Desencallado. 18 días despois, o dispositivo de rescate do Blue Star conseguiu por fin o seu obxectivo pouco antes das 14.30 horas deste martes 10 de decembro. Os remolcadores encargados pola empresa SMIT Salvage lograron sacar o buque das rochas onde quedara embarrancado o pasado 24 de novembro, cando un incendio e un posterior problema na sala de máquinas deixárano a mercé dun forte temporal que o acabou levando contra as rochas da costa das Mirandas, en Ares.
A empresa SMIT, con dous remolcadores, logrou na pleamar deste martes desencallar o buque ao terceiro intento
Foi no terceiro intento desde este pasado luns cando, coa pleamar prevista para as 15 horas, a acción coordinada dos remolcadores Boka Pegasus e Unión Princces, ambos exercendo presión desde a popa e babor, lograron desencallar o Blue Star coa axuda dunhas ondas que foron finalmente maiores do que se pensou nun primeiro momento.
Logo de sacar o buque das rochas, os remolcadores de SMIT lograron levalo ata o centro da ría de Ares, a onde se achegaron o Vehintiocho e o Don Inda, que prestaron apoio. A continuación, o Blue Star foi remolcado cara ao porto exterior de Ferrol, onde será sometido a unha revisión para avaliar os danos que presenta, tanto os que sufriu polas case tres semanas que estivo encallado, como os que provocou o incendio na sala de máquinas que acabou por desencadear o accidente.
Fondeado desde o xoves 21 na ría de Ares, abrigado ante o temporal, o barco decidiu pouco antes das 22 horas daquel venres saír da ría cara á Coruña. Desde a Torre de Control Marítimo ínstase a que se coloque a unha distancia prudente para poder ser remolcado nunha manobra normal na zona e nesas condicións.
Só uns minutos despois, o buque perde velocidade tras un incendio a bordo, queda sen máquina e achégase perigosamente ás pedras. Apagado o lume, pero á deriva, o remolcador María Pita decide saír desde A Coruña e chega pouco antes das 12 da noite a unha zona á que se incorporan logo unha embarcación Salvamar e o helicóptero Helimer. Co quimiqueiro encallado, e desde primeiras horas da mañá, a veciñanza empeza achegarse á zona coa pantasma do Prestige na cabeza cando se cumprían 17 anos daquela desfeita.
As dificultades para remolcar o Blue Star foron evidentes desde un principio. Remolcadores con máis potencia, como o Don Inda ou o Ibaizabal, non puideron tampouco retirar o buque tras rachar varios cabos en varios intentos. Finalmente, o armador contratou a empresa SMIT, que tivo que presentar un plan de reflote ante Capitanía Marítima. O Goberno central, ante o risco de vertido, puxo a condición de que calquera plan debería priorizar o baleirado do fuel e do gasóleo, unha operación que debía facerse antes de intentar o remolque.
As dificultades para remolcar foron evidentes desde un principio, coa rotura de varios cabos en varios intentos
Así se fixo. Durante días, moitos deles cun mal tempo que dificultou as operacións, leváronse a cabo traballos para o baleirado dos líquidos contaminantes. Houbéronse de construír pistas para o achegamento dos camións cisternas aos cantís, asentar o terreo e montar unha tirolina para trasladar as mangueiras e outras ferramentas ao buque. Finalmente, o pasado luns, rematábase o transvasamento das máis de 120 toneladas de gasóleo, fuel e aceites.
Quedan agora, como case sempre, as análises que virán tras a retirada do buque e a fin de calquera risco. As cuestións sobre como un buque fondeado entre dous grandes portos exteriores, o da Coruña e o de Ferrol, acaba encallado e con problemas a poucos quilómetros de cada un deles. Ou se é recomendable que acabe sendo unha empresa holandesa a que acabe por ocuparse dun problema que é tristemente cotiá na costa atlántica galega, especialmente no norte. Ou tamén se unha zona que actúa como fondeadoiro non debería ter remolcadores con maior potencia de tiro dispostos a actuar desde un primeiro momento.