"Necesitamos que a Xunta contrate persoal para atender os comedores e así favorecer a conciliación"

Un dos pais, na concentración no CEIP de Pedrouzos en protesta pola situación do comedor © ANPA Andaravía

A mobilización das familias do CEIP de Pedrouzos conseguiu vencer as resistencias da Xunta, que aceptou que o Concello de Brión contratase o persoal necesario para habilitar unha segunda quenda de comedor

No inicio do curso escola as familias do CEIP de Pedrouzos, en Brión, comezaron a mobilizarse polo servizo de comedor. As limitacións de capacidade introducidas nos protocolos sanitarios para así previr posibles contaxios reduciron á metade o número de alumnos e alumnas que podían comer ao mesmo tempo, deixando sen servizo de comedor a 200 nenos e nenas. Nais e pais esixiron que a Xunta, que xestiona o comedor de forma directa, habilitase unha segunda quenda, pero chocaron coa esixencia da Consellaría de Educación de que os monitores e monitoras debían ser unicamente voluntarios e voluntarias, saídos dos propios pais e nais

Porén, esa esixencia demostrouse imposible, xa que precisamente a razón pola que estas familias necesitaban do servizo de comedor era que a esa hora os dous proxenitores se atopan traballando ou con outras ocupacións. Nin sequera a intervención do Concello de Brión, que se ofreceu achegar os medios económicos para contratar o persoal, contentou o Goberno galego, que non se movía da súa esixencia do carácter voluntario e familiar da monitoraxe.

Nas últimas décadas cada vez son máis as familias que necesitan deste servizo, sobre todo, por unha necesidade de conciliación da vida laboral e o coidado dos seus fillos e fillas

Finalmente, as protestas das familias derrotou as resistencias da Xunta, que aceptou que o Concello de Brión contratase os monitores e monitoras necesarias, o que permitirá habilitar unha segunda quenda de comedor a partir deste luns 19. Porén, son varios os centros educativos de toda Galicia que teñen este mesmo problema, pola dificultade de atopar pais e nais que poidan achegarse ao mediodía a vixiar os comedores e pola negativa da Xunta a mudar a súa política de voluntariado pola contratación de monitores e monitoras profesionais. Un problema agravado este ano pola pandemia de Covid-19, que obrigou a habilitar unha segunda quenda de comensais en moitos lugares.

Comedor escolar galego © Anpa CPI Camiño de Santiago

A mobilización da comunidade educativa de Pedrouzos puxo sobre a mesa un debate que vén gañando forza nos últimos anos. O servizo de comedor naceu co obxectivo de paliar os problemas derivados da dispersión xeográfica e tamén situacións desvantaxe económica de moitas familias. Pero nas últimas décadas cada vez son máis as familias que necesitan deste servizo, sobre todo, por unha necesidade de conciliación da vida laboral e o coidado dos seus fillos e fillas. Porén a normativa galega neste ámbito segue relegando esa cuestión, como amosa a esixencia da Xunta de que os monitores e monitoras sexan necesariamente nais ou pais.

Román Rodríguez admitiu que o Goberno galego estaba aberto a modificar a normativa dos comedores escolares para que poidan ser coidadoras "persoas alleas ás familias dos escolares"

O conflito iniciado en Brión non só torceu o brazo da Xunta neste caso concreto, senón que podería axudar a modificar a súa política xeral de aquí en adiante. A pasada semana, en declaracións á Radio Galega o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, admitiu que o Goberno galego estaba aberto a modificar a normativa dos comedores escolares para que poidan ser coidadoras "persoas alleas ás familias dos escolares". 

Esta semana, de momento, a Xunta anunciou xa unha achega económica de 1,7 millóns de euros para reforzar o servizo de monitoraxe (mellorando as restribucións que reciben voluntarios e voluntarias); ademais, permitirá que non só nais e pais, senón tamén irmáns e irmás das crianzas, poidan exercer dende xa esa función. Falamos con Xosé Ares, representante da ANPA Andaravía do CEIP de Pedrouzos (Brión).

Cando comezará esa segunda quenda, que permitirá que as persoas que ficaran excluídas poidan acceder ao servizo de comedor?

"O problema segue latente e a medio prazo pode volver aparecer se non se lle dá unha solución dende a Xunta. Cada ano temos a mesma preocupación: se teremos ou non persoas voluntarias para poder abrir o comedor"

O servizo comezará o luns 19, nunhas condicións que nós entendemos que deben ser excepcionais, pero que solucionan de momento o problema que viñamos padecendo e que este ano estaba acentuado pola covid-19. A partir deste luns van ter praza de comedor practicamente todas aquelas persoas que o solicitaran por motivos de conciliación. Posiblemente non entren todas, pero xa nos anos anteriores unha pequena parte xa estaba quedando fóra. O que non podía ser era que este anos quedase fóra o 52% das persoas.

Estades satisfeitos e satisfeitas? Isto soluciona completamente o problema?

Estamos satisfeitos parcialmente. Estamos satisfeitos porque se resolve un problema que afectaba a moitas familias, pero somos conscientes de que o problema segue latente e de que a medio prazo pode volver aparecer se non se lle dá unha solución dende a Xunta de Galicia. Necesitamos que se modifique este modelo de voluntarios e voluntarias, non no noso centro unicamente, senón en todo o modelo de comedores de xestión directa. 

"Necesitamos que se modifique este modelo de voluntarios e voluntarias, non no noso centro unicamente, senón en todo o modelo de comedores de xestión directa"

Necesitamos que a Xunta contrate persoal para atender os comedores para así favorecer a conciliación. A contratación de persoal serviría para dar seguridades ao sistema público de comedores e que non esteamos todos os anos coa espada de Damocles enriba da cabeza. Porque cada ano temos o mesmo problema e a mesma preocupación: se teremos ou non persoas voluntarias para poder abrir o comedor, o que provoca unha tensión constante durante todo o curso, porque no momento en que non haxa voluntarios suficientes o comedor ten que pechar. Ademais, co problema engadido de que ata agora estes voluntarios e voluntarias teñen que ter unha vinculación directa co centro: é dicir as súas fillas e fillos deben estar escolarizadas nese momento alí.

Concentración no CEIP de Pedrouzos en protesta pola situación do comedor © ANPA Andaravía

O problema, ademais, non só vos afecta a vós, senón que é común a todos os comedores que teñen xestión directa da Xunta...

"Reivindicamos que do mesmo xeito que temos cociñeiros e cociñeiras contratadas, debe haber monitores e monitoras profesionais e non voluntarias"

Si, este é un problema que afecta a moitos centros: ao da Ramallosa (Teo) ou aos colexios de Padrón, que tamén se están a mobilizar, a todos os comedores que están xestionados directamente pola Xunta. O noso comedor está xestionado directamente polo Goberno galego, como entendemos que deberían ser todos os comedores escolares, ao ser unha competencia autonómica, en lugar dos concellos ou das anpas. No noso caso temos cociñeiros e cociñeiras contratados pola Xunta, en instalacións públicas, pois no noso colexio hai cociña. Fronte ao catering, o noso modelo é que se cociñe no propio centro, con produtos de proximidade. 

O problema radica na sala de comedor, pois a Xunta non permite que alí haxa persoas contratadas. Nós o que reivindicamos é que do mesmo xeito que temos cociñeiros e cociñeiras contratadas, debe haber monitores e monitoras profesionais e non voluntarias.

No fondo deste conflito hai tamén un problema de base, sobre a propia función que cumpren os comedores escolares neste momento como instrumento de conciliación para moitísimas familias, non si? Dende a ANPA criticastes que "os criterios usados para a adxudicación de prazas son anacrónicos e non responden ás necesidades actuais que temos as familias"...

"Ata agora estaban comendo 200 nenos e nenas, e quedaba fóra outro tanto. Quen quedaba fóra? Pois todas as persoas que demandaron o comedor por conciliación"

Ata agora estaban comendo 200 nenos e nenas, e quedaba fóra outro tanto. Quen quedaba fóra? Pois todas as persoas que demandaron o comedor por conciliación, que necesitaban deste servizo porque traballan e requiren desa hora máis para poder recoller os nenos e nenas un pouco máis tarde. Evidentemente, toda esa xente que demanda comedor por conciliación non poden ser voluntarios e voluntarias, porque iso implicaría renunciar ao seu traballo.

Nós o que pediamos era que a través dunha segunda quenda de comedor se puidese dar cabida a todas esas persoas que o ano pasado estaban comendo e que este ano non o podían facer debido ás medidas ligadas ao coronavirus e porque non había voluntarios e voluntarias suficientes para atender esa segunda quenda. Necesitabamos persoal contratado e como a Xunta non estaba disposta a facelo, ofreceuse o Concello de Brión de forma excepcional.

Fallan as políticas de conciliación? Hai unha contradición entre os grandes dicursos de apoio ás familias ou ao fomento da natalidade e as políticas reais que poderían axudar ás persoas con fillos e fillas?

"Se ti non tes servizos públicos que faciliten a conciliación, ao final nas unidades familiares son as mulleres quen asumen máis carga de traballo nos coidados ou quen renuncian en maior medida á súa vida profesional"

Si, hai unha incongruencia entre o discurso político e público sobre o fomento da natalidade e as accións reais. O discurso non se acompaña coas decisións políticas necesarias para favorecer a conciliación. Supoño que en realidade é un problema de cartos, que é o que marca absolutamente todo. Pero a cuestión está enriba da mesa.

Ademais, non hai que facer un estudo moi sisudo para saber cales son as consecuencias disto: se ti non tes servizos públicos que faciliten a conciliación, ao final nas unidades familiares son as mulleres quen asumen máis carga de traballo nos coidados ou quen renuncian en maior medida á súa vida profesional. Case sempre porque o salario das mulleres segue estando por debaixo do que reciben os homes, así que chegada unha situación na que un dos dous debe deixar o seu traballo ou traballar menos horas, adoita ser a muller.

O caso de Pedrouzos amosou tamén que para atopar unha solución ao voso problema ao final tivestes que recorrer á mobilización pública e a levar o voso conflito aos medios de comunicación?

"Moi probablemente se non chegamos a mobilizarnos publicamente, seguiríamos tendo o problema enriba da mesa"

Posiblemente foi asi, si. Xa dende finais de xullo estabamos en conversas constantes co colexio para ver como se podería solucionar esta situación e xa a finais de agosto dende a Dirección do centro advertiusenos que podía haber problemas polo novo protocolo e a falta de voluntarios. Nós en todo momento avogamos polo diálogo constante e pola procura dunha solución consensuada co Concello e a Consellería, aínda que é certo que no caso da Xunta foi en todo momento a través de escritos, nunca en conversa directa. Pero o tempo foi pasando, o curso comezou, entramos en outubro e ao final, moi probablemente, se non chegamos a mobilizarnos publicamente, cambiando o diálogo por reivindicación, seguiríamos tendo o problema enriba da mesa.

Concentración no CEIP de Pedrouzos en protesta pola situación do comedor © ANPA Andaravía

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.