Desde este xoves os quioscos contan cunha nova referencia informativa diaria en papel, a única completamente en galego, Nós Diario, que vén sumarse á oferta xa existente en internet
Desde este xoves 2 de xaneiro os quioscos galegos contan cunha nova referencia informativa diaria en papel, a única completamente en galego, Nós Diario, que vén sumarse á oferta xa existente en internet. Evolución do anterior semanario Sermos Galiza, sairá á rúa de martes a sábado por 1,50 euros mentres que os sábados o xornal contará cun suplemento de fin de semana cun prezo conxunto de 3 euros. Falamos coa directora de Nós Diario, María Obelleiro.
Hai once anos do último lanzamento dun diario en papel de ámbito galego, Xornal de Galicia, que pechou hai xa oito. Por que agora?
A diferenza de Xornal de Galicia que era un medio bilingüe, Nós Diario sae en lingua galega de maneira íntegra porque pensamos que non hai outra maneira de exercer un xornalismo galego, centrado na Galiza que conte desde aquí o que acontece aquí mais tamén o que acontece no mundo. Por que agora? Sermos Galiza naceu en 2012 nun contexto de crise, como aconteceu con Praza.gal, con moita xente dicíndonos que era unha tolemia, pero non só aguantamos senón que medramos. E en 2017, cando fixemos o quinto aniversario, houbo moita xente que se puxo en contacto con nós para pedirnos que désemos un paso máis, que en Sermos Galiza había informacións de moito interese pero que non acababan de chegar a toda a xente. Desde o consello de administración comezaron a ver o proxecto e determinaron que para facelo posible era necesario ter un mínimo de 3.000 subscricións. Nós Diario nace xa hoxe como terceiro diario en papel de Galiza en número de subscricións, grazas a todas esas persoas que nos apoiaron e que pensaron que era posible un medio en papel. E un medio en papel para un dixital máis forte, tamén. O mínimo necesario para poñelo a andar, o que garantía a estabilidade financeira ao longo de todo este ano, eran esas 3.000 subscricións, e unha vez que se conseguen foi cando puxemos todo a andar.
O diario di basear o seu futuro nas subscricións. Por que ese modelo e non os outros moitos que están a ser experimentados nos últimos anos por medios de todo o mundo?
Como ben sabe Praza.gal, que tamén o sofre, todo o que ten a ver coas subvencións e cos convenios coas administracións públicas debería estar moito mellor regulamentado, ser máis transparente. A día de hoxe as axudas aos medios por levar información en galego, aínda que sexan moi cativas, a título individual parécenme que non están moi equilibradas. Canto á publicidade, cada vez somos máis a repartir e nos diarios dixitais talvez sexa máis difícil obter ese financiamento. Nós o que queremos é subsistir por nós mesmos, e despois o que veña a maiores pois benvido sexa. Pero é moi importante basealo nas subscricións porque é garantía de independencia. Fai falta un xornalismo crítico que non estea amordazado nin pola publicidade, nin pola banca, nin polas subvencións dos gobernos.
Que ou como vai contar Nós Diario en papel que non puidera contar en internet?
Cando naceu a televisión dicíase que ía morrer a radio, cando naceu internet que morrería a televisión, cando os libros dixitais que ían desaparecer os libros en papel. Esa apocalipse da morte do papel aínda non é tal. Evidentemente temos que camiñar cos tempos e adaptarnos á realidade, pero nós partimos de crear sinerxías entre os soporte en papel e o dixital. En ningún momento nos plantexamos isto como unha medida nostálxica senón o contrario. Na Galiza hai unha ducia de xornais en papel que contan a realidade en castelán e o que non se podía era manter esa anormalidade histórica. Pero sabemos que iso ten que vir acompasado co xornalismo en internet, que como ben sabe Praza.gal fornécenos duns recursos e unhas potencialidades que non ten o papel, como a linguaxe multimedia ou a participación coa comunidade lectora. Non é tanto que non se pode contar senón como se pode contar. Son linguaxes diferentes. O papel é unha lectura máis repousada e un xornalismo de corte máis analítico e o dixital, desde o noso modelo, é máis de contar a actualidade.
Con que exclusiva se queda destes oito anos de Sermos Galiza e que lle gustaría poder contar en papel?
Queremos unha forma de estar no mundo que nos faga orgullosos, crer en nós mesmas e facer de Galiza un país que poida desenvolverse por si mesmo
Exclusiva que sacásemos nós, lembro unha serie de reportaxes socialmente críticas sobre as prácticas de violencia obstétrica en hospitais galegos. Foi unha compañeira nosa quen levantou o escándalo que había arredor dos problemas que tiñan as mulleres para poder abortar, que marcou un antes e un despois. E todo o que ten a ver coa igualdade. Nós exercemos desde o primeiro momento a perspectiva de xénero dunha maneira transversal, desde o inicio de Sermos Galiza. Quero ter unha lembranza para dúas compañeiras, Beti Vázquez e Olaia Rodil, que empezaron cando ninguén falaba de feminismos a tratar moitísimo esas cuestións e desde aquela tratámolo de xeito transversal, empregando a linguaxe inclusiva en todas as informacións e tendo en conta a perspectiva de xénero. O que me gustaría contar nos próximos anos é que rematamos co patriarcado, porque iso significaría rematar con toda a violencia machista e toda forma de discriminación. Unha discriminación que é dupla no caso das galegas, como dos homes, polo feito de ser galegos. Queremos unha forma de estar no mundo que nos faga orgullosos de estar no mundo, crer en nós mesmas e facer de Galiza un país que poida desenvolverse por si mesmo.