O Barbanza mobilízase na Pobra contra as esperas "inxustificables" en centros de saúde e PAC

Manifestación pola sanidade pública na Pobra do Caramiñal, este domingo © Plataforma en defensa da sanidade pública da comarca da Barbanza

Unha manifestación percorreu este domingo as rúas da vila para demandar que a Xunta cobra todas as prazas existentes e que dote ao Centro de Saúde da Pobra dun Punto de Atención Continuada a tempo completo para evitar saturar os outros PAC da comarca

Unha numerosa manifestación pola sanidade pública percorreu as rúas da Pobra do Caramiñal este domingo. Convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza, a cidadanía participante esixiu que dote ao Centro de Saúde da Pobra "de todo o persoal que lle corresponde", cubrindo todas as prazas existentes. Pídese, ademais, "que se asignen reforzos para poñer fin ás agardas inxustificables nas citas de atención primaria". E, finalmente, que a Xunta "dote ao Centro de Saúde da Pobra dun PAC a tempo completo que evite os desprazamentos da poboación e a saturación doutros puntos de atención continuada da comarca".

A marcha partiu ás doce do mediodía do centro de saúde e rematou na Praza do Emigrante, onde integrantes da plataforma leron o manifesto da convocatoria, detallando as esixencias para o correcto funcionamento do servizo de atención primaria e a axeitada cobertura sanitaria da poboación.  

Manifestación pola sanidade pública na Pobra do Caramiñal, este domingo © Plataforma en defensa da sanidade pública da comarca da Barbanza

A marcha partiu ás doce do mediodía do centro de saúde e rematou na Praza do Emigrante, onde integrantes da plataforma leron o manifesto da convocatoria

A plataforma critica que no Centro de Saúde da Pobra "hai tempo xubilouse unha das persoas que cubría as sete prazas de facultativos que tiña asignadas o consultorio e nunca se volveu cubrir a praza". Engade que "tampouco as seis que restan se están a cubrir na súa totalidade nos últimos tempos, con períodos nos que o persoal médico chegou a estar reducido a só tres facultativos e facultativas, saturando os cupos a atender por parte do persoal restante e alongando moito o tempo para lograr unha cita e ter a atención médica precisa".  

Así mesmo, denúnciase que se "deixou de prestar o servizo de urxencias en horario de tarde que de sempre se atendeu no Centro de Saúde da Pobra". "Atopándonos agora sen ese servizo en horario de tarde, os nosos veciños e veciñas vénse obrigados a desprazarse a Ribeira e saturan aínda máis os servizos de urxencias do PAC de Ribeira ou do Hospital da Barbanza", sinala.

A plataforma alerta, finalmente, das dificultades que se engaden nas semanas de verán, coa chegadas de milleiros de turistas á comarca, que contribúen a saturar aínda máis os servizos sanitarios

Dende hai meses a plataforma vén realizando concentracións semanais e recollida de sinaturas para alertar desta situación e demandar solucións. Porén, indica, "até o de agora só obtivemos da Xunta silencio e vímonos obrigadas a solicitar a axuda da Valedora do Pobo, que polo momento non foi quen de recibir a resposta que por lei deben darlle as autoridades autonómicas". 

A plataforma alerta, finalmente, das dificultades que se engaden nas semanas de verán, coa chegadas de milleiros de turistas á comarca, que contribúen a saturar aínda máis os servizos sanitarios: "o verán que comeza nestes días é un momento especialmente delicado, xa que son moitas as comarcas que se van ver sometidas a un estrés engadido polo aumento da poboación nos meses de xullo e agosto".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.