A empresa de Raúl López di que entre os seus principios "prevalece a igualdade e o respecto máis absolutos aos seus pasaxeiros"
Monbus, o grupo líder do transporte por estrada en Galicia e boa parte do Estado, controlado polo empresario lucense Raúl López, vén de abrir expediente ao condutor do autobús implicado no incidente con varios refuxiados malienses que foron obrigados a baixar dunha liña en Ourense. O caso foi denunciado como "racismo" pola Fundación laboral da Construción, entidade na que están a formarse os refuxiados. Segundo Monbus, o caso está en mans da súa "Comisión de Ética y de Cumplimiento" e a empresa di que entre os seus principios "prevalece a igualdade e o respecto máis absoluto aos seus pasaxeiros".
O grupo empresarial sinala nun comunicado que puxo en coñecemento da súa "Comisión de Ética y de Cumplimiento" os feitos "acaecidos o pasado 11 de abril durante un servizo entre as localidades de Ourense e Verín".
O grupo empresarial deixa o caso en mans da súa "Comisión de Ética y de Cumplimiento"
Monbus tamén di que "condena de forma firme e rotunda calquera conduta racista, discriminatoria ou contraria aos valores de respecto, inclusión, solidariedade e loita contra calquera tipo de discriminación que defende e promove en todas as súas actuacións". Ao tempo, a empresa lembra que "mentres estas dilixencias non conclúan, tense que respectar a presunción de inocencia do traballador implicado", pero salientando que se a investigación confirma "unha actitude inxustificada e discriminatoria" por parte do condutor aplicaralle "as medidas disciplinarias que correspondan".
Monbus matiza que "das primeiras averiguacións puidose saber que os oito viaxeiros que baixaron do bus conducido por ese profesional, entre eles seis persoas inmigrantes, todos puideron chegar ao seu destino ao ser recollidos por outro autobús que a compañía eviou como reforzo, dado que o primeiro ía completo". E remata o seu comunicado sinalando que "seguirá traballando con responsabilidade, transparencia e compromiso para garantir unha contorna que asegure os dereitos fundamentais de todas as persoas".