O 57% da poboación galega vive no 1% do territorio

Mapa da Galicia despoboada (cuadrículas en negro) sobre unha paisaxe rural ©

No 38,3% das cuadrículas non vive ninguén. É, no entanto, unha porcentaxe  pequena se a comparamos co conxunto do Estado español (78,2% do territorio sen poboación) ou de Portugal (56,2% do territorio despoboado)

A poboación galega tende a concentrarse cada vez máis nunha porción máis pequena do territorio, nunha tendencia iniciada hai xa moitas décadas, que pouco a pouco vai transformando a tradicional ocupación do país, fragmentada e dispersa, baleirando algunhas zonas e incrementando a poboación e a densidade das áreas urbanas e tamén dos meirandes núcleos rurais e cabeceiras comarcais.

O IGE publicou o pasado venres un estudo estatístico con datos sobre a distribución da poboación de Galicia segundo diversas características nunha malla regular formada por cuadrículas de 1 km2 que cobren todo o territorio. Unha das primeiras conclusións que se poden tirar do estudo é que o 38% do territorio de Galicia así dividido está completamente despoboado. 

Esta é, no entanto, unha porcentaxe moi pequena se comparamos o dato co do conxunto do Estado español (78,2% do territorio sen poboación, medido en cuadrículas deste tamaño) ou de Portugal (56,2% do territorio despoboado). E é que a maneira habitual de ocupar o territorio en Galicia, de forma dispersa, é moi diferente da máis común en varios territorios da Península, con realidades xeográficas, coma as siberias de Teruel ou Estremadura ou os campos do Alentejo e das Beiras, caracterizadas por amplos espazos sen poboación.

Hai 35 cuadrículas (é dicir, 35 quilómetros cadrados), o 0,1% do total, nas que viven máis de dez mil persoas en cada unha. Entre todas suman 580.482 habitantes, o 21,5% da poboación total de Galicia

No mapa pódese observar a distribución da poboación galega nestas cuadrículas dun quilómetro cadrado, un total de 30.776 que cobren os 29.575 quilómetros cadrados de superficie. Iso si, cómpre ter en conta que a superficie que aparece sen datos de poboación é algo maior da realmente existente, pois o IGE -co obxectivo de gardar o segredo estatístico- non ofrece información do número de habitantes das cuadrículas que contan con menos de vinte residentes, que aparecen tamén como despoboadas.

En calquera caso, a realidade que se observa é a coñecida concentración da poboación no Eixo Atlántico, entre Ferrolterra e Vigo e o Baixo Miño, ademais dos núcleos de Lugo e Ourense e outras agrupacións de importancia como cabeceiras comarcais (Monforte, Lalín, Verín, Xinzo, Carballo, Vilalba, Cee, Noia, As Pontes...) e comarcas densamente poboadas, como O Morrazo ou Barbanza.

Se ampliamos o foco ata as cuadrículas nas que viven cando menos cen persoas (o 10,1% da superficie total de Galicia) atopamos que nelas reside o 84,6% da poboación de Galicia.

A división do territorio en pequenas cuadrícula dun quilómetro cadrado permite poñer cifras a esta concentración, de xeito que no 38,3% das cuadrículas non vive ninguén e outro 27,7% está practicamente deshabitado, con menos de 20 habitantes por quilómetro cadrado. Entre os dous grupos, suman un 66% do territorio deshabitado ou practicamente deshabitado, dous terzos exactos.

En contraste, hai 35 cuadrículas (é dicir, 35 quilómetros cadrados), o 0,1% do total, nas que viven máis de dez mil persoas en cada unha. Entre todas suman 580.482 habitantes, o 21,5% da poboación total de Galicia. Se lles sumamos as 45 cuadrículas nas que viven entre cinco mil e dez mil persoas, teremos concentrada unha poboación de case 900 mil persoas en só 80 quilómetros cadrados, o 0,2% do total.

As tres cuadrículas máis densamente poboadas de Galicia corresponden á cidade da Coruña. En cada unha viven 30.000 persoas e ademais son anexas, abranguendo os barrios máis populares e populosos da, comezando pola Agra do Orzán

As cuadrículas nas que viven cando menos mil persoas (386 quilómetros cadrados, menos do que mide por exemplo o termo municipal de Santiago, o 1,2% da superficie de Galicia) suman unha poboación de 1,55 millóns de habitantes, o 57% do total.

Se ampliamos o foco ata as cuadrículas nas que viven cando menos cen persoas (o 10,1% da superficie total de Galicia) atopamos que nelas reside o 84,6% da poboación de Galicia. Ou o que é o mesmo, o 15,4% da poboación restante reside no 90% da superficie.

As cinco cuadrículas seguintes máis poboadas corresponden á cidade de Vigo, con valores entre os 27 mil e os 19 mil habitantes por quilómetro cadrado

As tres cuadrículas máis densamente poboadas de Galicia corresponden á cidade da Coruña. En cada unha deslas viven ao redor de 30.000 persoas e ademais son anexas, abranguendo os barrios máis populares e populosos da cidade herculina: Agra do Orzán (o barrio máis densamente poboado de Galicia e un dos máis densamente poboados de Europa), Os Mallos, Falperra, Sagrada Familia e O Ventorrillo.

As cinco cuadrículas seguintes máis poboadas corresponden á cidade de Vigo, con valores entre os 27 mil e os 19 mil habitantes por quilómetro cadrado. En total, das dez cuadrículas máis denssamente poboadas, cinco son coruñesas e cinco son viguesas. Entre os postos 11 e 20 xa aparece algún de Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela.

Neste último mapa debúxanse en azul as zonas nas que viven, 20 habitantes por quilómetro cadrado ou máis. E en branco as áreas totalmente deshabitadas ou cunha densidade inferior a 20 por cuadrícula (das que non se ofrece información por mor do segredo estatístico) CC-BY-SA Praza.gal

Neste último mapa debúxanse en azul as zonas nas que viven, 20 habitantes por quilómetro cadrado ou máis. E en branco as áreas totalmente deshabitadas ou cunha densidade inferior a 20 por cuadrícula (das que non se ofrece información por mor do segredo estatístico)

Finalmente, neste mapa en dúas cores podemos ver de forma simplificada as dúas Galicias definidas en función da súa poboación: en azul, as cuadrículas nas que viven 20 persoas ou máis por quilómetro cadrado; en branco as cuadrículas totalmente despoboadas ou nas que viven menos de 20 habitantes por quilómetro cadrado (e nas que non se ofrecen datos debido á necesidade de gardar o segredo estatístico). 

O mapa amosa unha importante mancha branca nas zonas montañosas de Lugo (na parte oriental da provincia) e de Ourense, pero tamén nas serras septentrionais das provincias lucense e coruñesa ou nas zonas montañosas da dorsal galega no interior de Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.