", evocou daquela Xosé Castro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.