Galicia acouta as bebidas enerxéticas: entra en vigor a lei que as prohibe aos menores

Publicidade de bebidas enerxéticas nun establecemento dunha cidade en Galicia CC-BY-SA M. Pereira

Desde mañá, Galicia prohibe o consumo de bebidas enerxéticas a quen teña menos de 18 anos. Este sábado 7 de marzo, xusto dous meses despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), entra en vigor a denominada Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas. Deste xeito, o país convértese na primeira autonomía en equiparar eses produtos ao tabaco e ao alcohol, vetándoos entre a xente máis nova e impoñendo multas de ata 3.000 euros no caso de incumprir coa nova lexislación. 

A lei de protección da saúde dos menores entra en vigor este sábado e é a primeira que en España equipara as bebidas enerxéticas ao tabaco e ao alcohol

A lei, que tamén prohibe o vapeo á rapazada, entra en vigor só unhas semanas despois de que o Goberno de España anunciase a súa intención de prohibir todas as bebidas enerxéticas aos menores de 16 anos e ampliala aos menores de 18 no caso das bebidas con máis de 32 mg de cafeína por cada 100 ml, tal e como anunciou Pablo Bustinduy, ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030. Tamén Asturias está a piques de aprobar a súa normativa, neste caso limitado aos menores de 16, mentres que en Europa, Alemaña, Noruega, Letonia, Polonia, Hungría ou Lituania están a aplicar tamén normativas semellantes. 

No caso de Galicia, pioneira no Estado, a lei que agora entra en vigor establece a prohibición da venda e do consumo daquelas bebidas que conteñan 32 mg/100 ml ou máis de cafeína a todos os menores de idade. Produtos con elevadas doses tamén de azucre e que adoitan conter ingredientes como taurina, L-carnitina, glucuronolactona, guaraná, ginseng e vitaminas do grupo B, entre outros. O seu consumo, sobre todo entre xente nova, pode provocar importantes problemas de saúde, así como adicción, e os datos inciden no aumento exponencial da súa popularidade nos últimos anos. 

Rapazada nun centro escolar de Galicia CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Tal e como se destacaba nesta reportaxe en Praza.gal, dependentes de supermercados e tendas de alimentación e docentes levan anos advertindo dos graves problemas que causan estas bebidas entre a mocidade. "Veñen mercalas con ansia, acotío; son xente nova que moitas veces é o único que compra", dicía unha caixeira sobre unproduto que sempre era "o que máis se repoñía en moitos hipermercados polas mañás". 

Supermercados advirten de que as bebidas enerxéticas son compradas "con ansia" por xente nova e que estes produtos son "os que máis se repoñen polas mañás"

"Saen do instituto, mercan algo de comer e unha lata de Monster... E así pasan o recreo", contaban desde o exterior dun centro educativo. Dentro deles, entre o profesorado, tamén saltaba a alarma: "Tiven mesmo alumnos con problemas de TDAH que a bebían nos descansos, ata dúas latas; e non é estraño ver rapaces novos beber estes refrescos pola mañá, de camiño ás aulas". De festa, mesturalas con alcohol é tamén habitual. 

Ante esta situación, a nova lei en Galicia, ademais de vetar o consumo e a venda a menores, limita tamén a súa distribución en centros sanitarios e de ensino, así como nos recintos deportivos ou de lecer, e obriga a que se habiliten nos establecementos comerciais "espazos claramente diferenciados" para a localización destes produtos, que deben estar "separados dos refrescos", unha nova situación á que se están a adaptar as tendas enos últimos días, en contraste coa vistosa publicidade e doada accesibilidade que as latas de Monster, Infinity, Red Bull, Eneryeti, Reign Razzle Berry, Burn ou RockStar adoitaban ter nos seus establecementos. 

Alén disto, nos establecementos, ao igual que se facía na venda de alcohol, exixirase "a todas as persoas compradoras, salvo que sexa evidente que son maiores de idade", acreditar a maioría de idade "mediante documento de valor oficial".

As bebidas enerxéticas serán tratadas como o alcohol nas tendas, separadas dos refrescos e con solicitude do DNI para poder vendelas

Tamén se limita moito a publicidade destas bebidas, prohibíndoa en centros sanitarios, docentes ou de lecer e deporte infantil, mesmo "na vía pública nunha área de 100 metros dos centros docentes e dos centros de acollida, de protección e de cumprimento de medidas xudiciais de persoas menores de idade". Tamén en soportes, libros, folletos, revistas ou espectáculos dirixidos a menores. 

A nova normativa considera infraccións leves o consumo de alcohol e bebidas enerxéticas e o de tabaco ou produtos que simulen a conduta de fumar, pero tamén a súa posesión ou o transporte. Así, establece sancións en tres graos diferentes: no caso das leves, a multa vai de 200 a 601,01; no das graves, irán desde os 601,02 aos 1.803,04 euros; mentres que no das moi graves pode chegarse a unha sanción máxima de máis de 3.000 euros (3.005,06).

Bebidas enerxéticas nunha máquina expendedora dunha localidade galega CC-BY-SA M. Pereira

Entre as infraccións graves, a lei inclúe a venda ou subministro de alcohol, bebidas enerxéticas, tabaco ou material para vapear ás persoas menores, así como adquirir calquera destes produtos para logo facérllelos chegar á rapazada. Neste caso as multas parten dos  3.005,07 pero poden superar os 15.000 (15.025,30). No caso de desacato, ameazas a inspectores ou policías ou incumprimento deliberado das obrigas, as sancións poden mesmo pasar dos 600.000 euros. 

O consumo, posesión ou transporte de bebidas enerxéticas por menores supón multas de entre 200 e 3.000 euros; se un adulto llelas facilita, poden chegar aos 15.000

Ademais, a nova lexislación amplía as zonas nas que está prohibido fumar, incluíndo os espazos exteriores de centros da administración pública, ademais das marquesiñas de calquera transporte público ou as piscinas públicas. Tampouco se poderá fumar nun radio de 50 metros nas zonas de acceso a centros de administracións públicas, de ensino e sanitarios. 

En canto ao botellón, prohíbese esta actividade, "entendida como tal  o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, nos parques e prazas públicas e noutros lugares de tránsito público".

Tamén prevé limitacións ao cánnabis, prohibindo aos establecementos comerciais "expoñer no seu escaparate ou dirixir ningunha imaxe ao exterior da planta cánnabis sativa ou calquera produto, compoñente ou derivado desta". Do mesmo xeito, prohíbese "regalar ou vender calquera tipo de merchandising coa imaxe identificativa" desta planta á poboación menor de idade.

A nova lei amplía as zonas nas que non se pode fumar e prohibe o botellón

Con todas estas novidades, o veto ás bebidas enerxéticas é a máis importante na lei que entra en vigor este sábado. Porque o consumo destes produtos, como lembraba o Sergas, "experimentou un aumento substancial durante as últimas décadas" en España, alcanzando o 2% do total das refrescantes. 

Entre a mocidade, e nunha franxa de idade con maior risco, son demasiado habituais. En Galicia, serían arredor de 16.000 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos os que as consomen polo menos unha vez á semana, segundo o estudo Adolescencia, tecnoloxía, vida e convivencia, elaborado pola Fundación Barrié e a USC, que aclara que supón o 12,5% do estudantado de ESO e Bacharelato. Pero engade que máis de 2.500 rapaces toman algún destes refrescos diariamente. 

Unha moza amosa dúas latas de bebidas enerxéticas nun supermercado CC-BY JingKe888

Ademais, e segundo a enquisa elaborada ao abeiro do Plan Nacional sobre Drogas en todo o Estado (Estudes) ao estudantado de entre 14 e 18 anos, catro de cada dez tomaron no último mes bebidas enerxéticas, sendo a prevalencia maior entre os rapaces (50,7%) que entre as rapazas (39%). E máis do 16% mesturáronas con alcohol no mesmo período,un costume moi estendido que, como advertira tamén a Organización Mundial da Saúde (OMS), supón un efecto potenciador e provoca que limite a somnolencia e permita seguir bebendo sen notar os efectos aínda que o prexuízo siga producíndose. 

Arredor de 16.000 rapaces en Galicia consomen bebidas enerxéticas polo menos unha vez á semana e 2.500 fano diariamente

Noutro informe, a AESAN (Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición), advirte que nove de cada dez persoas en España está a favor da prohibición aos menores destas bebidas enerxéticas. No mesmo barómetro, destácase que o 25% dos consultados consome estes produtos e que o fan dúas veces por semana de media. Ademais, case a metade dos que os toman fano cando menos unha vez ao día e o 47% mestúrano regularmente con alcohol. 

Alteracións do sono e trastornos cardiovasculares

Ademais,  e segundo un estudo realizado pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) en 2015, o consumo de máis de 1,4 mg/kg de peso corporal de cafeína estaría asociado a alteracións do sono (latencia e duración) e o consumo de máis de 3 mg/kg de peso corporal de cafeína asóciase a efectos adversos xerais para a saúde (cardiovasculares, hematolóxicos, neurolóxicos e psicocomportamentais). Por exemplo, se un neno ou nena (cun peso medio de 37 kg) consome unha lata de bebida enerxética cunha concentración de cafeína de 32 mg/100 ml, estaría a inxerir 2,2 mg de cafeína.

Sanidade lembra que o consumo de máis de 60 miligramos de cafeína en adolescentes de 11 a 17 anos aumenta o risco de sufrir alteracións do sono e que a partir de 160 miligramos de cafeína "pode provocar efectos psicolóxicos (nerviosismo, irritabilidade e ansiedade) e trastornos cardiovasculares". Nos adultos a estes efectos pódenselles unir mesmo ataques de pánico ou manifestacións psicóticas, en particular alucinacións.

Unha lata de Red Bull de 250 ml contén 80 mg de cafeína —equivalente a un café expreso e medio— e unha de Monster (de medio litro), contén 160 mg, unhas tres tazas de café expreso. A de Burn rolda os 170 mg, a Reign Razzle Berry, 185; e a RockStar, 145. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.