Desde o pasado 7 de marzo, Galicia prohibe o consumo de bebidas enerxéticas a quen teña menos de 18 anos. Hai menos dun mes que entrou en vigor a denominada Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, converténdose o país na primeira autonomía en equiparar eses produtos ao tabaco e ao alcohol, vetándoos entre a xente máis nova e impoñendo multas de ata 3.000 euros no caso de incumprir coa nova lexislación.
Desde o pasado 7 de marzo, Galicia prohibe o consumo e venda aos menores de bebidas enerxéticas con 32mg ou máis de cafeína por cada 100 ml
Galicia establece así a prohibición da venda e do consumo daquelas bebidas que conteñan 32 mg/100 ml ou máis de cafeína a todos os menores de idade. Produtos con elevadas doses tamén de azucre e que adoitan conter ingredientes como taurina, L-carnitina, glucuronolactona, guaraná, ginseng e vitaminas do grupo B, entre outros. O seu consumo, sobre todo entre xente nova, pode provocar importantes problemas de saúde, así como adicción, e os datos inciden no aumento exponencial da súa popularidade nos últimos anos.
Como consecuencia da entrada en vigor da norma, tendas e supermercados galegos adaptáronse ás novas condicións de venda destas bebidas enerxéticas, tratadas agora como o alcohol e tendo que colocarse en "espazos claramente diferenciados" e sempre "separadas dos refrescos". Ademais, para poder dispensalas exíxese "a todas as persoas compradoras, salvo que sexa evidente que son maiores de idade", acreditar que teñen 18 anos ou máis "mediante documento de valor oficial".
Máquinas expendedoras intentan 'saltar' a lei ofrecendo bebidas enerxéticas con menos cafeína das que marca a norma, aínda que a maioría de produtos supera o limiar
Os efectos da entrada en vigor da nova lei, segundo recoñece o Sergas e corrobora persoal dos supermercados, nótanse xa, cun descenso das vendas a xente nova duns produtos que antes consumían "con ansia e acotío", como lembraban nunha reportaxe en Praza.gal dependentas de establecementos onde os estantes destas bebidas enerxéticas eran os que máis se repoñían polas mañás, así que a rapazada do instituto acudía nos recreos a mercalas.
Pero toda norma ten fendas, por moi pequenas que sexan, por onde coarse. Nun barrio popular dunha cidade galega, a tres minutos andando dun instituto e dun colexio, unha máquina expendedora vende ata 16 tipos diferentes de bebidas enerxéticas de varias marcas. Nun soportal agochado onde non é estraño ver rapazada mercando, a 200 metros de varios centros de ensino.
Noutro barrio, a só uns quilómetros, outra esquina con varias máquinas expendedoras vende bebidas enerxéticas fronte á entrada dunha escola con medio milleiro de alumnos e alumnas. "A lei en Galicia establece a prohibición de venda e consumo a menores daqueles produtos que conteñan 32 miligramos ou máis de cafeína por cada 100 mililitros de produto; o que facemos a maioría é adaptarnos á normativa deixando só aqueles que non chegan a ese limiar", explica Carlos, responsable dun destes establecementos de expendedoría.
Sen sistemas para comprobar a idade
Unha ollada na web das principais marcas abonda para comprobar que a inmensa maioría das latas de bebidas enerxéticas comercializadas alcanza o límite legal vetado para menores, contendo 160 miligramos de cafeína en envases de 500 ml: 32 por cada 100 ml, aínda que os recipientes limítanse a indicar un contido de 0,03% de cafeína, sen máis decimais.
Estas expendedoras carecen de sistema ningún para comprobar a idade, unha identificación a través do DNI electrónico que sempre pairou como solución no sector pero que non convence as administracións, sabedoras da facilidade para esquivar a lei que tería a rapazada facéndose dun documento dunha persoa maior.
Non hai escusa. "Non se poden vender estas bebidas enerxéticas a menores e os responsables das máquinas podemos ser multados do mesmo xeito que un supermercado, máis aló de que os menores o poidan ser tamén pola tenza ou consumo destes produtos", insiste Carlos, que recoñece o "enredo" que para estes establecementos é a nova lei.
Malia ofrecer estas bebidas enerxéticas, é estraño atopar algún cartel que advirte da prohibición aos menores destes produtos, tal e como marca a lei
"Eu mesmo chamei á Consellería de Sanidade para aclararme, non só no que ten que ver con estes produtos senón coa venda de papel de fumar e outros", explica. "Hai bastante desinformación", explicara nun programa de televisión outro encargado destas máquinas á espera da instalación dun sistema de lectura de DNI que non chega.
Ademais, a nova lei —sen referirse expresamente ás máquinas expendedoras— advirte de que "en todos os establecementos nos que estean autorizadas a venda e a subministración de bebidas enerxéticas, instalaranse en lugar visible carteis que (...) informen, en galego e en castelán, da prohibición de venda e subministración destas bebidas ás persoas menores de idade e advirtan sobre os prexuízos para a saúde derivados do seu uso". Pero é difícil atopar algún anuncio deste tipo nestes espazos.
Hai xa semanas, preguntado polo tema, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aclarara que eran "os subministradores" destas bebidas os que deberían "establecer mecanismos" para que "se cumpra" a lei e se impida a venda a menores nas máquinas expendedoras.
"As empresas de máquinas expendedoras deben ser responsables e garantir o cumprimento da lei a través dos sistemas máis fiables e rigorosos", advirte o Sergas
Preguntado o Sergas, aclara a Praza.gal que, "evidentemente, a lei é de obrigado cumprimento, tanto para a venda en tendas tradicionais, como en máquinas expendedoras". "As empresas titulares desas máquinas deben ser responsables e garantir o cumprimento da lei, a través dos sistemas que entendan que son máis fiables e rigorosos para este fin; de igual xeito que os menores teñen a responsabilidade de cumprir coa lei e non adquirir este tipo de bebidas prohibidas", explican.
"A lei contempla a prohibición da tenza de bebidas enerxéticas por parte de menores, independentemente de que as conseguisen de forma legal. Polo tanto, non existe baleiro legal para o seu cumprimento", insisten.
Ademais, o Sergas indica que "en todos os casos nos que se detecten posibles incumprimentos, tanto o menor de idade como a empresa vendedora poderán ser sancionados se non cumpren a normativa vixente desde o pasado 7 de marzo".
A nova normativa considera infraccións leves o consumo de alcohol e bebidas enerxéticas e o de tabaco ou produtos que simulen a conduta de fumar, pero tamén a súa posesión ou o transporte. Así, establece sancións en tres graos diferentes: no caso das leves, a multa vai de 200 a 601,01; no das graves, desde os 601,02 aos 1.803,04 euros; mentres que no das moi graves pode chegarse a unha sanción máxima de máis de 3.000 euros (3.005,06).
"Concienciar sobre os riscos"
Entre as infraccións graves, a lei inclúe a venda ou subministro de bebidas enerxéticas ás persoas menores, así como adquirir estes produtos para logo facérllelos chegar á rapazada. Neste caso as multas parten dos 3.005,07 pero poden superar os 15.000 (15.025,30). No caso de desacato, ameazas a inspectores ou policías ou incumprimento deliberado das obrigas, as sancións poden mesmo pasar dos 600.000 euros.
"O obxectivo primordial da norma é concienciar sobre os riscos para a saúde de distintas substancias e tamén de adiccións sen substancia para os menores e que a lei impulsada pola Xunta de forma pioneira no Estado inclúe a substitucións de sancións por participación en programas preventivos ou asistenciais ou pola realización de traballos en beneficio da comunidade", lembra o Sergas.
Desde Sanidade explican tamén que o "traballo de concienciación" realizado pola Consellería sobre o contido e as implicacións para a saúde de menores destas bebidas, xa antes da aprobación definitiva da lei, "deu como resultado que Galicia sexa a comunidade autónoma coa prevalencia máis baixa entre estudantes de 14 a 18 anos" no consumo destes produtos, segundo os últimos datos da enquisa estatal entre estudantado de ensinanza secundaria que realiza o Ministerio de Sanidade.
A Xunta destaca que o "traballo de concienciación" previo á lei fixo que Galicia fose a autonomía onde menor consumo de bebidas enerxéticas hai entre a mocidade
Coas cifras deste estudo enriba da mesa, o 31,3 % da mocidade en Galicia consultada manifesta ter consumido bebidas enerxéticas nos últimos 30 días, fronte ao 38,4 % da media estatal, máis de sete puntos por riba.
Galicia, pioneira nesta normativa que prohibe as bebidas enerxéticas aos menores, ve agora como moitas outras comunidades autónomas preparan normativas semellantes, ao igual que o Goberno de España, que prevé a súa limitación entre a rapazada cunha nova lexislación estatal. Ademais, Alemaña, Noruega, Letonia, Polonia, Hungría ou Lituania están a aplicar tamén vetos semellantes.