• Entrevista | Belén Suárez e Carlos Diz
  • Acontece

"Non marchamos, bótannos": a mocidade emigrante da que o seu país se "desentendeu"

Capa do libro 'No nos vamos, nos echan' © FER Sociología

Trátase dun libro colectivo, que reúne moitas voces -algunhas académicas e outras non- e que non só quere documentar e establecer un relato sobre eses fluxos de saída, as súas razóns, dificultades e efectos, senón que incide especialmente na participación destes mozos e mozas en loitas sociais de todo tipo 

Galicia é dende hai anos máis unha terra de inmigración que de emigración. Pero a pesar de que o saldo migratorio é amplamente positivo, hai unha parte da mocidade que segue marchando fóra, ben a outros territorios do Estado, ben ao estranxeiro. De feito, nos últimos 15 anos Galicia perdeu 23 mil mozos e mozas nacidas no país, que estableceron noutros lugares a súa residencia. Os fluxos de saída foron especialmente importantes no anos da crise iniciada en 2008, sobre todo entre 2010 e 2017.

"Non marchamos, bótannos", foi un dos berros repetidos por esa xeración que neses anos tivo que facer as maletas para buscar fóra unha oportunidade laboral ou o desenvolvemento das súas carreiras, posibilidades que o seu país non lles ofrecía. E é tamén o título do libro No nos vamos, nos echan. Las luchas contra la precariedad de la nueva diáspora española, coordinado por Belén Fernández Suárez e Carlos Diz, do grupo de Investigación Sociedades en Movemento-ESOMI, da Universidade da Coruña.

Trátase dun libro colectivo, que reúne moitas voces -algunhas académicas e outras non- e que non só quere documentar e establecer un relato sobre eses fluxos de saída, as súas razóns, dificultades e efectos, senón que incide especialmente na participación destes mozos e mozas en loitas sociais de todo tipo -o dereito ao voto emigrante, o acceso á sanidade pública, a vivenda, o feminismo...- e a analiza os movementos sociais impulsados por esta diáspora, como Marea Granate e as Oficinas Precarias. 

Suárez e Diz salientan que a palabra migración foi silenciada polos medios de comunicación e por certas políticas europeas que prefiren falar de 'mobilidade' CC-BY pxfuel

Facía falla "unha lectura conxunta de fenómenos moi disperso e distintos entre si" e que o feito de que non houbera "este relato colectivo e se reducise todo a anécdotas persoais" facía parecer "que é un fenómeno moito menos importante do que en realidade é, tamén a nivel cuantitativo"

A idea do libro vén de atrás, dun proxecto de investigación coordinado por Antía Pérez Caramés que incidía no activismo político transnacional. "Había unha forza colectiva moi interesante, todo moi atomizado, pero posto en común era moi enerxético", destaca Belén Suárez en conversa con Praza.gal, que destaca que facía falla "unha lectura conxunta de fenómenos moi disperso e distintos entre si" e que o feito de que non houbera "este relato colectivo e se reducise todo a anécdotas persoais", facía parecer "que é un fenómeno moito menos importante do que en realidade é, tamén a nivel cuantitativo".

Durante a crise económica da pasada década España expulsou centos de miles de mozos e mozas, de todos os perfís, cualificados ou non. Perfís diversos, algúns máis "visibles" que outros, con grande diferenzas entre os colectivos máis cualificados, coma os investigadores ("a perda deses potenciais científicos xera una alarma social, unha unanimidade social pola captación de talento") e os menos, coma os que traballan na hostalaría ou de au pairs, que non están tan organizados e que ocupan moi pouco espazo nos medios.

Belén Suárez destaca que "esta xeración que se moveu fóra é unha xeración inconformista, á que se lle dixo 'isto é o que hai e tes que aceptalo', pero esta xeración non o aceptou”. Así, busca saír desa realidade na que ten carencias e non consegue o que desexa, "pero ao tempo busca cambiar esa realidade e loita por iso"

Unha das características fundamentais do libro é o seu carácter colectivo e, ademais, híbrido, con achegas académicas e outras elaboradas directamente polos e polas protagonistas desta emigración. "Queríamos romper algunhas tendencias da investigación académica, que ollan o tema dende fóra: 'vou, extraio a información que necesito e marcho para casa'", explica Carlos Diz, que destaca o carácter "horizontal" do proxecto. "Son eles os que teñen a experiencia de ser migrantes e ser migrantes precarias, por ese motivo recoñecemos estes movementos como produtores de saberes", di

 

O activismo

Belén Suárez destaca que "esta xeración que se moveu fóra é unha xeración inconformista, á que se lle dixo 'isto é o que hai e tes que aceptalo', pero esta xeración non o aceptou”. Así, busca saír desa realidade na que ten carencias e non consegue o que desexa, "pero ao tempo busca cambiar esa realidade e loita por iso", di. "Coa súa loita recordan a toda a sociedade que están aí, que existen, e ao mesmo tempo van tentando percutir, van tentando crear unha axenda que non existía ou que estaba completamente desnaturalizada".

Capa do libro 'No nos vamos, nos echan' © FER Sociología

Suárez e Diz salientan que a palabra migración foi silenciada polos medios de comunicación e por certas políticas europeas que prefiren falar de 'mobilidade' e narrativas que enxalzan a aventura que supón marchar vivir a outro lugar na procura dun soño profesional. "Pero a realidade é que cando esas persoas querían volver ao seu país non podían facelo"

Entre estas loitas destaca a que finalmente en 2021 conseguiu a derrogación do voto rogado que dificultaba o exercicio do sufraxio para os electores no exterior. Pero non foi a única. Destacou tamén a loita tanto pola atención sanitaria ás persoas migrantes en España como polo dereito dos españois que emigraran a ser atendidos no seu centro de saúde cando volvían un tempo, por exemplo no Nadal, a ver as súas familias. Existía unha potencia política que procedía do 15M e todas as ondas de mobilización que houbo no Estado, que foron permeando ese activismo no exterior, que ía acompañando o que sucedía en España, pero que tamén se íaimbricando cos activismos dos lugares nos que estaban estas persoas, coas súas dinámicas propias.

 

A precariedade vital dunha xeración

Belén Suárez e Carlos Diz destacan que existe, en todo caso, unha "fobia á palabra migrante", ligada a unha migración de baixa cualificación, que leva que haxa moitas persoas "que prefiren referirse a si mesmas con outros termos, como exiliado económico, expatriado...". De igual xeito, salientan que esta palabra -migración- foi tamén silenciada polos medios de comunicación e por certas políticas europeas que prefiren falar de 'mobilidade' e de narrativas que enxalzan a aventura que supón marchar vivir a outro lugar na procura dun soño profesional ou dun obxectivo vital. "Pero a realidade é que cando esas persoas querían volver ao seu país non podían facelo", din.

"O retorno depende do sector no que traballes, pero o normal é que quen volve sabe que vai perder capacidade de desenvolver a súa carreira". "Porén, prima a proximidade coa terra, a proximidade cultural e coa familia", engaden

"Ao eixo da precariedade únese o eixo do ciclo vital. A precariedade impide independizarte, emanciparte e desenvolver o teu proxecto vital e para moitas persoas marchar permite vivir, explican os investigadores, que destacan as dificultades de todo tipo que presenta o retorno. "O retorno depende do sector no que traballes, pero o normal é que quen volve sabe que vai perder capacidade de desenvolver a súa carreira". "Porén, prima a proximidade coa terra, a proximidade cultural e coa familia", engaden. "Debes aceptar peores condicións de vivenda, traballo... porque queres volver", ás veces porque os teus pais están maiores ou porque queres crear unha familia e facelo na túa terra.

Belén Fernández Suárez © UDC

Carlos Diz subliña que "os grandes problemas que marcaron a xeración do 15M e que foron os factores da exclusión seguen aí: traballo, vivenda, sanidade...". "Por, exemplo,  volves, pero xa non podes vivir no teu barrio, porque o alugueiro duplicouse na última década", engade

Neste senso, Carlos Diz subliña que "os grandes problemas que marcaron a xeración do 15M e que foron os factores da exclusión seguen aí: traballo, vivenda, sanidade...". "Por, exemplo,  volves, pero xa non podes vivir no teu barrio, porque o alugueiro duplicouse na última década", engade.

 

Un Estado que se desentende da súa mocidade

A marcha continuada de mocidade cualificada a outros territorios fala das carencias que segue a ofrecer Galicia en concreto e o Estado español no seu conxunto, tanto nas posibilidades laborais que ofrece en determinados sectores coma no apoio que as administracións emprestan ao desenvolvemento vital da mocidade, tanto no ámbito laboral como, por exemplo, no acceso á vivenda. 

A marcha continuada de mocidade cualificada a outros territorios fala das carencias que segue a ofrecer Galicia en concreto e o Estado español no seu conxunto, tanto nas posibilidades laborais que ofrece en determinados sectores coma no apoio que as administracións emprestan

Neste senso, Belén Suárez explica que "España é un dos países nos que unha maior porcentaxe de poboación ten un título universitario, pero non temos unha estrutura laboral para soster iso". Así mesmo, "está medrando o número de postos cualificados, aínda que iso vai lento e ademais está moi descompensado territorialmente, de aí a migración ás cidades e sobre todo a Madrid e Barcelona", engade.

A investigadora destaca que "hai unha falta de políticas de apoio á xuventude: política de vivenda, axuda para o acceso ao mundo laboral..." e conclúe que o Estado "mira demasiado a curto prazo, asumindo que as xeracións novas son sacrificables", unha polítíca de "desentendemento" que afecta a toda unha xeración, máis aínda se fixo as maletas e se atopa no estranxeiro.

Carlos Diz © UDC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.