Nova sanción a Ence por "planificación deficiente" e "falta de inspección" no accidente grave dun leñador

Madeira cortada nun monte galego Dominio Público Praza Pública

O Tribunal Superior constata que “a pesar dos incumprimentos” de seguridade da subcontrata para a que traballaba o afectado, golpeado por unha árbore, “Ence non procedeu a paralizar” a talla, polo que a considera “responsable solidaria” da sanción

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar unha sanción a Ence pola súa “planificación deficiente” e “falta de inspección” das tarefas de talla de árbores nun monte da Mariña que encargou a unha subcontrata, Maderas Cociña Xove SL. Durante os traballos un empregado desa empresa foi golpeado por unha árbore resultando con lesións moi graves e quedando en situación de gran invalidez. 

A sentenza, que establece a “responsabilidade solidaria” na sanción de Ence e a subcontrata, chega despois doutra revelada hai un ano por Praza.gal que tamén avalou unha multa de Inspección de Traballo polo accidente mortal doutro operario porque non xestionou correctamente a seguridade do lugar no que estaba a traballar e que era da súa competencia. 

Plantación de eucaliptos nunha imaxe de Ence © Ence

Segundo os feitos probados da sentenza agora emitida polo TSXG, o accidente ocorreu en setembro de 2016. Ence subcontratou coa outra empresa sancionada a talla dun monte segundo un plan de traballo deseñado pola propia Ence que establecía que “o corte debería realizarse de forma ascendente”. Porén, a corta realizouse de xeito descendente, e malia que un encargado de Ence visitou a obra, non puxo “obxección algunha a pesar de que se estaba facendo o traballo de forma distinta á que consta no permiso de traballo”.

A sentenza censura "a escasa actividade 'in vigilando' de Ence" e que o seu encargado non puxo "obxección algunha a pesar de que se estaba facendo o traballo de forma distinta" a como ela mesma deseñara

A sentenza di que había “un procedemento de identificación de incumprimentos e asignación de sancións, obrante en autos, asinado por Ence e Maderas Cociña, que contemplaba a posible paralización da obra por indicación de Ence, o que non ocorreu dada a escasa actividade ‘in vigilando’ de Ence”. Así que o tribunal censura que “a pesar dos incumprimentos na execución da obra Ence non procedeu a paralizar a mesma, non impoñendo sanción algunha a Maderas Cociña SL, a pesar de que estaban realizando un traballo en contra do propio permiso de traballo entregado por Ence”. 

Sentenza que tras un accidente grave dun traballador constata a “falta de inspección seria da obra, o que obviamente determina a responsabilidade solidaria da empresa Ence" CC-BY-SA Praza Pública

Tras o accidente o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), da Xunta, estableceu como causas “a deficiente planificación dos traballos do monte, a cal consta que realiza Ence”, así como a insuficiente información e formación do traballador. Porén, Inspección de Traballo propuxo que só fose sancionada a subcontrata coa figura do recargo de prestacións por accidente, que obriga ás empresas a aumentar ao seu cargo unha porcentaxe da prestación da seguridade social que se lle recoñece a un traballador que tivo un acccidente laboral.

A subcontrata e a familia do traballador afectado recorreron á xustiza, que nunha primeira instancia rexeitou as súas pretensións. Pero agora o Tribunal Superior vén de darlles a razón e di que tamén Ence debe ser considerada responsable solidaria do ocorrido. Para iso o TSXG citra outras sentenzas previas que tamén estableceron a responsabilidade da empresa principal neste tipo de accidentes. E salienta que neste caso “parece clara a responsabilidade de Ence, sendo esta a empresa que encarga a Maderas Cociña o traballo, e quen deseña o plan de traballo, e sendo ademais o encargado de Ence quen indica como se debe proceder á corta”. 

Un grupo de traballo do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) supervisa uns traballos de corta de madeira CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG salienta a “falta de inspección seria da obra, o que obviamente determina a responsabilidade solidaria da empresa Ence"

A sentenza conclúe sobre Ence que “ela mesma tamén incumpre” o seu propio permiso de traballo. E salienta a súa “falta de inspección seria da obra, o que obviamente determina a responsabilidade solidaria da empresa Ence no recargo de prestacións do accidente sofrido polo traballador”. 

A sentenza é recorrible en casación. Ence, pola súa banda, vén salientando a importancia que dá á prevención de riscos laborais nas súas diversas actividades empresariais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.