O 'Coche de Punto' consolídase en Pontevedra como transporte para a veciñanza do rural

O 'Coche de Punto' púxose en marcha no ano 2022 © Concello de Pontevedra

Trátase dun servizo a demanda que conecta todas as parroquias do concello con diferentes espazos do centro da cidade a través de viaxes en taxi solicitadas cunha aplicación

No ano 2022 o Concello de Pontevedra puxo en marcha o Coche de Punto. Tratábase dun servizo de transporte a demanda para a veciñanza do rural, conectando todas as parroquias con diferentes espazos do centro da cidade a través de viaxes en coche solicitadas cunha aplicación. 

Tratábase dun servizo novo, pensado sobre todo (pero non só) para as persoas maiores, que recuperaba un nome tradicional, o do vello coche de punto, un medio de transporte que se colle nun espazo determinado e pode chegar até outros lugares sen seguir unha ruta concreta. Oposto, polo tanto, ao coche de liña, que segue un trazado regular e predefinido.

Catro anos máis tarde, o servizo demostrou ser todo un éxito e o Concello de Pontevedra vén de anunciar a súa renovación ata o ano 2029. O concelleiro de Mobilidade, César Mosquera, informou da aprobación na Xunta de Goberno das bases reguladoras para a nova concesión do servizo, que terá unha dotación económica de 115.000 euros anuais. As condicións de uso manteranse exactamente iguais para os usuarios, que seguirán a pagar 2,15 euros por cada traxecto. 

O concelleiro César Mosquera dá conta do aumento de usuarios do Coche de Punto © Concello de Pontevedra

Dende a súa posta en marcha triplicou o seu número de usuarios, que xa superan os 400 ao mes de media. O Concello vai renovar o seu contrato ata o ano 2029

O uso do Coche de Punto multiplicouse case por tres dende a súa posta en marcha, pasando duns 170 usuarios mensuais nos seus inicios a superar os 400 na actualidade. Este importante incremento viuse impulsado, en boa medida, pola ampliación dos horarios ás tardes e aos sábados. 

Aínda que a maioría das viaxes seguen a ser dun único pasaxeiro, xa existe unha cifra significativa de desprazamentos con dous usuarios, ademais de rexistrarse 19 viaxes con tres pasaxeiros e 7 viaxes de catro persoas nun mesmo vehículo. Isto reflicte a capacidade do servizo para ir sumando e agrupando usuarios de diferentes orixes nun mesmo circuíto. 

En rolda de prensa, Mosquera destacou que se trata dunha solución "absolutamente novedosa e pioneira" que non existe no resto do Estado

En rolda de prensa, Mosquera destacou que se trata dunha solución "absolutamente novedosa e pioneira" que non existe no resto do Estado. "O proxecto está madurando e estase consolidando dunha maneira bastante exitosa", sinalou o edil, que engadiu que a nova duración do contrato permite asentalo de forma definitiva.

Mosquera aproveitou a comparecencia para criticar a "cruzada" que o PP local e o seu líder Rafa Domínguez mantén contra un servizo que se demostrou exitoso e necesario. "Unha vez máis os datos contradín o seu relato”, salientou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.