Novas medicións de radon confirman os elevados niveis en Galicia, á espera de medidas de protección

Sistema para a medición automática dos niveis de radon, desenvolvido pola USC © https://www.i-cpan.es

Galicia é un territorio de elevada concentración de gas radon, potencialmente tóxico e que pode favorecer a aparición de cancros e tumores con exposicións prolongadas. Así o veñen amosando as medicións realizadas nos últimos anos, nomeadamente as efectuadas polo Laboratorio de Radon de Galicia, dependente da USC. O traballo desenvolvido por esta entidade vai engadindo todos os meses novas análises, conformando un mapa do radon cada vez máis preciso, e confirmado a elevada exhalación deste gas en boa parte do país, sobre todo no sur e en todas aquelas zonas cunha alta presenza de granito. 

O Laboratorio de Radon suma xa 4.330 medicións en Galicia

A comezos do ano 2018 o Estado Español tiña que levar a cabo a transposición da directiva europea 2013/59/EURATOM, en vigor dende 2014. Porén, máis dun ano despois aínda non se concretou medida ningunha para facer efectiva a súa aplicación en España. Esta normativa reduce ata os 300 Bq/m3 o nivel de referencia para as concentracións de radon en espazos pechados nos lugares de traballo e obriga a realizar medicións naqueles espazos de traballo situados en sotos e plantas baixas localizados en zonas de elevadas concentracións deste gas.

O Laboratorio de Radon suma xa 4.330 medicións en Galicia, cunha media de 114,67 Bq/m3, moi por debaixo dese límite a partir do cal se considera que pode existir un efecto prexudicial para a saúde. Porén, un 15,6% das medicións foron superiores aos 300 bequerelios e un 28,1% superaron os 200 bequerelios. E, de feito, hai voces que veñen advertindo de que o nivel de perigosidade debería reducirse ata eses 200 bequerelios ou mesmo por debaixo, lembrando que a Axencia de Protección Ambiental norteamericana considera 148 Bq/m3 como nivel de referencia. "Estar exposto durante todo o un ano a eses 148 bequerelios equivale a recibir nun ano 200 placas de tórax", explicaba nesta reportaxe o profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Alberto Ruano.

Hai voces que veñen advertindo de que o nivel de perigosidade debería reducirse ata os 200 bequerelios

En marzo un estudo con pacientes de hospitais galegos concluíu que o radon pode producir cancro pulmonar a partir dos 200 Bq/m3. “Estes resultados indican que debería reconsiderarse a redución do límite de referencia marcado pola UE e aliñarse cos 200 Bq/m3 de Irlanda, Reino Unido ou Canadá", sinala daquela o profesor Ruano.

En comarcas como O Salnés, O Morrazo, O Condado, Allariz-Maceda, Terra de Trives, Verín ou Viana a porcentaxe de medicións por riba dos 300 bequerelios rolda o 30% e as que superan os 200 achéganse ao 50%, unha mostra de que boa parte deses lugares a concentración de radon pode chegar a ser perigosa en espazos pechados e con deficiente ventilación. Nas provincias de Lugo e A Coruña os datos son máis reducidos, agás en comarcas como Quiroga, Terra de Lemos, O Sar, Muros ou A Barcala, con cifras moi semellantes ás das devanditas comarcas meridionais.

Concentración de radon por concello Dominio Público Praza Pública

Á espera de medidas

O Goberno central segue sen aprobar as normas e medidas que apliquen en España a directiva europea

En febreiro de 2018, co prazo máximo xa superado, o Goberno fixo chegar aos axentes sociais o Proxecto de Real Decreto que transporía a Directiva europea, un proceso de consultas e alegacións que aínda non se completou. De igual maneira, segue pendente a modificación do Código da Edificación (CTE) cuxo borrador foi publicado o pasado verán e que inclúe novas esixencias na construción de vivendas (ou en obras en edificacións xa existentes) relacionadas coa eficiencia enerxética ou co gas radon. 

309 dos 313 concellos galegos (todos agás As Somozas, Cerdido, Sobrado e A Lama) sitúanse nalgunha das zonas prioritarias nas que se requiren medidas específicas contra as concentracións de radon en vivendas, con obxectivo de evitar que se supere o nivel de 300 becquerelios por metro cúbico. A pasada semana abriuse un novo período de consultas públicas para realizar achegas a este documento, o que previsiblemente adiará aínda máis a súa aprobación definitiva.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.