O Carballo Interplay pechou este domingo a súa XII edición coa gala de entrega de premios, despois de tres días nos que pasaron polo Mercado de Carballo proxectos novos e consolidados da rede en galego
O Carballo Interplay pechou este domingo a súa XII edición coa gala de entrega de premios, despois de tres días nos que pasaron polo Mercado de Carballo proxectos novos e consolidados, da rede en galego. Con nomes como Ana Polo, Bob Pop ou Facu Díaz e Miguel Maldonado e emocionantes encontros como o de Andy Chichester con Federico Pérez ou podcast en directo como Keep it cutre ou O Faiado. Sen esquecer conversas nos paneis “Abajo el trabajo” con Juana Dolores, Christo Casas e Puto Mikel e “Comunicar na diversidade” con Chaimaa Boukharsa, Lucía Mbomío, Voria Stefanovsky e “Guru” Jiménez. Ademais dunha Sección Oficial de series con vinte obras de todo o mundo, o festival despediu a XII edición coa entrega de premios.
As directoras Sonia Méndez e Andrea Villa destacaron desta edición a “especial atención á problemática da lingua nun ano no que o Carballo Interplay consolida o seu apoio á creación dixital en galego”. Ademais, amosaron a recepción “sen precedentes” de todas as actividades da programación na edición “máis social” ata o momento, unha liña de “pensamento e debate” que seguirán en próximas edicións.
Miguel Canalejo e Belén Puime foron os encargados de presentar a entrega de premios. Nesta edición consolidáronse os recoñecementos á Mellor Canle e Mellor Creador/a dentro da categoría de Premio á Creación Dixital en Galego. Desde a pasada edición procuran destacar proxectos en rede pola súa profesionalización, calidade e repercusión, apioando aos creadores que fan contido na nosa lingua.
Na categoría de Mellor Canle o galardón e o premio de 600 euros foi para Rebelico Revista, un proxecto multimedia sobre a cultura tradicional galega.
O xurado formado por Marta Pérez -docente na área de Comunicación Audiovisual e Publicidade da USC-, Andrea Villa -codirectora do festival e programadora de actividades-, Andy Chichester -filólogo, docente e xerador de contidos- e María Rúa -gañadora do premio na pasada edición na categoría de creación- valorou a calidade do pitching do proxecto e a “profesionalización da canle no último ano que mellora significativamente a súa calidade”.
“Epidemia Invisible”, do xornalista Román Varela, levou o premio a Mellor Produción. Unha proposta documental para tratar o tema da problemática da saúde mental en Galicia
Na categoría de Mellor Creadora o premio, tamén de trofeo e 600 euros, foi para a tiktoker e creadora de contido Sara Seco. O xurado despois de valorar o pitching destacou o “saber monetizar a desgraza, facernos rir con contido de lifestyle e da súa aventura no xulgado de Rianxo, así como explicar con calidade o seu proxecto creativo”.
O premio á Mellor Produción, pola súa banda, apoia proxectos en desenvolvemento cunha dotación de 3.000 euros que o equipo destinará á produción do mesmo. O premio ten como obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet. O xurado composto por Xosé Regueira -Concelleiro de Turismo e Promoción económica do Concello de Carballo-, Sonia Méndez -codirectora do Carballo Interplay- e Bea Saiáns -gañadora do premio o ano pasado e directora da serie “Delirio Sketches”- otorgou o premio ao proxecto “Epidemia Invisible”, do xornalista Román Varela. Unha proposta documental para tratar o tema da problemática da saúde mental en Galicia mesturando testemuñas e investigación. O xurado valorou do seu pitching como “aborda unha problemática contemporánea cunha clara exposición argumentativa desde diferentes puntos de vista”.
A Sección Oficial de series contou nesta edición con vinte proxectos de ata 12 países. O Xurado Oficial, formado polo xornalista e guionista Bob Pop, o cineasta Jorge Boquete e a actriz e creadora de contido Albanta San Román destacou a gran calidade e diversidade da seleccion. O premio á Mellor Serie foi para “The Pearl (Let´s make peace)”, unha comedia de Irán feita con stop motion dirixida por Abdollah Alimorad . O xurado destacou como ”une técnica, fondo e forma para remitir a memorias infantís” e o seu “espírito conciliador”. “Triple oh!” recibiu unha mención especial pola súa “frescura, descaro e o plantexamento de situacións inverosimíles e libres”. Ademais, foi a que máis conquistou ao público, quen lle otorgou coa súa votación o Premio do Público.
O Xurado Novo, formado por Celia Eiras, Lara Caeiro e Antía Rodeiro decidiu premiar á serie galega “A moza que abortou e o contou” das directoras Eire Cid e Rosalía Quiroga
Na categoría de Mellor Dirección o gañador foi o canadiense Alec Pronovost, pola serie de comedia “J'adore le jus”. O xurado destacou como logra “a dirección dunha serie que combina xéneros dun xeito brillante e, aínda co seu exceso de testosterona, amosa unha masculinidade que resulta non ser tóxica como otros productos contemporáneos”. Nesta categoría a mención especial foi para “My Dead Mom”, tamén de Canada, “unha gran serie que funciona dentro e fóra de festivais”.
O Xurado Novo, formado por Celia Eiras, Lara Caeiro e Antía Rodeiro decidiu premiar á serie galega “A moza que abortou e o contou” das directoras Eire Cid e Rosalía Quiroga, proxecto que xa gañou no Carballo Interplay o Premio a Produción en 2023. Outorgoulle unha mención especial a “Ça prend pas la tchas à Papineau”.