O coronavirus segue a frear con dous novos diagnósticos e un falecemento máis en Galicia

CC-BY-NC-SA Praza Pública

O ritmo da pandemia frea e así o acreditan as súas principais cifras. Os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade este 27 de maio, correspondentes ao día anterior, acreditan que nas últimas vinte e catro horas só se rexistraron en Galicia dous novos casos da covid-19 diagnosticados mediante proba PCR. Este dato, engadido ao único novo falecemento indicado polo Sergas, amosan ás claras o enlentecemento da expansión do virus, máis intenso nos últimos días.

Na última semana abrollaron 89 novos diagnósticos da covid-19, cifra que contrasta cos máis de 500 que chegaron a rexistrarse nun só día durante o pico da pandemia

Son as principais cifras dunha xornada na que o Ministerio continúa a actualizar a súa serie histórica tras comezar a aplicar o novo protocolo de datos -segundo o estipulado no BOE o pasado 12 de maio-. No caso galego, a serie estatal é a única dispoñible, porque o Goberno galego decidiu non divulgar a súa. Os datos estatais indican que nas últimas dúas semanas en Galicia abrollaron 89 casos, cifra que contrasta cos máis de 500 que chegaron a xurdir nun só día durante os peores días da pandemia.

O número acumulado de casos reportados pola Xunta a través dos seus partes diarios aumenta en 24. Á espera da actualización da serie completa do Estado, cabe deducir que os 22 restantes son positivos en test de anticorpos, que non necesariamente se corresponden á xornada previa, senón que poden ser de varios días atrás. [O Estado actualiza a serie histórica completa do coronavirus en Galicia, que a Xunta segue sen divulgar]

O Ministerio de Sanidade segue a "corrixir a serie histórica", que no caso galego é a única dispoñible ante a ausencia dunha do Sergas. O número de persoas falecidas en Galicia chega a 615, segundo a Consellería, mentres que o Estado reflicte polo momento 608

O número de persoas falecidas, o indicador máis sensible, está tamén pendente desa actualización. Os datos do Sergas indican 615 mortes pero os do Ministerio, polo momento reflicten 608. Segundo indicou o responsable de Emerxencias Sanitarias do Ministerio, o doutor Fernando Simón, esas discrepancias durarán uns días e débense fundamentalmente a casos duplicados ou a falecementos de persoas con síntomas, pero ás que non se lles realizara un test ou este non era concluínte.

Nesa liña, este 27 de maio o Ministerio especifica que está a "realizar unha validación dos casos" de persoas falecidas pola covid-19 que "permitirá corrixir a serie histórica", a cal no caso galego non existe á marxe da estatal. Esa serie histórica será actualizada "semanalmente" con casos de semanas pasadas e "de forma diaria, unicamente se suman ao total os casos nos que consta como data do falecemento a do día previo". Este reaxuste prodúcese despois de fortes variacións nos datos dalgúns dos territorios máis afectados polo coronavirus, como Catalunya e Madrid.

Á espera da finalización da revisión da serie histórica do Ministerio, que previsiblemente recolocará no tempo casos xa coñecidos ao xeito do acontecido a pasada semana, pola banda do Sergas o indicador de referencia continúa a ser o dos "positivos activos", sen especificar os casos novos do día malia transmitirllos ao Estado, como ordena o protocolo dende o pasado día 12. Ese indicador segue a descender e queda este 27 de maio en 823 positivos activos, 11 menos que un día antes.

O Sergas reflicte como "curadas" un total de 9.798 persoas, 34 máis ca no día previo

Mentres, as persoas que a Xunta reflicte como "curadas" -inclúen as altas hospitalarias, as altas domiciliarias e tamén as persoas que deron negativo en test de anticorpos tras dar positivo noutro, aínda que non ficase acreditado que pasaron a doenza- son 34 máis e quedan en 9.798. Deste xeito, o total acumulado de persoas que deron positivo pola covid-19 en Galicia dende o comezo da pandemia son 11.236, cifra resultante de sumar cada un dos partes da Xunta, toda vez que non existen datos abertos nin serie completa do Sergas.

Estas son as principais cifras dunha xornada na que o Sergas indica que o número de probas PCR realizadas chega ás 137.544. Son 1.485 máis que as procesadas un día antes, cando se rexistraran apenas 595, a cifra máis baixa dende os primeiros días da epidemia.

Sen hospitalizacións novas

O número de persoas na UCI con test positivo de coronavirus queda en 5, o máis baixo dende o 12 de marzo

Os datos do Ministerio permiten coñecer tamén -a Xunta non ofrece este detalle- que nas últimas vinte e catro horas non se rexistraron en Galicia novas hospitalizacións a causa da covid-19 e que os ingresos novos na última semana foron só dous. O número total de persoas ingresadas con test positivo, que a Xunta si revela, segue a descender e queda en 54, cinco menos que un día antes.

Con relación á xornada previa descenden en dúas as persoas ingresadas en unidades de coidados intensivos (UCI) con test positivo da covid-19 (se dan negativo, desaparecen da estatística aínda que sigan ingresadas por non estaren aínda recuperadas) e o total queda en só 5, o número máis baixo dende o 12 de marzo, segunda xornada con datos de hospitalización detallados. Mentres, en unidades de hospitalización ordinaria -en planta-, o número de persoas ingresadas aínda con test positivo é de 49, tres menos que na xornada anterior.

No que atinxe ás persoas que permanecen illadas nos seus domicilios tras daren positivo, este 27 de maio son 769, seis menos que na xornada previa. Entre elas inclúense 68 persoas residentes en centros de maiores e dependentes, cinco menos que o día anterior.

Leves aumentos de activos en Santiago, Vigo e Pontevedra

Como cada día, para coñecer a evolución da pandemia por áreas sanitarias, a única referencia segue a ser a variación dos "positivos activos" dos que dá conta a Xunta, toda vez que a información do Ministerio só chega ao nivel autonómico. É imposible, deste xeito, coñecer directamente onde se sitúan os novos diagnósticos.

Partindo deste atranco, a baixada de 11 positivos activos non se distribúe de xeito homoxéneo en todas as áreas. En tres delas aumentan levemente: Santiago (+6), Vigo (+4) e Pontevedra (+2). Nas restantes descenden e fano especialmente na de Ourense (-14). A incidencia (positivos por cada 100.000 habitantes) segue tendo Vigo como área máis afectada despois de que o fose a ourensá dende finais de marzo e ata a pasada semana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.