Á espera de grandes ondas e temporal para poder desencallar o 'Blue Star' da costa de Ares

O 'Blue Star', encallado esta semana na costa de Ares © Delegación do Goberno en Galicia

Un mínimo de 19 días botará o quimiqueiro Blue Star na costa de Ares encallado no caso de que o plan para intentar remolcalo funcione e logo de que os traballos para retirar as 125 toneladas de gasóleo, fuel e aceites que contiña no seu interior rematasen o pasado luns

SMIT tentará o reflote do buque o día 14 "no momento no que se dea unha combinación axeitada de marea alta e empeoramento do mar"

A empresa SMIT Salvage, contratada pola armadora, trazou un plan para intentar o remolque do buque a vindeira semana, entre o 11 e o 16, "no momento no que se dea unha combinación axeitada de marea alta e empeoramento do mar", tal e como explicou a Delegación do Goberno central en Galicia. Esa xornada sería o día 14. O éxito, paradoxalmente, para a retirada do barco enganchado nas rochas "dependerá de que haxa mal tempo" e de que grandes ondas e un elevado nivel do mar axuden na operación, tal e como explicou o director xeral da Mariña Mercante, Benito Núñez. 

Será nese momento de mar bravo e grandes ondas cando se intente o remolque dun quimiqueiro que embarrancou na costa nas últimas horas do pasado venres 22 de novembro logo dun problema que deixou o buque a mercé do mar en medio dun forte temporal. Baleiro de carga --ía cargar ao porto da Coruña--, o Blue Star partiu cara ao peirao coruñés cando o forte vento e as grandes ondas o arrastraron cara á costa. 

A empresa SMIT recoñece que o buque presenta numerosas fendas no dobre fondo e está á espera de coñecer a súa localización exacta e a súa importancia. 

Fondeado desde o xoves 21 na ría de Ares, abrigado ante o temporal, o barco decide pouco antes das 22 horas do venres saír da ría cara á Coruña. Desde a Torre de Control Marítimo ínstase a que se coloque a unha distancia prudente para poder ser remolcado nunha manobra normal na zona e nesas condicións. 

Só uns minutos despois, o buque perde velocidade tras un incendio a bordo, queda sen máquina e achégase perigosamente ás pedras. Apagado o lume, pero á deriva, o remolcador María Pita decide saír desde A Coruña e chega pouco antes das 12 da noite a unha zona á que se incorporan logo unha embarcación Salvamar e o helicóptero Helimer. Co quimiqueiro encallado, e desde primeiras horas da mañá, a veciñanza empeza achegarse á zona coa pantasma do Prestige na cabeza cando se cumprían 17 anos daquela desfeita

As dificultades para remolcar o Blue Star foron evidentes desde un principio. Remolcadores con máis potencia, como o Don Inda ou o Ibaizabal, non puideron tampouco retirar o buque tras rachar varios cabos en varios intentos. Finalmente, o armador contratou a empresa SMIT, que tivo que presentar un plan de reflote ante Capitanía Marítima. O Goberno central, ante o risco de vertido, puxo a condición de que calquera plan debería priorizar o baleirado do fuel e do gasóleo, unha operación que debía facerse antes de intentar o remolque. 

As dificultades para remolcar foron evidentes desde un principio, coa rotura de varios cabos en varios intentos

Así se fixo. Durante días, moitos deles cun mal tempo que dificultou as operacións, leváronse a cabo traballos para o baleirado dos líquidos contaminantes. Houbéronse de construír pistas para o achegamento dos camións cisternas aos cantís, asentar o terreo e montar unha tirolina para trasladar as mangueiras e outras ferramentas ao buque. Finalmente, o pasado luns, rematábase o transvasamento das máis de 120 toneladas de gasóleo, fuel e aceites

Traxectoria do 'Blue Star' antes de encallar na costa de Ares © Vessel Finder

Agora levarase a cabo o intento de reflote do barco, unha operación complexa mediante a inxección de aire "a presión nos tanques de lastre" para conseguir que o barco gañe flotabilidade, momento no que, se hai ondas altas, dous remolcadores, que suman 350 toneladas de tiro, tirarán do buque. Na zona permanecerán o Don Inda e o Helimer de Salvamento Marítimo para labores de traslado de persoal "se fixese falta" e levarase a cabo un "seguimento diario e control das operacións para comprobar que o plan de reflotamento se vai cumprindo".

Para evitar problemas, SMIT comprobará antes os danos e selará as zonas necesarias, ademais de soldar en popa os reforzos para que a toma dos remolques sexa segura. 

A operación de reflote implica a inxección de aire a presión nos tanques de lastre para que o 'Blue Star' gañe flotabilidade

O director xeral da Mariña Mercante advertiu de que nesta vindeira semana "esperarase o momento adecuado" para realizar a actuación xa que "a operación levará unhas horas". "Se o armador presentou este plan é porque confía no seu éxito", dixo, tras sinalar que o deseño correu integramente a cargo de SMIT pero que é revisado pola autoridade marítima española.

As respostas aínda pendentes

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou que a retirada do fuel e o gasóleo realizouse "con éxito" e que a actuación se completou nunha semana "desde o inicio esta primeira fase". Tan só houbo un pequeno susto cunha pequena vertedura de tres metros cadrados. 

Quedan agora, como case sempre, as análises que virán tras a retirada do buque e a fin de calquera risco. As cuestións sobre como un buque fondeado entre dous grandes portos exteriores, o da Coruña e o de Ferrol, acaba encallado e con problemas a poucos quilómetros de cada un deles. Ou se é recomendable que acabe sendo unha empresa holandesa a que acabe por ocuparse dun problema que é tristemente cotiá na costa atlántica galega, especialmente no norte. Ou tamén se unha zona que actúa como fondeadoiro non debería ter remolcadores con maior potencia de tiro dispostos a actuar desde un primeiro momento. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.