O conflito sanitario continúa e médicos de Primaria decidirán se secundan outra folga convocada en Vigo

Concentración da Asemblea de Área Sanitaria (AAS) de Santiago © AAS-Santiago

O Sergas afronta novos paros e mobilizacións. Polo momento, foron os médicos da Atención Primaria da área de Vigo os que convocaron folga para os vindeiros 7 e 8 de novembro ao considerar “insuficientes” as medidas levadas a cabo pola Consellería para paliar a sobrecarga asistencial que denuncian desde hai tempo. A vindeira semana, o 3 de outubro, serán profesionais da Primaria de toda Galicia os que decidirán se se unen a esta convocatoria que se suma ás protestas, folgas e concentracións que nos últimos meses se levaron a cabo nos centros de saúde do país. 

Médicos da área sanitaria de Vigo convocan dúas xornadas de folga os días 7 e 8 de novembro; os profesionais do resto de áreas decidirán se se unen aos paros

Os médicos de Vigo volven denunciar os escasos minutos que poden dedicarlle a cada paciente, a obriga de atender doentes sen cita ou a problemática que vén ante as xubilacións “masivas” de profesionais nos vindeiros anos. En asemblea, os convocados advertiron do “fracaso” do contrato de continuidade, das “ridículas” ofertas públicas de emprego e das “insuficientes” medidas para mellorar a asistencia e paliar a escaseza de persoal. 

Folga nun centro de saúde das Pontes, o pasado mes de xuño © María Chao

Ante esta situación, decidiron tamén levar a cabo concentracións ante os centros de saúde da área viguesa todos os xoves do mes de outubro e contan con organizar unha manifestación en Santiago para o próximo 26 de outubro. Con todo, rexeitaron un paro indefinido que tamén foi proposto. Agora, serán o resto das áreas sanitarias os que en asemblea decidirán se se unen a esta folga de dous días en novembro, unha medida que non é compartida por outras organizacións en defensa da sanidade pública. 

Ás protestas continuas da Atención Primaria únense ás mobilizacións da enfermaría eventual, que tece xa alianzas na busca dunha gran protesta

As protestas na Atención Primaria únense ás que a enfermaría leva realizando tamén desde hai meses da man de Enfermeiras Eventuais en Loita. Este colectivo, que mobiliza máis de 7.000 persoas e representa unhas 10.000, reuniuse xa cos sindicatos e manterá unha rolda de contactos con outras entidades no intento de convocar unha gran manifestación contra a “depreciación da sanidade pública” e pola fin da precariedade, ademais de esixir unha macro oferta de emprego ou acabar coa taxa de reposición. 

A loita das enfermeiras eventuais rachou os marcos da protesta sanitaria en Galicia, onde os movementos de protesta na Atención Primaria foron tamén variados e cambiantes. 

O conflito sanitario en Galicia non rematou tan sequera coa creación desa ampla mesa de diálogo impulsada polo Sergas para abordar o futuro da Atención Primaria, unha das medidas que sindicatos e colectivos reclamaran para desconvocar a folga de tres días que estaba prevista en abril. O Consello Técnico, a inclusión de cinco puntos “irrenunciables” nas conversas e o cambio no modelo de negociación detiveron aqueles paros, pero non o malestar xeral, que agromou en poucas horas. Tampouco o plan con máis de 100 millóns anunciado por Feijóo en plena campaña electoral

A Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP), que agrupaba sindicatos, sociedades científicas e diferentes entidades profesionais, dividiuse até quedar case sen funcionamento. Profesionais das áreas sanitarias galegas constituíronse nesa nova organización, Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS), que apoiou os paros dos médicos da área de Vigo do pasado mes de maio e convocou outra exitosa folga en xuño que a Xunta reduciu a un 21% de apoio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.