O Celta tira de orgullo galego-portugués e responde co 'Grândola' ao fascismo de seareiros béticos

Grada de Balaídos coa afección do Celta, durante o partido contra o Betis o 8 de febreiro. CC-BY-SA Celta Media

'Grândola Vila Morena' e 'Bella Ciao' soaron en Balaídos como resposta aos xestos fascistas da facción ultra do Betis

Poucas cancións refiren máis claramente o sentimento antifascista que o  Grândola Vila Morena, de Zeca Afonso. Por estas latitudes singra o imaxinario popular esa composición lusa e mais o Bella Ciao. Ambas as dúas cancións soaron pola megafonía do Estadio de Balaídos o pasado sábado, coincidindo co partido do Celta fronte ao Betis. 

Non houbo coincidencia nin casualidade ningunha na escolla destes temas na pasada xornada. Por desgraza, hai unha boa recua  de seareiros fascistoides nas bancadas de animación do fútbol profesional, e a do Betis é unha delas. Por se houbese dúbidas, os xestos fascistas coa man erguida foron moi claros durante o partido que, por certo, ían gañando os de fóra no descanso (0-2) ata que remontou con certa épica o Celtiña nos últimos minutos (3-2 final). 

O 'Bella Ciao' adoita soar no campo do Celta cando recibe a afeccións que teñen seareiros de ultra dereita, como o Atlético de Madrid

Nese descanso ao fío das 3 das tres da tarde, mentres no vestiarios equipo técnico e xogadores buscaban a fórmula para a remontada, no campo a afección –bocata en man- xa podía podía percibir aires de revolución co Bella Ciao soando por megafonía. Non é a primeira vez que soa este tema exportado de Italia que simboliza a resistencia (partisana) contra o opresor fascista. Pero , segundo relata un seareiro do Celta que adoita ir ao campo, “normalmente soa cando veñen afeccións de ultra dereita, como é o caso do Atlético de Madrid”, indica. Habitualmente, nos últimos tempos, soa no descanso música en galego como Keltoi ou Fillas de Cassandra, que remudaron outros como a sintonía do Equipo A que adoitaba soar.

Logo pasou o que pasou no campo: remontada nos últimos minutos no día en que o equipo levaba un brazalete do programa de TVE “La Revuelta” e a canción da Revoluçao dos Cravos cando xa rematara o encontro, para amenizar a espera aos ultras do Betis, que agardaban para saír cando xa se baleiraba o estadio. 

'Grândola Vila Morena', a canción da Revoluçao dos Cravos, soaba  ao rematar o encontro para amenizar a espera aos ultras do Betis, que agardaban para saír cando xa se baleiraba o estadio

“«Grândola, Vila Morena»: a resposta do Celta ao fascismo”, titulaba o xornal deportivo portugués A Bola nunha información publicada no domingo. Tamén o Público relataba o acontecido no campo de Balaídos, alé do fútbol: “Grândola, vila morena entoada em Vigo em jogo da Liga espanhola”  onde relatan, xa nunha información do luns, que o partido “foi destaque não só pela remontada histórica, como pela presença portuguesa antifascista no extrafutebol. Durante e após o jogo, uma facção de extrema-direita de adeptos do Bétis começou a entoar cânticos de índole fascista e alguns chegaram mesmo a fazer a saudação nazi, numa altura em que a equipa vencia por 0-2”.  “Já no fim do jogo, enquanto os adeptos abandonavam o estádio, o clube galego colocou a alto e bom som a icónica música de Zeca Afonso, Grândola, vila morena, que na Galiza também é conhecida por ser uma canção de forte oposição ao fascismo”. O Jogo, B24, SIC Noticias e moitos outros medios portugueses fixéronse eco do acontecido en Balaídos, en primeiro lugar, e despois xa foi correndo por outros medios galegos e do Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.