Morre Camilo de Dios, o derradeiro guerrilleiro galego

Camilo de Dios © Camilo: o último guerrilleiro de Galicia

“Aféctanme máis os problemas dos outros que os meus. Pasei moitas, se me tivera que emocionar e chorar por cada cousa que tes na vida... E tiven tantas, tantas, tantas, entre torturas, fame, miseria, frío..., entón tiña que terme quitado a vida 40 veces. E tampouco tiñamos esa opción”, dicía Camilo de Dios no documental 'Camilo: o último guerrilleiro de Galicia'. Camilo de Dios Fernández faleceu esta noite en Sandiás. Tiña 86 anos e era o derradeiro guerrilleiro galego vivo. Os seus restos mortais serán velados ata o seu enterro, que terá lugar o xoves ás 16.30 horas no cemiterio da localidade.

Con só 15 anos uniuse á guerrilla antifranquista e botouse ao monte, participando no ataque á fábrica de armas da Coruña e no intento de rescate a Gayoso e Seoane

Camilo de Dios naceu en Sandiás en 1933 e con só 15 anos uniuse á guerrilla antifranquista e botouse ao monte. Xa antes, con só 13 anos, actuaba de enlace para a guerrilla, seguindo os pasos da súa nai, Carmen Fernández Seguín, tamén enlace, e de seu pai, Jesús de Dios, fundador do PCE en Sandiás, e que morrera mentres estaba fuxido no monte. Nese ano 1948, no seo da 2ª Agrupación Guerrilleira, participou no ataque á fábrica de armas da Coruña e no infrutuoso intento de rescate a José Gómez Gayoso (secretario xeral do PCE en Galicia) e a Antonio Seoane (xefe do Exército Guerrilleiro de Galicia), presos na Coruña. 

A presión das autoridades franquistas contra a guerrilla intensificouse nese momento, unha vez que desaparecera a esperanza de que as forzas aliadas favorecesen unha intervención contra a ditadura. En marzo de 1949, con só 16 anos, Camilo de Dios foi ferido nun enfrontamento coa Garda Civil en Ourense, e foi detido, torturado brutalmente durante 56 días e condenado a morte. Porén, a súa pena foi conmutada por unha condena de 30 anos, dada a súa curta idade.

Camilo de Dios © Camilo: o último guerrilleiro de Galicia

En 1971 foi detido en Ourense xunto con outros militantes do PCG, acusado de "propaganda ilegal". Foi de novo torturado, desta vez pola Policía

Foi de cadea en cadea, pero pasou máis tempo recluído en El Dueso. Mantivo durante anos unha correspondencia constante coa súa nai, pero limitada polas autoridades da prisión a unha carta ao mes e cun máximo de 21 liñas. Foi a través dunha desas cartas que Camilo soubo do asasinato do seu irmán Perfecto de Dios, tiroteado pola Garda Civil en 1950 en Ávila ante os ollos da súa nai, cando ambos tentaban fuxir en dirección a Francia. 65 anos despois Camilo de Dios acadou unha das súas maiores vitorias na súa vida. A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) conseguiu exhumar os seus restos grazas aos 6.000 euros achegados por un sindicato noruegués

Perfecto de Dios tiña só 19 anos e da súa foxa foron rescatadas tamén as súas botas, que Camilo recoñeceu de inmediato durante o proceso de exhumación. Semanas despois Perfecto foi homenaxeado en Xinzo, ante a negativa do Concello de Sandiás a ceder o auditorio da localidade. "Impresionoume moito a exhumación de Perfecto. Era algo que desexaba moito. Prometéralle a miña nai que faría o que puidera para logralo; foi pois…unha satisfacción. A xente que me daba o pésame parecíame que me debía de dar unha aperta de alegría por logralo", explicaba Camilo eses días en conversa con Carmen García Rodeja.

Camilo de Dios foi liberado en 1959 e de inmediato púxose a traballar na reorganización do PCE en Ourense e na constitución das Comisións Campesiñas. En 1971 foi detido en Ourense xunto con outros militantes do PCG, acusado de "propaganda ilegal". Foi de novo torturado, desta vez pola Policía. Coa chegada da democracia, Camilo de Dios foi concelleiro en Sandiás e Xinzo de Limia, en representación do PCG e Esquerda Unida.

Hai tres anos estreouse o documental Camilo: o último guerrilleiro de Galicia

Hai tres anos estreouse o documental Camilo: o último guerrilleiro de Galicia, realizado por un grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual da UDC (Alba Sánchez, Juan Pirola, Miguel García e Pedro Iglesias). O filme percorre algúns dos espazos e lugares que foron importantes na vida do guerrilleiro e incorpora entrevistas ao propio Camilo, a expertos e a outros militantes e loitadores antifranquistas de distintas xeracións. "Atopamos en Camilo non só ao último guerrilleiro vivo de Galicia, senón a unha traxectoria histórica continua que vai desde a formación do movemento obreiro e campesiño na Limia até os nosos días: a persecución, a supervivencia e mesmo a morte forman parte dunha vida movida polo soño dun mundo mellor", destacaban os autores e autoras do documental.

“Algo creo que fixemos”, dixo Camilo de Dios na homenaxe aos guerrilleiros que tivo lugar en 2016, na que concluíu: “camiñando todos xuntos seremos quen de traer a III República”

Tamén en 2016 Camilo de Dios recibiu na Coruña a distinción como Republicano de Honra 2016 coa que a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC) quixo render homenaxe ao conxunto do Movemento Guerrilleiro Galego, destacándose que “a guerrilla non derrotou a Franco, pero foi a única oposición organizada e democrática durante tres lustros”. “Algo creo que fixemos”, dixo Camilo de Dios no acto celebrado na sede da Real Academia Galega.

Ese día Camilo fixo partícipes da distinción “aos campesiños, obreiros, estafetas e enlaces e outros que apoiaron a guerrilla” e destacou que “camiñando todos xuntos seremos quen de traer a III República”, amosando a permanencia do seus ideais, aos que foi fiel ata o final. 

Camilo de Dios militou durante toda a súa vida no Partido Comunista © Camilo: o último guerrilleiro de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.