Narón faise cargo do servizo de madrugadores a petición das Anpas pero esixe que a Xunta "asuma as súas competencias"

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edil de Ensino, Olga Ameneiro, reuníronse con representantes das Anpas da localidade © Concello de Narón

O Concello de Narón reclama á Xunta "que asuma unha das súas competencias en materia educativa para que nin as Anpas nin o Concello teñan que asumir unha tarefa que non lles corresponde"

O Concello de Narón acordou asumir o servizo de madrugadores dos centros de ensino públicos da localidade -A Gándara, Piñeiros, A Solaina, Virxe do Mar, CRA de Narón, O Feal e Ponte de Xuvia- despois de que nos últimos meses as asociacións de nais e pais (Anpas) destes centros esixisen publicamente que as administracións públicas se fixesen cargo dun servizo ata agora xestionado directamente polas familias. 

Nos últimos meses as Anpas denunciaron publicamente que a xestión deste servizo non pode ser asumido polas familias, senón que é responsabilidade das distintas administracións públicas, e plantáronse, cunha negativa a seguir adiante con esta situación e un chamamento dirixido, sobre todo a Xunta e Concello. 

Casa do Concello de Narón CC-BY-SA PepedoCouto

As familias viñan salientando a importancia do servizo de madrugadores e o de comedor, cuxa existencia "non pode estar supeditada a que exista unha anpa, unha directiva, ou un persoal voluntario capacitado"

O Goberno local de Narón aceptou a demanda das familias e hai uns días anunciou que aceptaba a responsabilidade de forma temporal, pero solicitando publicamente á Xunta "que asuma unha das súas competencias en materia educativa para que nin as Anpas nin o Concello teñan que asumir unha tarefa que non lles corresponde e poder garantir a prestación do servizo por parte da administración autonómica”.

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edil de Ensino, Olga Ameneiro, reuníronse con representantes das Anpas da localidade, unha xuntanza na que chegaron a este acordo, que implica que as Anpas continuarán coa xestión de forma transitoria mentres o goberno local avanza no cumprimento dos prazos legais previstos para sacar a licitación a contratación da xestión do servizo. 

A alcaldesa enviará un escrito ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, urxindo unha reunión

Posteriormente, o Concello asumirao de xeito transitorio "ata que a Xunta asuma esta competencia", ao igual que a do servizo de comedor ao mediodía. Ademais, a alcaldesa enviará un escrito ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, urxindo unha reunión á que a maiores de Ferreiro acudiría a edil de Educación e un representante de cada unha das sete Anpas dos centros da cidade que ofrecen o servizo de madrugadores. 

CEIP A Gándara, de Narón © Xunta

As Anpas continuarán coa xestión de forma transitoria mentres o goberno local avanza no cumprimento dos prazos legais previstos para sacar a licitación a contratación da xestión do servizo. 

Narón non é o primeiro concello que nos últimos anos se viu obrigado a facerse cargo deste servizo ante a negativa da Xunta a facelo. As familias viñan salientando a importancia do servizo de madrugadores e o de comedor, cuxa existencia "non pode estar supeditada a que exista unha anpa, unha directiva, ou un persoal voluntario capacitado". Ademais, as anpas sinalan que "non poden atender aos escolares con necesidades diversas, porque non teñen recursos" e que tampouco poden cobrar prezos distintos en función da renda das familias, o que limita o acceso a este servizo imprescindible a moitas persoas con menores recursos económicos.

O Executivo local incidiu nas críticas ao Goberno galego pola negativa a asumir as súas competencias e a súa responsabilidade, "algo que lamentablemente ata o de agora non aconteceu"

O Goberno local de Narón valorou positivamente o acordo e reiterou o seu compromiso “de continuar traballando como viñemos facendo ata agora para poder plantexar unha solución a un problema que afecta a numerosas familias e que precisa do compromiso real, con medidas efectivas sobre a mesa". Ademais, o Executivo local incidiu nas críticas ao Goberno galego pola negativa a asumir as súas competencias e a súa responsabilidade, "algo que lamentablemente ata o de agora non aconteceu".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.